Opinión

A dignidade de Campo Lameiro contra Goliath

"Así, Abanca foi pechando as oficinas de Soutelo de Montes –Forcarei–, Carril e Vilaxoán –Vilagarcía–, Seixo –Marín–, Carballedo –Cerdedo-Cotobade– e agora anuncia as sucursais de Campelo –Poio e Campo Lameiro"

PARA OS que residimos no rural e temos un forte sentimento de apego á nosa terra dóenos de xeito especial o feito de que se fale con frialdade e distancia –mesmo hipocresía– da vontade política de loitar contra o despoboamento e por evitar a toda costa a Galicia baleira.

Certo é que o papel sopórtao todo. Resulta doado facer todo tipo de declaracións de cara á galería para quedar como un auténtico campión diante dun problema concreto que afecta a un importante número de persoas. O inconvinte ben cando hai que pasar da teoría á práctica ou das palabras aos feitos. É dicir, deixar de predicar para dar trigo…

Levamos uns meses asistindo casi que de xeito impasible a unha serie de medidas que, polo mero feito de que se toman desde a empresa privada parecera que estiveran totalmente lexitimadas e, desde logo, desde o punto de vista legal parece que si. Pero desde a ética e a moral? Estoume referindo ao rosario de peche de sucursais de entidades bancarias, especialmente de Abanca, no ámbito rural ou de pequenos núcleos de poboación alegando cuestións de mellora da operatividade da entidade ou mesmo razóns de carácter economicista.

Así, Abanca foi pechando as oficinas de Soutelo de Montes –Forcarei–, Carril e Vilaxoán –Vilagarcía–, Seixo –Marín–, Carballedo –Cerdedo-Cotobade– e agora anuncia as de Campelo –Poio– e Campo Lameiro –a única entidade bancaria no municipio–.

Parece quedar atrás aquelas belas palabras pronunciadas no seu día polo empresario de éxito venezolano –eso sí, con raíces no mundo rural en terras asturianas e leonesas das que quixo presumir–, Juan Carlos Escotet, relativas á petición de confianza, comprensión e mesmo solidariedade cun proxecto financeiro que se facía cargo da herdanza das antigas caixas de aforros cunha clara vocación de ser un instrumento válido para impulsar as potencialidades económicas da nosa terra sen esquecer o pasado e a vocación social das nosas caixas –por certo, a de Pontevedra encargada a súa creación, no seu día pola Deputación, a Alenxadre Bóveda de quen se conmemora estes días o cabodano do seu asasinato polos fascistas que apoiaron o Alzamento Nacional–.

A resultas daquel alegato, os galegos confiaron de novo no seu banco e non fixeron retiradas masivas dos seus fondos –o maior risco e perigo ao que se enfrontaba Escotet e os novos xestores de Abanca– senón que, ao contrario, os galegos volvemos amosar o noso espírito aforrador en tempo de crise e redobramos a súa confianza na entidade financeira que rexurdía das cinzas de Novagalicia Banco –por certo, por un módico prezo despois do rescate bancario ao que contribuímos os españolitos de a pie cos nosos impostos–.

Agora cambiaron as tornas. Abanca xa navega soa, non só resulta unha entidade solvente con beneficios que reparte entre os seus accionistas senón que se atreve a lanzar ofensivas investidoras no extranxeiro ou optar a absorber outras entidades de características similares para agrandar aínda máis o seu tamaño e capacidade de negocio.

Atrás parecen quedar aquelas promesas de ser un banco galego por e para os galegos, cos pés na terra, con cabeza e tamén con corazón…

Certamente pensan vostedes que no peche da oficina, por exemplo, de Campo Lameiro hai detrás razóns de índole económico insalvables que fan irremediable o peche dunha sucursal ubicada nun edificio de propiedade de Abanca –polo tanto non ten que pagar un alugueiro abusivo– que pode ser atendido por un par de operarios? Tanto pagan en Abanca que non poden afrontar o salario de dúas persoas e os gastos de funcionamento dunha oficina como a de Campo Lameiro?

Onde está aí a aposta de país? Non sei si a oficina de Campo Lameiro segue a ser modélica –como comentaba algún veciño estes días lembrando a época de Caixa Galicia e mesmo se preguntaba: "non sei cantos cartos moverá pero cando fora das preferentes quedaran enganchados en Campo Lameiro máis dun millón de euros que non é moco de pavo"–, o que si é certo é que é a única entidade no municipio que ten un modesto, pero importante tecido comercial e empresarial, cun polígono industrial, uns 2.000 veciños   –a maioría moi envellecida e vítima da fenda tecnolóxica que impide que se manexen con caixeiros intelixentes ou banca electrónica e todo o dereito do mundo a ter uns servizos bancarios como Deus manda.

Cando un asume un negocio tamén o fai desde o punto de vista da responsabilidade social e da imaxe de solvencia e solidariedade coa terra na que está establecido. Outro plantexamento responde máis a vellos conceptos coloniais, trasnoitados, do século pasado, lonxe de calquera modelo avanzado de sociedade e de desenrolo empresarial.

Agora a Corporación Municipal ten convocada unha manifestación para o vindeiro venres 27 de agosto. Fanno desde a carraxe, a dor e a dignidade. Saben que é moi difícil dobregar a Goliath, pero desde logo está claro que cando David se enfrontou ao xigante filisteo facíao desde a convicción de que o que peor que lle pode pasar a un pobo é resignarse porque iso sería unha especie de suicidio colectivo. Campo Lameiro e todos os pequenos pobos que se mobilizaron antes ante contra o peche de oficinas bancarias estanno facendo por unha cuestión de dignidade. Agora so falta que o lexislador tome nota e obrigue mediante a lei para recordarlle aos xigantes financeiros que nunha sociedade avanzada hai que estar ás duras e ás maduras porque diso depende o futuro do noso pobo, ou non?

Comentarios