Opinión

Eih! Pedro, vai amodo…

ESTO DAS negociacións dos socialistas cos independentistas de ERC vai camiño de parecerse moito a unha especie de auténtico culebrón entre namorados empeñados en demostrar, de xeito pudoroso, que é o outro o que realmente ten interese en facerlle as beiras. Así, a medida que vai trascendendo que cada vez hai menos reticencias para chegar ao acordo definitivo, que levaría a Pedro Sánchez a toma-las uvas no Pazo da Moncloa, xurden entre os soberansitas ramalazos, en plan “poñerse dignos”, para que non se note que “a pel do oso” está xa máis que vendida e desde hai moito tempo…

O último episodio coñecido estivo protagonizado por dous dos principais espadas de ámbolos dous partidos, a saber: José Luis Ábalos, por parte do PSOE, e Marta Vilalta, por ERC. Mentras o primeiro percorría os principais estudios de radio insinuando ante a audiencia que o acordo estaba máis que feito e que o 30 de decembro sería a data máis que escollida para que teña lugar a sesión de investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno; a independentista desgañitábase a través de roldas de prensa desmentindo que o “si quero” estaba tan preto e menos aínda que abandonaran o unilateralismo á hora de facer unha declaración de independencia…

Aquí, desde o primeiro momento, o que está en xogo é atopa-la fórmula que lles permita “vestilo santo” sin que ninguén quede mal diante dos seus respectivos siareiros no transcurso do proceso xa que, tanto para uns como para outros, o acordo de entendemento é un obxectivo irrenunciable para o seu futuro: Pedro Sánchez sabe que non terá unha nova oportunidade de acadar o seu soño de perdurar na Moncloa e no caso dos independentistas, fuxir dun caleixón sen saída no que se meteron sabedores de que o contexto internacional non é propicio ás súas demandas e, en clave de consumo interno tampouco acaban de conseguir que a poboación aposte dun xeito claro e rotundo polo soberanismo.

Estando así as cousas, á hora de interpreta-lo “introito” haino que facer a “fogo lento” para que non acabe estragándose e os comensais “traguen con todo” sen reparar nas consecuencias que o ágape poida ter para o “colesterol” ou os “triglicéridos” sociais que se poidan xerar polo mencionado acordo.

Deste xeito entenderase toda esta parafernalia disposta para “marea-la perdiz” consistente en chamar aos distintos presidentes autonómicos a modo daquel vello anuncio de Nadal dunha compañía telefónica onde aparecía un neno moi simpático que collía o seu celular e marcaba un número ao azar. Cando descolgaba alguén dicíalle: “Ola!! Son Edu, Feliz Nadal!” e colgaba. Algo parecido se está a adicar estes días o presidente en funcións, Pedro Sánchez, quen continuará coas súas chamadas tamén a sindicatos, patronal, presidente da FEMP e non sei si tamén a “Rita la Cantaora”…

En resumo, os independentistas cataláns non queren que se faga realidade aquel vello refrán galego que di: “a gata co apuro trouxo os fillos cegos”. E así, andan con moito tino levando adiante estes asuntos coa “sutileza e a discreción” necesarias para que ningunha peza se saia fóra do taboleiro, incluídos os temidos CDRs e tamén o Tsunami Democratic.

E que ocorre cos outros, cos minoritarios? Refírome aos cántabros de Revilla, aos de Teruel Existe e, como non, aos do BNG… Algún pode pensar que eses miran a xogada desde fóra e dan tabaco, pero non. Están dispostos a converterse, no caso dos discípulos de Ana Pontón, na auténtica “aldea gala” (ou galega) e vender caro o seu voto a cambio de refresca-la axenda galega que fala dos compromisos orzamentarios con Galicia, o futuro das empresas electrointensivas, a cuestión peliaguda da suba galopante das peaxes da AP-9, etc., etc… Xa veremos (os de En Marea con pseudo grupo parlamentario propio ían come-lo mundo e despois pasou o que pasou… meros comparsas do “coletas”).

Desde logo o que é certo é que resultaría simpático que Pedro Sánchez e os seus fiaran toda a estratexia da súa investidura á abstención de ERC e dala como feita e acabaran por descoidar a unha serie de pequenos peóns (uns “minucios”) que, estándo as cousas como están e nestas épocas de Nadal, poderían acabar por montarlle un Belén. Así que, Pedro, vai amodo, ou non?

Comentarios