Opinión

De redes e enredos...

DESDE OS últimos anos estamos asistindo, polo menos nos pequenos concellos, a unha irrupción da política nas redes sociais que, desde logo, a min cáusame maior decepción certificando, unha vez máis, que politizar as cousas acaba sempre provocando que calquera órgano onde se inocule acaba por gangrenarse.

Este exemplo dase máis nos pequenos e medianos concellos que na alta política, aínda que tamén, onde uns apostan por substituir os parlamentos, as asembleas rexionais e incluso os plenos municipais polos debates nas redes sociais onde hai de todo desde os chamados «trolls», «odiadores», «folloneros», etc. todos aqueles que levan a contraria por costume e sin argumentos, pero que destrozan todo aquelo por onde pasan. Tamén están os indocumentados de todo tipo que acaban provocando que o persoal opte por abandoar unha ferramenta que, a priori, podería respostar ás necesidades de participación cidadá na vida política.

Así temos, por exemplo, que nas redes sociais o feito de que un determinado representante político se tome unha coca-cola nun «establecemento hostaleiro» provoca unha reacción do respectable que superaría, con creces, calquera avalancha de comentarios relacionados con casos de flagrante corrupción ou malversación descarada de fondos públicos.

Pero tamén ocorre na política de proximidade, nos pequenos e medianos concellos do noso entorno, onde a presenza de alcaldes e concelleiros resulta a todas luces obrigada nas redes sociais onde calquera parece que ten a obriga de ter que se someter a todo tipo de escarnio público, insulto, críticas subidas de tono, non polo contido senón pola forma, facendo dese foro un auténtico escenario cibernético do que antes eran os linchamentos dunha turba incontrolada ou as lapidacións públicas.

O feito de escribir no «muro» parece que nos dera todo tipo de dereitos de impunidade e si non intervimos neses foros con especial dureza e vehemencia semellaría que estamos armados de menos razóns, convertindo esa intervención nun auténtico rosario de insultos e faltas de educación e respecto cara a quen se pretende criticar.

Hai quen empeza a cualificar este fenómeno de «política de aldea nas redes», entendendida dun xeito pexorativo (referido aos «contos de pasacamiños» ou «correveidiles») onde difamar se está a converter no elemento fundamental de desgaste do adversario por aquelo de que o «minte que algo queda» segue a ser un principio que na cidadanía desinformada cala con eficacia inusitada.

Antes dicíase que quen non estaba en internet, non tiña unha páxina web, non existía; pero agora aquela persoa que non estea no facebook ou no twitter ou non teña instagram non é ninguén e xa non pertence a este mundo.

Así, os políticos de agora, sobre todo os que ostentan labores de goberno, vense na tesitura de ter que estar nas redes aínda a espensas de convertirse en blancos fáciles de todo tipo de personaxes, moitos ocultos tras unha identidade falsa, que como si tiveran patente de corso amósanse con dereito a dicir o que lles pete sin o máis mínimo decoro.

O peor é que moitos acaban confundindo as redes sociais cos medios de comunicación e tamén algúns xornalistas acaban esquecendo que un dos principios deontolóxicos da profesión é precisamente a veracidade, a presunción de inocencia e o contraste con diversas e variadas fontes da orixe e da certeza da información que se vai divulgar, conscientes da necesidade de reivindicar o oficio do xornalista como profesión baseada nunha escala de valores onde a ética debe brilar con luz propia.

En fin, que ás veces o persoal, víctima de mil impulsos e estímulos acaba por pensar que o touciño e a velocidade son a mesma cousa e non son nin parecidos, ou non?

Comentarios