Opinión

Pablo, cando é non e non

 ESTO DA política, cada vez importan máis as apariencias que a realidade das cousas. Trátase de envolver todo nunha especie de xogo de prestilixitación onde o importante é ofrecer unha boa imaxe e lograr o "tarjet" mediático consistente en quedar sempre de "guai" e de gran estadista. Para elo o método é a distración, o movemento acompasado de mans, un xiro rápido no último momento e "vualá"… sae un coello da chisteira para gañarse o aplauso de respectable público.

Non pasa nada porque ninguén, e cando digo ninguén refírome tamén aos medios de comunicación que deixaron de ser hai tempo (e máis coa crise económica) elementos críticos da nosa sociedade para formar parte do espectáculo de distración das grandes masas.

Así temos políticas orientadas a riza-lo rizo, baleiras de contido e retroalimentadas polos seus protagonistas para manter en total apatía ao respectable público, cando non hastiado, para que nese estado casi comatoso pola inoculación dunha especie de burundanga colectiva no-la podan meter dobrada… 

Fago este amplio preámbulo para tentar explicar a situación política en España despois do último (non sei si será o derradeiro) intento de Pablo Iglesias e de Unidas Podemos de conformar un goberno progresista con Pedro Sánchez ao tempo que tenta quedar ante a opinión pública como o «esforzado da ruta» para que se poda conformar un executivo sen ter que pasar de novo polas urnas, de prognóstico incerto (cando non desastroso) para os esquerdistas. 

Apenas 4 horas despois de recibir este ofrecemento, Pedro Sánchez reiteroulle a Pablo Iglesias outro "non" rotundo a conformar un goberno bipartito ou de coalición e depositou convintemente na papeleira o sesudo documento con máis de cen follas elaborado con sumo coidado e cariño polo equipo político-técnico (incluídas as convintes renuncias de todo tipo para evitar aspaventos dos socialistas) de Unidas Podemos.  

Así que, querido Pablo, como cantaba a popular Conchita Velasco: "No te quieres enterar, o ye, ye, ye…" que o único Yeyé da película é Pedro Sánchez, que é o que está de moda e non lle vale calquera programa por moi bo e xeneroso que sexa, que o quere todo. Que non quere comparti-la gloria con ninguén, por moi progresista e de esquerdas que sexa o amigo Iglesias.

Hai tempo que os gurús socialistas decidiron que hai que volver pasar polas urnas (a inestabilidade política e o custe económico que esa decisión poda supor para o país é o de menos) para engrandece-la súa gloria e mellorar resultados, como está empeñado en dicirnos e convencernos o profesor tezanos coas súas reiteradas enquisas do CIS que, a modo de profecía autocumprida (ver un recente artigo publicado por este cronista en diario de Pontevedra), vai tecendo o seu xogo prestidixitador para que caiamos na súa rede e os electores acaben por lle dar a maioría suficiente para seguir no poder, que é do que se trata (non busquen outra explicación, non hai outra). 

O de menos son as políticas prácticas eficaces e eficientes, ás que se aplican aprol das persoas. Esas son o de menos. En 13 meses desde a chegada ao goberno de Pedro Sánchez e os seus non hai máis que promesas, insinuacións e "cenorias diante dos fuciños" para que vaimos avanzando cara onde nos queren levar sin ter en conta nada do que nos rodea (recesión económica en Alemania e polo tanto en Europa, guerra comercial EEUU-China, aumento do gasto público improdutivo…). O importante é perpetuarse no poder e non abandonar a Moncloa. O resto… que arree! 

En todo este tempo estamos sendo gobernados polos "delecnables" orzamentos prorrogados de Rajoy (lémbranse? Aquel pontevedrés de adopción que tivo que lidiar cos "homes de negro" por culpa daquela "prima" desbocada…, o individuo ese de barbas ao que lle fixeron unha moción de censura…) e cun tempo precioso que vai pasando mentras imos rotando de ocurrencia en ocurrencia (medidas anti vehículos de gasoil con consencuencias catastróficas no sector automobilístico, por exemplo, conxelación, cando non secuestro, dos 700 millóns de euros a Galicia e o resto das comunidades autónomas…).

En fin, o dito, que non te enteras Contreras… que "non" é "non" en calquera relación e nesta, na política, aínda que haxa estranos compañeiros de cama, entre Pedro Sánchez e Pablo Iglesias non se vai a reeditar, de momento, o famoso dúo animado da nosa época infantil coa televisión en branco e negro, do Pedro e Pablo, porque ao primeiro non lle interesa e o segundo está en decadencia, ou non? 

Comentarios