Opinión

A corrección ante todo...

A EDUCACIÓN, o políticamente correcto, a hipocresía e o respecto polos demais son conceptos que ás veces mistúranse e non sempre se aplican de xeito axeitado ás circunstancias nas que nos atopamos. Lía eu hai uns días neste mesmo xornal que o número de agresións de usuarios da sanidade pública a facultativos e persoal dos centros de saúde ía en aumento dun xeito preocupante. 

Desde logo que é rexeitable e totalmente condeable toda agresión a calquera persoa, sexa un funcionario público, traballador ou individuo de a pé. Pero o que si está a suceder é unha percepción colectiva do común dos administrados de que cando chegas diante dun mostrador en lugar de sentirte ante alguén que está ao teu servizo parecera que nos situáramos diante dun auténtico muro que dificulta calquera relación racional entre os que están a un lado e o outro da ventanilla. 

O outro día contáronme un caso curioso que me chamou moito a atención. Chegou un paisano, xa maior, con boina das de antes, e dispúxose a retirar un informe médico da súa muller que, con Alzheimer e rotura de cadeira por unha caída fortuita, fora intervida cirúrxicamente nese centro sanitario concertado e, por diversas razóns que non veñen ao caso, os operarios que a trasladaran en ambulancia perderon ou esqueceron deixar o papeliño da alta no centro xeriátrico no que estaba ingresada a pobre da vella. 

Por vía dalquela cousa, como di unha veciña miña, o informe era preceptivo para que lle recetaran á pobre muller heparina inxectable que debía administrárselle diariamente durante un tempo, que tampouco ven ao caso explicitar. En fin, que o vello estaba no mostrador deste centro sanitario concertado porque xa lle fixeran as xestións desde a centro xeriátrico para que na sección de arquivo localizaran o debandito informe. 

O vello, con toda a educación e parsimonia do mundo, vestido de traxe oscuro e con boina, dirixiuse en correcto castelán ao administrativo de admisión sinalándolle que tiña que recoller o informe do cal avisaran da súa localización. Tan grande foi a súa sorpresa que o sobre non estaba e ante semellante desilusión só quedaba, segundo o administrativo, solicitar de novo e por escrito o "papelito".

Con cara de incredulidade, o noso amigo volveu dirixirse en correcto castelán ao administrativo para urxirlle unha solución porque a súa muller precisaba administrarse heparina e sin o preceptivo informe non se lle podía dispensar. O administrativo envalentonado e parapetado detrás do mostrador non se lle ocorreu mellor solución que dicirlle ao vello: "Lo que podemos hacer es que si lo necesita con urgencia, nos rellene este impreso en el que nos solicita que le facilitemos por correo electrónico el informe que nos pide. Eso sí, este papel tiene que estar firmado por la interesada donde le autoriza a usted para que pueda recibir, con la clave pertinente un archivo encriptado en PDF para que lo pueda decodificar y entregarlo en la farmacia o donde se lo pidan". 

O interesado, facendo gala dunha gran corrección, paciencia inusitada e, novamente, en castelán díxolle: "Perdone usted, es que no me entiende. Le digo que me han llamado ustedes diciéndome que el informe estaba aquí y que viniera a buscarlo con el carné de mi mujer y el mío. Y ahora me dice que no lo tiene y que tengo que llevarme un impreso para que los firme mi mujer encamada y con Alzheimer y que lo envía por correo electrónico?" 

O atento administrativo, sin amosar no seu rostro ni un pequeno xesto de compaixón polo ancián díxolle aquelo de: "Las normas son las normas, que son igual para todos y hay que cumplirlas". 

O vello aínda aguantou ben o golpe e despois de insistir durante longo tempo a base de explicacións de cómo viñera no autobús das 7.30 h. da maña, da distancia que existía ata a súa aldea nun concello distante de Pontevedra e tentar razonar do absurdo do tema, calou de repente. Agarrou a boina coa man e, agora sí, en perfecto galego de aldea que entendeu o administrativo á primeira, díxolle: "Ou me dades o informe da miña muller ou arde troia. Mecajona ou aparece ou dis por que non. Voume prender cunha cadea que xa verás como aparece". E efectivamente, o administrativo despertou da nube na que estaba, díxolle ao ancián que agardara un momento, volveu antes de que se cumpriran dez minutos co papeliño escrito en medio folio e despachou ao vello que marchou dicindo: "Xa sabía eu que non estaba pedindo as cousas como era debido, ou non?".

Comentarios