miércoles. 24.02.2021 |
El tiempo
miércoles. 24.02.2021
El tiempo

As Cíes, patrimonio dos galegos...

O FINAL do século XX e principios do XXI caracterízase por un concepto globalizador do mundo imposto por unha serie de factores que determinan esta realidade a través dunha serie de elementos comúns como son a economía, o fluxo da información, a educación, a comunicación, o modelo cultural, a escala de valores, etc. que fan moi difícil manter a riqueza da pluridalidade e da diversidade de tódolos pobos.

Eses elementos diferenciadores son os que dan a identidade aos pobos para pervivir como tales supervivindo ante uns modelos impostos que pretenden achandar todo aquelo que lles é diferente e polo tanto extrano, nunha concepción egocéntrica do mundo.

Así, fronte aos procesos globalizadores feitos dun xeito agresivo está a cultura do respecto, do talante, da colaboración desde a diversidade buscando favorecer a complementariedade, o intercambio e incluso a simbiose, a mextura e a mestizaxe ben entendida.

Entre ámbolos dous modelos érguese o localismo mal entendido, o chauvinismo presuntuoso e baleiro de contido, que busca no enfrontamento superar as súas propias eivas e complexos insatisfeitos acusando aos demais dos seus erros e incluso das súas frustracións.

Algo así parece estar a ocurrir en Vigo coa intención de diversos colectivos e administracións de promover a declaración do Parque Nacional das Illas Atlánticas, entre elas as Cíes, pero tamén Ons, San Simón, Cortegada e Sálvora, como Patrimonio Mundial da Unesco que tanto molestou ao rexidor olívico ata o punto de que Abel Caballero érguese novamente en adalid dunha nova cruzada, contra vento e marea, para defenderse dunha nova e inventada agresión contra esa cidade e os seus habitantes.

Alguén terá que dicirlle ao alcalde vigués que non pode vivir na permanente chamada a zafarrancho como modelo de facer política e buscar pola vía do enfrontamento o posicionamento continuo da súa cidadanía contra o resto dos mortais porque parece máis o comportamento dun déspota ególatra que dun demócrata consagrado como se reclama.

Seguramente esa política terá o adecuado consumo interno, como proban os excelentes resultados que colleita, pero un dirixente dunha grande cidade ten tamén que promover toda unha serie de valores de futuro que podan marcar o devir dos tempos cando el non estea, pero o problema é que este tipo de persoas pensan que son para sempre e que despois deles chegará o caos condenando aos seus conveciños a unha situación de crispación y alerta prebélica insufrible e que so pode conducir a estados de ánimo de alteración permanente e de psicose colectiva na que toda a cidadanía viguesa se ve sumida vendo pantasmas de marxinación e confabulacións por tódolas partes. E xa se sabe, de tanto buscar tres pés ao gato ao final atópanse…

Pero volvendo sobre o asunto inicial, diremos que o mércores foi presentada en Fitur a candidatura Illas Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas como "a candidatura de Galicia e de tódolos galegos" coa intención de supera-las actuais disensións que se mantén co alcalde vigués que segue empecinado en querer ser o neno no bautizo e a noiva na voda cando se trata dun esforzo colectivo por colocar no mapa do mundo mundial un lugar chamado Cíes que está enclavado no Parque das Illas Atlánticas, nun país como Galicia e nun estado como España. Con todas esas variables que o que buscan é que o turista poda localizarnos mellor como destino xeoestratéxico este tipo de liortas dan boa conta do perfil e a talla dos nosos políticos.

Seguramente Abel Caballero terá as súas razóns, como todo o mundo, pero comeza a ser un pouco cansino comprobar como ante calquera situación adversa non deixa de conxugar como un mantra o "yo, mi, me, conmigo… el, si, se, consigo…" que non leva a ningunha parte agás ao enfrontamento dunha cidade, a que ninguén lle nega o seu peso específico, a súa importancia e incluso o seu poderío, pero que non sempre é suficiente para convencer da comenencia dos seus argumentos refuxiado no enfrontamento permanente e no "si non me deixades, lévome a pelota porque é miña…".

O bo xestor, o bo político, non só ten que vencer polo uso da forza que poda ter senón pola vía da razón, do convencemento e a argumentación para fortalece-los seus posicionamentos que deberán ser na defensa dos intereses xerais buscando sempre nos demais os seus aliados e non os seus inimigos se non vai camiño de se converter (admito que poda ser sin querer) nun auténtico dictador, ou non?

As Cíes, patrimonio dos galegos...
Comentarios
ç