domingo. 25.10.2020 |
El tiempo
domingo. 25.10.2020
El tiempo

A chegada do frío será a proba do 9 do Covid-19

O AUMENTO escalonado de casos de Covid-19 na comarca de Pontevedra preocupa non so ás autoridades sanitarias senón tamén aos propios cidadáns que vemos como van xurdindo casos con demasiada asiduidade superando incluso os detectados durante os días previos ao confinamento. Cada vez son máis os municipios que se ven sometidos a medidas restrictivas pautadas desde as autoridades sanitarias e decretadas polo goberno autonómico.

Os alumnos de infantil e primaria levan xa uns días incorporados ás súas clases e, en Galicia, xa son medio cento as aulas pechadas por problemas de positivos detectados entre o alumnado o cal indica que estamos ante un problema serio do que nos temos que ocupar todos, desde as autoridades sanitarias e gubernativas ata os propios cidadáns.

Nestas circunstancias, estanse incorporando estes días os nenos e nenas de ensino secundario cumprindo un ríxido protocolo para evitar calquera tipo de contaxio e buscando modelos organizativos para impedi-lo contacto entre alumnos para garantir, ao máximo, as aula burbulla como obxectivo profiláctivo fronte á pandemia. Tarefa farto difícil, por non dicir imposible.

Todas estas incorporacións ao sistema educativo presencial lévase a cabo previa xuntanza do corpo de ensinantes cos pais e nais para que lles inculquen, desde a casa, aos seus fillos os distintos parámetros de comportamento que deben adoptar na nova normalidade imposta polas restriccións do Covid- 19.

Moitos e variados son os protocolos a desenvolver, pero teñen como nexo de unión o feito de que si o neno ou nena presenta algún dos síntomas compatibles co Covid- 19, é obrigado dos pais e nais non enviar ao rapaz ao colexio ou ao instituto e deben poñerse, de inmediato, en contacto urxente co seu pediatra e o seu centro de saúde de referencia.

Unha vez comprobado o caso polo profesional de mediciña que teña a ben serlle asignado se determinará se o neno ou nena presenta síntomas sospeitosos e polo tanto entrar no protocolo pautado polas autoridades sanitarias ou, pola contra, reincorporarse ao seu centro escolar. Sobre o papel, en teoría, parecería un modelo doado de seguir para poder tratar calquera caso que se nos presente aos pais e nais momentos antes de que os nosos fillos abandonen a casa rumbo aos seus respectivos colexios. Pero, que ocurre si a liña telefónica está saturada ou entra unha grabación que imposibilita entenderse, xa non digo empatizar, con ela? Cal é o protocolo cando non haxa pediatra no centro de saúde por baixa do persoal ou ausencia do mesmo por variados motivos? Que pasa cando se están dando citas ordinarias para atender aos cativos a varios días vista, incluso unha semana? Que pasa cando o pediatra ten consulta un día á semana no centro de saúde e xa pasou? E si tivo consulta un xoves e non volve ata o martes?

Desde logo hai moitos interrogantes que son difíciles de resolver nos momentos nos que estamos. Esperemos que todas estas continxencias estean previstas porque o protocolo é moi estricto e o neno que teña síntomas compatibles co Covid-19 como son a tos, cansanzo, dor de cabeza, dores musculares, febre, etc. non debería ir ao colexio e tería que entrar no proceso de confirmación co seu centro de saúde para non incurrir en problemas relacionados co absentismo escolar e as súas implicacións legais xa que o mero informe paterno ou materno, en principio, non parece ser dabondo para xustificar a súa ausencia...

Agora ben, haberá que fiar moi fino a partir destes días nos que se achega unha onda de frío polar que soe traer problemas de resfriados, gripes, conxestión nasal, etc. para non confundir churras con merinas e acabar por colapsar o sistema de atención primaria. Sen esquecer que haberá a típica picaresca infantil ou adolescente que querrá colar algún que outro síntoma para evitar o engorroso exame de matemáticas ou de calquera outra asignatura que se lles atravese.

A chegada do frío invernal, a estación das choivas do outono que acabamos de estrear tamén será unha auténtica proba de fogo, unha proba do nove, para o sistema galego de saúde que terá que compaxinar a habitual sobrecarga invernal asistencial por mor das novas doenzas de temporada co medo que todos temos a ser vítimas do contaxio da pandemia que, de seguro, estará tamén pululando polo noso arredor e ao que non podemos ser alleos. Senón so nos quedará tirar do vello refraneiro castelán que di aire puro y agua clara harán tu vida más sana, ou non?

A chegada do frío será a proba do 9 do Covid-19
Comentarios