Opinión

Casares na nosa infancia…

MOITOS DOS que estamos a piques de cruzar a fronteira sin retorno do medio século de vida lembramos a Carlos Casares dun xeito especial. Polo menos no meu caso teño que dicir que o meu contacto con este escritor ourensán, que compartía co meu pai orixes veciñas con Xinzo de Limia, ven como casi todos da letura de A Galiña Azul. Quen lle diría a Casares que o título do relato infantil, penso que máis lido en Galicia, acabaría por bautizar á rede pública de garderías da Xunta de Galicia.

A min chegoume un exemplar da "Galiña Azul" cando fixen a Primeira Comuñón a través do agasallo dos meus tíos que eran mestres nunha escola unitaria en Couso (Campo Lameiro). Tamén recibín o meu primeiro globo terráqueo que aínda hoxe xira, cos achaques dos anos, pero que me acompañou toda a miña nenez como vehículo imaxinativo da miña axenda viaxeira imaxinaria por todo o mundo.

A verdade é que despois de ter entrado a formar parte, de xeito oficial, da gran familia cristiá, agardábame outra cousa: Unhas pistolas e unha estrela de sheriff, un coche ou unha bicicleta (soño inalcanzable daquela…); pero non, o que me regalaron foi unha bola do mundo e un libro en galego.

... o recordo desde agasallo que supoxo para min a apertura, o descubrimento, da existencia dun idioma cunha sensibilidade especial e cunha capacidade creativa que despertaba en min o meu interese para coñecer

Daquela eu fixera a Primeira Comuñón no colexio que entón se chamaba Colexio Menor Atlántico e onde tódolos meus compañeiros comungamos por primeira vez vestindo de maneira harmonizada o uniforme que estaba composto dunha americana azul marino, co escudo dun cisne branco sobre o xugo e as frechas, un pantalón gris, unha camisa branca e unha garabata granate que odiaba porque estaba prendida con gomas e da que ninguén escapábamos da cansina broma dos maiores sobre todo do "simpático" de turno que non deixaba de tirar e soltar do invento para fastidio noso; sobre todo nos actos oficiais onde había máis control por parte dos nosos mestres e o conseguinte castigo se a levabamos fóra do seu sitio habitual.

En fin, eu cun libro en galego, un idioma coñecido na casa pero prácticamente proscrito no colexio. Non me lembro de que ninguén o falara, nin profesores, nin compañeiros, polo menos nos inicios do meu periplo académico nos estertores do franquismo.

Así foi como nun deses días de choiva e aburrimento por non poder saír a xogar á rúa (antes os rapaces estabamos de seguido na rúa…) comecei a interesarme por un relato ilustrado con debuxos de moitas cores e que puña sobre a mesa un feito que eu sentía habitualmente na vida cotidiana no colexio e que tiña que ver coa loita entre a uniformidade que nos impuñan a través dunha vestimenta que odiaba e un modelo de igualitarismo pseudomilitarizado e por outra banda os desexos de manifestar a diferencia, a identidade particular como neno.

Non creo que daquela tivera tanta capacidade reflexiva e filosófica, pero a verdade é que gardei sempre con cariño o recordo dese agasallo que supuxo para min a apertura, o descubrimento, da existencia dun idioma cunha sensibilidade especial e cunha capacidade creativa que despertaba en min o meu interese por coñecer.

Máis adiante, xa como adolescente, fun coñecendo máis en profundidade a figura de Carlos Casares, a súa obra creativa e literaria e, tamén porque non dicilo, fun compartindo a súa admiración por personaxes como Carlos Marx ou o Che Guevara froito, supoño eu, do seu compromiso social na loita por un mundo mellor, "enfermidade" que todos sufrimos cando novos e que agroma para sempre no noso ADN pendente de que algún día volva rebrotar por necesidades do momento.

En fin, mil primaveiras máis para o Día das Letras Galegas e mil gracias para Carlos Casares, ou non?

Comentarios