Opinión

Cousas da inflación e dos estudiantes…

Estes días están chegando os nosos mozos e mozas aos exames finais que porán punto e aparte a unha nova etapa das súas vidas marcadas polo curso escolar. Chegan os agobios, as présas, os apuros de última hora e a acumulación de tarefas e materia de estudio provocando situacións de tensión na convivencia familiar da maioría das nosas casas. Non son de extrañar estampas domiciliarias onde os pais e nais nos temos que transformar, por momentos, en pedagogos que recurren a todo tipo de didácticas explicativas para facer máis entendible calquera materia da que se teñan que examinar os nosos fillos. 

Despois de pasar por mil e unha reformas educativas, os que cursamos a famosa EXG seguimos estando á altura e mantendo certa vixencia de coñecementos para nos enfrontar, con certa dignidade, aos desafíos do presente en materias tan importantes da ESO como matemáticas, historia, lingua española e mesmo… economía. 

Palabras como inflación, deflación, déficit e poder adquisitivo forman parte do vocabulario dos alumnos de 4º da ESO que estes días están repasando a materia que será obxecto de exame. 

Cando hai que explicar en que consiste a inflación e a perda de poder adquisitivo das familias hai que facer un auténtico esforzo de contención para non deixar que a linguaxe malsoante se apodere de ti e calquera explicación que tiveras, a priori, pensado facer se convirta nunha baixada de santos en novena da que o teu fillo ou filla non ten culpa algunha. 

Unha vez armado de paciencia e recurrindo a calquera das filosofías tántricas, tes que manter en todo momento a concentración para evitar que te leven todos os diaños e respostar coa maior serenidade posible. Así, explicaraslle de xeito didáctivo e pedagóxico ao adolescente de turno que a inflación vén determinada polo aumento paulatino dos prezos de toda unha serie de bens e servizos dos que temos obriga de facer uso os comúns dos mortais. Aínda que o proceso comezara xa hai tempo, que saibas que a «versión oficial», a gubernativa claro, é que foi a consecuencia da Guerra de Ucraína… antes todo ía de perlas… (Sánchez dixit). 

Ao mesmo tempo mentres eses prezos persisten no seu empeño en marcar unha perversa tendencia á alza para medrar cara ao infinito preténdese que, para a súa hipotética contención, os salarios se conxelen marcando unha liña inamobible e de sosegado equilibrio procurando que acaden a representación gráfica dun encefalograma plano. 

Moitas veces, pese a esa sesuda explicación, o alumno non acaba de ver de xeito claro e meridiano os efectos da inflación sobre as economías domésticas. Aí é cando xa un vai perdendo máis a calma e se deixa levar por un fato de demos que turran dun para que perda os nervios e a paciencia. 

Nese instante é cando se debe coller aire con forza e facer exercizos de respiración asistidos polo cónxugue correspondente para impedir que dunha simple clase particular ao alumno afloren situacións de frustración e de cabreo por parte do improvisado mestre e remate todo como o rosario da aurora. 

Chegados a este punto é cando a calquera dos dous proxenitores se lle inflaman as gónadas e acaban erguendo o ton de voz ao dicir: "Si unha familia gaña un salario X e un goberno di que vai conter o prezo dos combustibles e da enerxía eléctrica mentres lle pide mesura e contención aos sindicatos na negociación colectiva pasando a inflación a acadar niveis nunca vistos nas últimas décadas e rozar o 10% mentres os convenios colectivos asínanse con subas do 2 ou 3% o poder adquisitivo das clases traballadores baixa na mesma proporción, aínda que de xeito inverso, a ese nivel inflacionario do prezo das cousas e servizos". 

Se o mozo ou moza segue poñendo cara de incredulidade e de "pana, non sei de que me falas…" é cando un acaba estoupando e pasando ao román paladino e di: "Que si antes papá ou mamá tiña capacidade de aforro para darche cada fin de semana 10 euros para que vaias tomar algo cos amigos, agora si che dan 5 euros vas que chutas. Entendéchesme agora?". 

Nese intre é cando o rapaz recibe a modo de mensaxe ou revelación divina o que se dá en chamar un "darse conta", abre ben os ollos e di: "Xa o entendín!" para concluir dicindo moi convencido: "Carallo!! pois si isto da inflación me vai foder a paga da fin de semana terei logo que falar cos avós, ou non?".

Comentarios