Opinión

Ecos de San Xusto e San Pastor

A PASADA fin de semana a Carballeira de San Xusto volveuse converter no punto neurálxico do inicio do curso político para o Partido Popular a nivel nacional con tódalas miradas postas nun encontro que tivo como protagonistas principais a Alberto Núñez Feijóo e a Pablo Casado. Non sei si por casualidade ou por circunstancias da procelosa viaxe do líder do PP desde o Levante español, pero o certo é que Jorge Cubela, o alcalde anfifrión de Cerdedo- Cotobade, iniciou o acto coa chegada do presidente galego e tivo que prolonga-la súa intervención para dar acubillo á chegada de Casado quen lucindo o seu novo “look”, con barba, esmerouse en xustificar (excusa non petita…) as dúbidas que xurdían no ambiente sobre si estaría ou non presente en Galicia neste acto especial para o PP galego.

O certo é que a Carballeira de San Xusto non deixa indiferente a ninguén, polo menos desde o século XVI no que os devotos achegábanse ata alí na procura de saúde e de protección contra os arrebatos de maldade, segundo comentan os veciños próximos ao lugar.

Tamén é típico na cultura popular evocar á Carballeira de San Xusto a través de varias coplas. Unha delas, quizais a máis coñecida, é aquela que di: “Carballeira de San Xusto, carballeira derramada, naquela carballeiriña perdín a miña navalla…” O que non se explica é si por usala para compartir o típico xantar en agradable compaña ou nun angurioso duelo a vida ou morte…

Unha das coñecidas estrofas di: “San Xusto e San Pastor andan polos cotos para dar grazas aos forasteiros e curar aos coxos…” a verdade é que vén que nin pintado ao que puidemos observar os que acudimos a aquel acto político. Os intervintes no estrado de oradores non se encomendaron a ningún dos santos antes referenciados, pero desde logo que Feijóo desfíxose en gabar ao “forasteiro” desta druítica paisaxe. Pola súa banda, o visitante esforzouse esaxeradamente en tentar “curar” calquera eiva ou sombra que pudera ter amosado, imprudentemente, calquera persoa da súa máis enteira confianza sobre o presidente galego.

Pero tamén a Carballeira de San Xusto está rodeada de misterio, de árbores centenarias e de espiritualidade. Na capela de San Xusto hai un dintel que reza: “San Justo y San Pastor. Feliz recordación a todos los fieles devotos que quieran aprovecharse de los grandes privilegios que están concedidos a este santuario por el pontífice Clemente obispo el año de 1712. Tienen indulgencia plenaria i remisión de todos sus pecados confesando i comulgando el día 6 de agosto en la última dominic del mismo más los días de la Asunción de Nuestra Señora el día 8 de septiembre más dos del año según la bula que está en este santuario también tiene el privilegio para poner ester señor manifiesto el día 6 de agosto todos los años”. 

Será casualidade, pero o certo e verdade é que o acto político do PP celebrouse o sábado 7 de setembro, víspera do día sinalado para pedir indulxencia plena e remision de tódolos pecados, eso si, confesando e comungando previamente o 6 de agosto. Non sei que paralelismos se poden sacar entre a “profecía pétrea” recollida nese dintel e o que sucedeu no atril situado no centro do escenario natural escollido para tal ocasión, agora que tampouco é mentira que nos últimos tempos o PP ten escenificado máis dun acto de contrición e propósito de emenda co fin de conseguir a absolución de tódolos “pecatus tuos” habidos e por haber, procurando transmitirlle ao electorado un arrepentimento tal e unha dura penitencia, substanciada nos resultados das pasadas eleccións xerais e municipais co fin de exonerar de xeito definitivo das máculas do pasado aos dirixentes actuais.

Así, nese escenario telúrico ou incluso onírico, o público presente asistiu a unha escenificación curiosa onde Pablo Casado, a modo de presentación de credenciais ante un delegado rexio, apeouse de xeito metafórico do seu cabalo, “axeonllouse ante Feijóo” e, sumiso e servicial, tendeulle a man como nobre cabaleiro e puxo a disposición do dos Peares armas e bagaxe para que este acepte encabezar novamente unha cruzada que o eleve á gloria eterna ou o condee a unha morte o máis digna posible. Este ofrecemento feito en persoa (moitos apostaban a que o novo líder do PP non viría a Galicia), que algúns ven como lóxico e desinteresado e un xeito de selar definitivamente a paz, non deixa de ser un xesto, un agasallo, envelenado porque en ámbolos dous casos, si Feijóo acepta o envite e se presenta ás eleccións autonómicas do vindeiro ano, Casado, independentemente do resultado final, sairía gañando sempre, ou non?

Comentarios