Opinión

O congreso dos socialistas gañouno Caballero, Abel, claro…

Como se dun vello señor feudal derrotado se tratara, Gonzalo Caballero abandonou o congreso entre berros de traizón e de deslealdade, arroupado por un grupo de fieis, os menos, os máis achegados

Cando xa se están a apagar as luces do Congreso dos socialistas galegos e os lamentos dos seguidores de Gonzalo Caballero van esmorecendo entre ruidos de portas que se pechan de golpe e outras que se abren, o PSdeG-PSOE comeza unha nova etapa da man de Valentín González Formoso, baixo a atenta mirada de José Ramón Gómez Besteiro e a bendición de Pedro Sánchez (xa o di o refrán: A quen Deus llelo dea, San Pedro, neste caso Sánchez, llelo bendiga).

O resultado do XIV Congreso Nacional do PSdeG-PSOE saiu a pedir de boca para Caballero e os seus partidarios (Abel) mentras que o seu sobriño Gonzalo tivo que abandonar o cónclave pola porta de atrás vilipendiado polo aparato do partido e desprezado pola gran corte de inimigos que se foi granxeando ao longo dos últimos catro anos que, amparados nos malos resultados electorais e no seu carácter imperativo, foron sumando os seus esforzos á vendetta, non menos fría e calculadora, que lle tiña preparada o seu tío Abel para cando chegara o momento… e chegou.

Como se dun vello señor feudal derrotado se tratara, Gonzalo Caballero abandonou o congreso entre berros de traizón e de deslealdade, arroupado por un grupo de fieis, os menos, os máis achegados, que foron quen de entonar polos pasillos un melancólico "tongo, tongo, tongo!" para escenificar a ultraxe á que foran sometidos, desde o seu punto de vista.

Pero este final non crean vostedes que foi casual, senón todo o contrario. Hai quen cre que é digno de Maquiavelo e unha base extraordinaria para crear un guión para unha serie tipo Xogo de Tronos. Os que así pensan din que, en realidade, foi o resultado dun plan perfecto, argallado desde hai moito tempo, polo seu tío Abel e levado á practica con mestría polas persoas de máxima confianza do alcalde vigués como son o secretario xeral da provincia de Pontevedra, David Regades, e a titular da Deputación, Carmela Silva, que pasa a ser agora presidenta do PSdeG-PSOE, unha figura carismática e sen poder orgánico, pero que encarna a demandada integración dos "derrotados" no proceso de primarias que se levou por diante a Gonzalo Caballero e que encimou a Valentín González Formoso como novo líder dos socialistas galegos.

Abel Caballero, coa súa astucia habitual, soubo agardar o tempo preciso para que o propio desgaste do cargo de secretario xeral e de cabeza de lista do PSdeG-PSOE, derrotado ante Feijóo, fóra servindo de prebe no que se fora cociñando a fogo lento a súa particular vinganza contra o seu sobriño, auténtica dor de moas durante anos na agrupación socilialista viguesa e agora desde a dirección autonómica dos socialistas galegos.

O alcalde de Vigo coñece perfectamente o nivel de desgaste que supón perder unhas eleccións autonómicas con resultados desastrosos. Non en van foi candidato fronte a Fraga no ano 1997 cun resultado lamentable para os socialistas galegos. Coreaban os seus detractores daquela época un eslogan demoledor que dicía: "De la lista de Caballero, no saldrá ni el primero…" E casi…

As primarias foron o campo de batalla onde Abel Caballero sabía que podería darlle un golpe certero ao seus sobriño sen levantar sospeitas, amparado na democracia interna do partido e coa coartada do voto militante para esquivar calquer tipo de responsabilidade sobre o que tiña que pasar e pasou…

Pontevedra "foi fiel", sen demasiado entusiasmo, ao "seu candidato" Gonzalo Caballero, cunha victoria clara pero discreta e insuficiente: O 60% dos votos chegaban para “xustificar” o "esforzo" e a posición da dirección provincial comandada por Regades, pero sería unha victoria pírrica que non impediría o triunfo final de Formoso, que condenaría ao ostracismo ao incordiante Gonzalo. Dito e feito.

Os números e os resultados saíron a pedir de boca. Victoria de Gonzalo en Pontevedra, pero insuficiente ante o resto de Galicia que lle daba a confianza maioritaria a Valentín González Formoso para desaloxar ao ponteareán da dirección dos socialistas de Galicia.

Agora só quedaba escenificar a unidade do partido pola vía da "reconciliación" a través da incorporación dos vigueses (principal agrupación en canto a peso específico e número de militantes en Galicia) ao novo proceso superador das eleccións primarias e que ten a obriga de pasar páxina e de restañar as feridas que este proceso democrático de "enfrontamento de modelos e ideas" poida ocasionar ao partido…

Dito e feito. A flamante nova presidenta do PSdeG-PSOE non é outra que Carmela Silva, man dereita de Abel Caballero, e muller con luva de seda e puño de ferro para seguir, desde Vigo, asindo con firmeza o timón que marque o novo rumo dos socialistas en Galicia.

Quizais sexa demasiado tarde para Gonzalo Caballero, pero seguro que desta aprendeu que en política todo muda para que nada cambie e, como as augas que volven sempre ao seu cauce habitual, no Partido Socialistas seguen mandando os que nunca deixaron de facelo, ou non?

Comentarios