Opinión

Por Deus que non sexa como o Plan E!

Xa comeza o espectáculo de cifras e letras sobre a aplicación práctica dos 140.000 millóns de euros que a Unión Europea facilitará ao goberno español nos vindeiros seis anos para mitiga-los graves efectos da crise económica derivados da pandemia da Covid-19. Entre os datos máis chamativos están os 800.000 postos de traballo que Pedro Sánchez acaba de prometer que se crearán ao longo dos primeiros tres anos (lembren que na época de Rajoy creábanse 500.000 postos anuais a todas luces insuficientes) e que irán destinados a recolocar á inxente cantidade de traballadores e traballadoras que se estima perderán o seu emprego ao longo dos vindeiros meses. 

Pedro Sánchez presentou, con postureo mediático e cunha impostada escenificación internacional a través da presenza dos embaixadores da Unión Europea, os eixos fundamentais do bautizado como "Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia de la Economía Española", é dicir, algo moito máis rimbombante que o famoso Plan E de José Luis Rodríguez Zapatero de hai unha década e para combatir, tamén, unha crise económica. 

Neste caso serán "10 política tractoras" con especial incidencia na transición ecolóxica, cohesión social e territorial, dixitalización e igualdade de xénero. E, segundo manifestou o presidente do Goberno, todos os ámbitos de actuación "están en liña coas esixencias e recomendacións de normativa europea", faltaría máis... 

Desde Europa están sempre atentos (motivos non lle faltan) para previr a "picaresca" dos países mediterráneos polo que para controlar o investimento e a eficacia das actuacións, o Goberno terá que crear "foros de alto nivel" en moi diferentes ámbitos e poñerá en marcha "mecanismos de rendición de contas". 

Desde Europa están sempre atentos (motivos non lle faltan) para previr a "picaresca" dos países mediterráneos

A intención, como non pode ser doutro xeito, é que todo este esforzo investidor que virá de Europa sirva para "moderniza-la economía española", eso si, todo a través de "plans estratéxicos" como o de "mobilidade sostible" e un plan integral de rehabilitación de vivenda e rexeneración urbana; un plan de estratéxico de mobilización e dixitalización do sistema agroalimentario e da cadea loxística, centrado na produción ecolóxica; un plan de preservación da biodiversidade cun fondo para a restauración e a recuperación ecolóxica; políticas de renovación enerxética; de modernización e dixitalización do tecido produtivo; plan nacional de capacidades dixitais de toda a poboación; de impulso á Formación Profesional, etc. etc.

Desde logo moitos son os que xa están a sacarlle parecido entre a teoría e a práctica co Plan E de Zapatero que representou un descontrol de gasto en tempo récord para evitar o desmoronamento da actividade económica (sobre todo a relacionada coa construción) e que trouxo consigo toda unha serie de despropósitos e medidas ineficaces e ineficientes que fixeron que en Europa máis de un se botara as mans á cabeza e non tanto porque nalgunhas obras era máis caro o cartel que se poñía e o despliegue mediático que os traballos a realizar en si senón polos proxectos acometidos. 

Lémbrome que daquela, un amigo me levou a xantar a un restaurante de Vigo rexentado por un emigrante de Vilanova retornado de Alemaña onde estivera vivindo moitos anos (de feito a súa filla casara e fixera vida alá). Comentando precisamente o Plan E, que naquela era motivo de apertura de telexornais, falaba de que el vivira o proceso de reunificación alemá e o método que levaron a cabo os xermanos para dinamiza- la economía do este do país era moi distinta ao que se fixera en España co Plan E e dicía: Mentras en España estamos pensando en aumentar o número de farolas para brilar máis que ninguén ou instalacións de todo tipo de alto consumo enerxético, na Alemaña polo que se preocuparon cos seus investimentos foi en facer máis eficiente, de cara ao consumo e ao aforro, o que xa tiñan promovendo que os novos investimento foran canalizados cara iniciativas sostibles e que favoreceran un menor custe de mantemento en tempos de crise, mentras que aquí se fixo todo o contrario. Tiña a teoría de que os españois sempre tiñamos a altura de miras moi a curto prazo. 

Por eso ás veces non é tanto dispor de fondos para investir, que desde logo son fundamentais, senón ser capaces de te-la visión suficiente como para saber cara onde tes que destinar esas accións de futuro deixando de lado o "pan para hoxe e fame para mañá" ao que tan ben estamos acostumados sobre todo pola caste política que se encarga de dirixir os nosos designios, máis centrada en recuncar e contentar ao seu electorado que en pensar en clave de país, ou non?

Comentarios