Opinión

A dignidade e o Mundial de Catar, un xogo de pelotas...

Os acontecementos deportivos mundiais son un escenario apetecible para poñer de relevo reivindicacións, situacións de marxinación ou mesmo defender os dereitos humanos. Tradicionalmente, as Olimpiadas son especialmente sensibles a que atletas de diversos países e condicións aproveiten para visibilizar situacións de marxinación ou desiguladades sociais que precisan dunha atención por parte das conciencias colectivas que teñen posta a súa máxima atención nos escenarios deportivos.

Ninguén dubida da importante plataforma mediática e política que ofrecen este tipo de competicións que son seguidas a nivel de todo o mundo. Así, durante os Xogos Olímpicos de Berlín, no ano 1936 e en pleno ascenso do nazismo, Jesse Owen evidenciou ante Adolf Hitler que a pretendida superioridade da raza aria quedaba relegada ante as catro medallas de ouro conseguidas polo atleta afroamericano que representaba aos Estados Unidos. Curiosamente, dise que o Fürher non lle quixo estreitar a man como xesto de desagrado polas victorias conseguidas.

Tamén parece que foi certo que, naqueles tempos difíciles do racismo norteamericano, á volta desas Olimpiadas, o presidente Franklin Delano Roosevelt nunca o recibiu na Casa Branca (como fixo cos outros deportistas brancos) por darlle prioridade ás súas campañas políticas na procura de conseguir o voto sureño, moi reticente á participación de atletas de cor nos Xogos Olímpicos para representar ao seu país.

Owens foi relegado na sociedade norteamericana ata o extremo de que pese a que foi o gran triunfador das Olimpiadas de Berlín, tivo que volver a ocupar o seu posto como botóns do hotel Waldorf-Astoria.

No ano 1968, os Xogos Olímpicos de México serviron de escaparate para amosar a loita e a reivindicación dos atletas de cor que, asumindo a responsabilidade e a representatividade da súa raza diante do mundo, non dubidaron en poñer en evidencia a marxinación social que vivían en moitos países desenrolados poñendo en entredito o "apartheid" como xeito de goberno non so en Sudáfrica senón tamén nos propios Estados Unidos de América, o país das liberdades por antonomasia e onde as leis dos estados sureños evidenciaban que había grandes diferencias e distancias entre os cidadáns brancos e os de cor.

A presenza dos "Black Powers" na subida ao podio das diversas competicións onde os medallistas negros copaban parte dos chanzos de honra fixeron que esta reivindicación acadara tamén dimensións planetarias e puxera en tela de xuizo a chamada "Carta Olímpica" que prohibía e prohibe todo tipo de reivindicación política, social ou relixiosa, entre outras.

Outros xestos como o de Cassius Clay (Muhammad Ali), que se fixo musulmán e obxector de conciencia, supuxeron tamén unha importante sacudida para as conciencias do momento e lle costou ao púxil norteamericano ter que renunciar a moitos dos logros deportivos que conseguiu con moito esforzo e sacrificio. Fíxoo en defensa do que consideraba xusto.

Si damos un salto ata os Xogos Olímpicos de Tokio, de hai dous anos, vemos que tamén foron escenario de reivindicacións sociais de toda índole. Feministas, LGBTI Q+, antirracistas ou a saúde mental protagonizaron gran parte das protestas e reivindicacións que foron exhibidas diante de todo o mundo.

Así, unha das primeiras en alzar a súa voz, mesmo antes de chegar a Tokio, foi a nadadora española Ona Carbonell. A líder da delegación cargou contra a organización dos Xogos despois de que non a deixasen levar ao seu fillo Kai, que se atopaba en período de lactancia, e puxo sobre a mesa a discusión sobre a conciliación familiar.

Por outra banda, a selección xermana de ximnasia artística levou a Tokio a súa loita contra a sexualización no deporte e presentáronse con traxes de corpo enteiro que chegan ata os nocellos no canto da tradicional camisola. Querían demostrar que cada muller debe ter capacidade para decidir que roupa pode levar en cada momento e tamén á hora de competir, sempre e cando cumpra cos requisitos e as normativas do "fair play".

E así, ata chegar ao Mundial de Fútbol de Catar onde moitos futbolistas e seleccións nacionais acudían coa conciencia clara de aproveitar o momento para denunciar comportamentos antidemocráticos no país do Golfo Pérsico e, sobre todo, as limitacións e prohibicións que padecen as mulleres deses país ou as graves penas e persecucións que sofren os membros do colectivo LGTBIQ+.

Moitos foron de valentes que se adiantaron a anunciar que exhibirían un brazalete, un pano ou mesmo que renunciarían a manter unha compostura respectuosa nos momentos protocolarios e de izado de bandeiras para evidenciar esa denuncia.

Polo momento, agás o xesto de Irán (precisamente os que menos doado o tiñan) pasou o que pasou… as estrictas normas da FIFA e o peso económico dos xeques árabes prevalecen máis que moitas conciencias polo que parece que todo aquelo quedou en auga de borraxas deixando as accións reivindicativas para mellor ocasión, seguramente, "na intimidade" de cada un dos seus países con xestos expresados con maior ou menor vehemencia desde a comodidade da distancia e cos petos cheos.

Ao final, denunciar desde a dignidade unha inxustiza e facer un bo papel deportivo no Mundial de fútbol vai depender da habilidade que se teña co toque de pelota, ou non?

Comentarios