Opinión

Casado, trátase de caza maior...

O INICIO dun novo curso político no Congreso dos Deputados ven marcado pola segunda dimisión en menos de 100 días dun ministro do goberno de Pedro Sánchez. Neste caso, a ministra de Sanidade, Carmen Montón, envolta nun deses másteres que parece que os carga o diaño a xulgar pola ristra de representantes políticos que se ven inmersos nunha sombra de dúbida constante sobre a lexitimidade dos mesmos.

Depois de que un diario dixital arroxara todo tipo de dúbidas sobre o xeito de conseguir esta titulación unha das ministras que conformaban o núcleo duro de Pedro Sánchez todo parecía indicar, polo tipo de resposta dada desde Ferraz e desde Moncloa, que Carmen Montón se inclinaría polo comportamento tradicional no corpo político español orientando a súa defensa cara a un "sostenella e non emendalla" con argumentos que soaban moi parecidos aos esgrimidos no seu momento polo propio Pablo Casado e, incluso, cunha escenografía similar con exhibición de tapas e contratapas do traballo de fin de master (TFM) incluída.

Incluso, o propio presidente do Goberno se atreveu a saír, un par de horas antes de que a ministra anunciara a súa dimisión, na defensa da súa compañeira de gabinete dándose por feito que continuaría formando parte dese equipo feminista do que fai gala Pedro Sánchez, pero os estrategas de Ferraz, xogando a curto prazo e nunha nova liña política caracterizada polas refregas barriobaixeras, puxeron en marcha con rapidez e de xeito sorprendente unha típica xogada de xadrez consistente en sacrificar unha peza, aínda que sexa moi querida e cobizada, pensando en cobrar a medio prazo outra maior.

Aquí a estratexia está clara, deixar caer a Carmen Montón para poñer tódolos focos en Pablo Casado para ter a lexitimidade suficiente para debilitalo continuamente polo seu particular affaire co seu máster

Aquí a estratexia está clara, deixar caer a Carmen Montón para poñer tódolos focos en Pablo Casado para ter a lexitimidade suficiente para debilitalo continuamente polo seu particular affaire co seu máster e erosionalo de xeito continuo para evitar non so que remonte o seu voo particular como novo líder do centro-dereita, senón o do propio Partido Popular de cara a vindeiros comicios para os cales xa sonan tambores de guerra en Andalucía. Tampouco podemos deixar de estar pendentes de cómo se van ir desenrolando os acontecementos en Cataluña despois da celebración da Diada que pode condicionar a habitual chantaxe dos socios independentistas de Pedro Sánchez e derivar nunha situación insostible ata para unha persoa tan amante do funambulismo e os xogos de mans como o propio presidente do Goberno e verse obrigado a anticipa-las eleccións xerais...

Parece que a veda da caza maior está aberta no Congreso dos Deputados, e ante a insistencia de Albert Rivera de meterse no "lodazal", ao preguntarlle a Pedro Sánchez no Congreso pola súa tese doutoral (cum laude, non o esquezamos), o presidente do goberno montou en cólera, perdeu a súa habitual compostura e sorriso engaiolante e sinalando co seu dedo acusador á bancada dos deputados laranxas espetoulles ao puro estilo siciliano aquelo de "te vas a enterar"...

Desde logo unha expresión moi pouco apropiada e menos para Pedro Sánchez, líder dunha formación que se define como profundamente democrática, moderna, con talante conciliador e positivo e que se gaba públicamente de tender pontes e enarbolar o diálogo como ferramenta de entendemento ante problemas tan difíciles de resolver como a cuestión territorial aberta en Cataluña que, lonxe de se solucionar parecera ir camiño dun novo desastre...

En fin, que aqueles que nos prometíamos unha nova xeira política marcada por líderes doutra fornada, máis novos, doutra xeración, e que estabamos esperanzados en que España seguira a senda dos países de democracia avanzada do norte de Europa onde o acceso á vida pública é máis construtivo vemos que non, que se vai camiño do enfangamento, do enfrontamento sen senso a custe do avance dos pobos e do interese e o ben común.

Por desgraza, parece que non aprendemos nada nestes 40 anos de democracia e vaise camiño de perpetuar o modelo das dúas Españas, do enfrontamento fratricida e da política da destrución en lugar de apostar por posicionamentos construtivos como en países como Suecia, Dinamarca, Holanda e, incluso, Alemaña.

Dame a impresión de que se vai impor o vello modelo aquel que ten como máxima o seguinte principio de razoamento: Se o fixeron os outros está mal sexa o que sexa, ou non?

Comentarios