Opinión

Crónica dunha moción con morte anunciada...

A MIN non me gusta que ninguén, cando vou ao cine, me faga spoiler dun bo filme e incluso me parece de mal gusto, pero na presentación da moción de censura de Unidos Podemos contra o Goberno de Mariano Rajoy, pese a coñecer o desenlace final, quedeime a ver todo o que puden do desenrolo argumental desta película.

Creo que os guionistas pecaron de textos excesivamente longos que acababan por desvirtuar os contundentes argumentos que se presentaron diante da audiencia, non só daquelas Señorías que decidiron estar de corpo presente (seguro que de mente ausente) no hemiciclo seguindo as tediosas evolucións dos intervintes nun proceso regulado pola presidenta da Congreso, Ana Pastor (que interviu máis que para poñer orde eu creo que o facía para despertar ao público presente que xa esbozaba algún que outro bostezo e cabeceo furtivo entre as bancadas) senón tamén para aqueles intrépidos e atrevidos que foron quen de tentar seguir o debate pola televisión ou a radio.

Así, Irene Montero, voceira de Unidos Podemos e responsable de máxima confianza de Pablo Iglesias, consumiu casi dúas hora e media de tempo en xirar dun xeito case monocorde sobre os problemas de corrupción que sacuden a este país desde hai anos e que por momentos se reavivan grazas aos renovados aires insuflados por xuices que pasan do anonimato a ser centro de atención mediático ata que son convintemente ascendidos para deixar a instrucción a outros colegas con menos celo ou dispostos a enmendarlles a plana sin que se note demasiado.

Montero desgañitábase por momentos querendo chamar a atención do público e do propio Mariano Rajoy que, agás facer as súas típicas muecas ou ticks nerviosos parecía manterse impasible ou non concitado coas palabras de groso calibre que lanzaba como auténticos pillums a voceira de Unidos Podemos contra o líder do Partido Popular.

Pola súa banda Mariano Rajoy armouse de paciencia e aproveitou a súa veteranía política e condición de galego para, pausadamente, ironizar e amosar a súa particular sorna como fío argumental para descalificar as distintas acusacións das que era obxecto por parte dos seus adversarios.

Chegado o turno de Pablo Iglesias, candidato a suceder a Rajoy en caso de que prosperase a moción de censura, limitouse a expo- ñer con brillantez unha auténtica tese doctoral sobre o proceso de dominación das clases poderosas desde os tempos da Restauración coa alternancia política pactada en España entre Cánovas del Castillo e Mateo Sagasta dando por bo o turnismo para encauzar as aspiracións políticas de conservadores e liberais sin que correra perigo o sistema de reparto de intereses dos máis poderosos para aproveitarse do patrimonio público.

Iglesias, con mestría, foi ligando precedentes do século XIX con situacións análogas no XXI falando das porta xiratorias, da privatización dos beneficios e a socialización das perdas intercalando para elo casos do pasado con sucesos vividos recentemente no proceso de liquidación das caixas de aforro, as empresas públicas, os intereses en empresas de telecomunicación e enerxéticas, etc.

A verdade é que a súa exposición foi extraordinaria, pero creo que confundiuse un pouco de escenario e pensou que en lugar de tentar impresionar ás súas somnolientas Señorías e ao vulgo, atopábase na aula magna de calquera das univesidades do noso país ou da Facultade de Ciencias Políticas da Complutense.

Tampouco se esqueceu de falar do Estado plurinacional e de todas e cada unha das súas comunidades autónomas, eso sí, o 95% do tempo para Cataluña e o 5% restante para os demais, con guiños ao galego, o bable e incluso ao euskara, pero o importante era o catalán que aí si hai que rascar, debeu pensar el.

Logo tocoulle o turno a Albert Rivera que toreou como pudo nunha praza difícil, pero da que non so saiu airoso senón que evitou os pitos das bancadas e creo que mereceu algunha que outra orella a xulgar polas evolucións que fixo sobre o coso parlamentario con ocurrentes referencias ao líder de Podemos como Demoliciones Iglesias, sabedor de que esta moción de censura non era a súa guerra.

O PSOE, de momento, nin está sin se lle espera agardando a chegada do seu salvador e do congreso desta fin de semana onde Pedro Sánchez será unxido cos óleos e provisto do cetro de mando para lograr a salvación do seu pobo que está nunha auténtica travesía do deserto.

Ao final, pasou o que tiña que pasar e cada un aproveitou o escaparate da moción de censura, morta en fase neonata por falla de apoios, para o que realmente lle interesaba. Para os promotores, frenar a estrela ascendente do PSOE de Pedro Sánchez e tentar seguir sendo o referente da esquerda mentras que para o PP o importante segue a ser insistir en que non hai alternativa. Mentras tanto, os cidadáns de a pé a seguir coa súa loita cotiá pola supervivencia agardando a chegada de tempos mellores, ou non?

Comentarios