Lunes. 20.08.2018 |
El tiempo
Lunes. 20.08.2018
El tiempo

Da-la badalada...

MOITOS REFRÁNS e ditos hai para definir as relacións entre pais e fillos e viceversa, un dos vínculos máis complexos e que van evolucionando ao longo da vida con perspectivas e aristas moi diferentes ao longo do tempo. Así, podemos ver situacións moi variadas que van desde a permanente queixa sobre o pouco tempo que pasamos con eles ou, a medida que se van facendo grandes e comezan a voar por si sos, vemos con tristura como xa non precisan de nós e que cada vez teñen menos necesidade de pasar máis tempo con nós e prefiren relacionarse con mozos e mozas da súa idade e emprender un camiño propio moitas veces lonxe de nós...

Pois precisamente traio hoxe a colación no meu comentario semanal a relación entre pais e fillos, cunha vertente distinta, pero que me chamou moito a atención cando estaba a consultar as axencias de noticias e sobresaiu ante min unha información que falaba da detención dun presunto delincuente habitual e o seu fillo de 16 anos en relación á substración dunha campá nunha igrexa do centro histórico da veciña cidade de Redondela.

Ao parecer, o estado de alarma xurdiu no recinto relixioso entre os responsables da igrexa e os operarios dunha empresa que tiveron que desmontar unha campá de 50 quilos de peso e baixala do seu lugar habitual para poder afrontar con plenas garantías unhas obras de reforma integral no sacro recinto. Aproveitando o habitual lío que se xera nestas circunstancias nas que todo está patas arriba e cun panorama desolador marcado polo caos e unha sórdida confusión que invadía absolutamente todo, desde o confesionario ata a sancristía; un grupo de desalmados, provistos dun vehículo de alta cilindrada, o indicado para este tipo de ocasións, é dicir, raudo e veloz, un Audi A-4, accederon ao templo desde un edificio contiguo e birlaron diante de propios e extranos unha campá de medio cento de quilos para a súa posterior venda como ferralla para fundir esquecéndose do seu valor artístico e xa non digamos sentimental e relixioso...

Avisada a Policía de tan sonora desaparición e ante a sospeita de que os ocupantes do vehículo anteriormente citado foran os presuntos autores do roubo con forza (polo peso da campá metálica substraída), os axentes comezaron a tirar de axenda e tentar localizar aos delincuentes habituais sen oficio nen beneficio e, como ven sendo de rigor, foron sometidos á preceptiva comprobación de coartadas para determinar a súa inocencia ou presunta implicación en tamaño sacrilexio e poñelos ante o xuiz se fora preciso.

Pois dito e feito, a Policía, que non é tonta, deu rápidamente coa banda de asaltantes de igrexas coa desagradable sorpresa de que un dos presuntos autores do mesmo era un pai de 36 anos que acudira a realizar a súa tarefa de rutina acompañado polo seu fillo menor de idade, de 16 anos, ao que parecera que lle estivera a ensina-las vellas mañas do oficio.

Non é menos certo que hai tradicións que soen pasar de pais a fillos e que non hai mellor mestre que o proxenitor para aprenderlle ao seu vástago os segredos do oficio, pero nesta ocasión non pasaba nada si se deixara extinguir nesa familia unha tradición marcada polo amigo do alleo, que non pode conducir a nada bo, e como pouco, seguro que o leva a ocupar unha das celas do cárcere da Lama, por exemplo.

Coñecedores desta nova, non faltou quen comentara aquello de a familia que rouba unida, permanece unida, aínda que non creo que fora motivo de satisfación para ningún pai ver como a súa prole prefire adicar parte do seu tempo a axudar no aprendemento dese proceloso oficio de apropiarse do alleo en lugar de ir de parranda ou de entroido cos seus colegas.

Si o caso caíra en mans do xuiz Calatayud seguro que nos sorprendería cunha sentenza exemplarizante que buscara apartar ao rapaz dos malos vicios do seu proxenitor e arrumbar mellor a súa vida. Seguro que o maxistrado granadino non tería reparo algún en enviar ao pai a repinicar a campá sustraí- da a saída da misa e ao seu fillo a empregarse como monaguillo en misa de doce, ou non?

Da-la badalada...
Comentarios