Opinión

Un estudo do CIS a pedir de boca...

UNHA NOVA entrega do CIS do profesor Tezanos volve sorprender polos resultados que ofrece e a tendencia histórica que vai establecendo na opinión pública (ou máis ben publicada) dos españois que falan de que faga o que faga o goberno de Pedro Sanchez as enquisas do Centro de Investigacións Sociolóxicas confirman un liderato indeleble e consolidado que o fai indemne a decisións erráticas durante o Estado de Alarma polo Covid-19, ao deterioro económico e á política de pactos para manterse no poder.

Así, segundo o último estudo realizado polo que anteriormente se coñecía como un centro de prestixio demoscópico, de celebrarse agora uns novos comicios xerais, o Partido Socialista gañaría as eleccións cunha vantaxe de 11 puntos sobre o Partido Popular que, pese a ter a portavocía da oposición, segue sen levantar cabeza e iso que o CIS prognostica unha nova baixada acusada de Vox (case un terzo sobre os votos actuais) que, curiosamente, non capitalizaría a formación política de Pablo Casado...

Por suposto, coincidindo co apoio de Ciudadanos ás políticas erráticas de Pedro Sánchez, esta formación política experimentaría na era Post-Rivera un aumento cuantitativo importantísimo que o levaría a consolidarse como opción de centro liberal pese aos augurios máis pesimistas que falaban de que estaba en fase de extinción, certificada pola fuxida masiva dos seus cadros máis mediáticos (o último coñecido o de Marcos de Quinto, a fichaxe mediático-económica de Albert Rivera), pero que nembargantes agora no estudo de Tezanos vese, como un falso espellismo, repuntar (sen Rivera e con Inés Arrimadas ao fronte) ata case duplicar a súa intención de voto pasando do 6 % que ten agora no Parlamento ata acadar o 10,5 % dos sufraxios.

O mesmo lle pasaría ao BNG que consolidaría o seu ascenso en Galicia en función tamén do seu apoio ao goberno de Pedro Sánchez. Este crecemento iría parexo á confluencia de políticas entre os nacionalistas galegos e as que deseña o PSOE a nivel estatal ao tempo que capitalizaría os réditos de En Marea nunha loita fratricida con Galicia en Común, a formación que aglutinaría a Esquerda Unida e Unidas Podemos na nos Comunidade Autónoma...

En canto á percepción dos enquisados sobre o papel do Goberno, aí temos que dicir que Tezanos e o seu estudo pasa a fronteira de atrevido para pasar a converterse en temerario. Así, o CIS indica que practicamente a metade dos españois respaldan a xestión de Pedro Sánchez ao fronte da crise sanitaria-económica do Covid-19 e de feito os prognósticos de Tezanos falan de que obtería practicamente o mesmo resultado electoral ou incluso podería chegar a subir al gún deputado, fronte ao PP que mantería a súa intención de voto ou mesmo podería perder algún que outro escano no Congreso dos Deputados.

Segundo o CIS, a política errática do goberno de Pedro Sánchez durante os momentos máis duros da crise sanitaria polo coronavirus, a inacción ou o retraso en tomar medidas fronte a pandemia e incluso os retrasos ou os numerosos traballadores pendentes de cobro dos seus respectivos ERTEs por culpa do Servizo de Emprego Público Estatal (SEPE), e xa van alá máis de dous meses, non lle pasaría factura algunha.

Entón pregúntome eu: Onde está o problema para os socialistas na convocatoria electoral das autonómicas para o 12 de xullo cando tódolos ventos lle parecen favorables? Pois unha de dúas, ou as cousas non son como as pinta José Félix Tezanos e o CIS ou non están tan seguros de que na vindeira cita electoral galega os de Gonzalo Caballero comezan a cheirarlle a chamusquina o panorama político na nosa Comunidade Autónoma.

Con estes resultados do CIS, tan alonxados da lóxica e do sentido común, son aínda máis abraiantes cando o seu responsable (polo menos polo que cobra) se atreve a dicir que as enquisas máis fiables son as da cadea televisa privada LaSexta (polo tanto dubida das súas) e chega a afirmar nunha frase para a historia da demoscopia española e mundial que di: "Non confíen vostedes nas enquisas porque son un modelo de medición moi relativo. O fetichismo sobre as enquisas pode levar a erros notables porque todas teñen unha marxe teórica de erro e segundo o número de entrevistas esta marxe de erro pode ser moi amplo. O sorprendente ás veces é acertar", Tezanos dixit.

En fin, de tódolos xeitos, se é certo que cada un conta da feira segundo lle vai nela, o certo é que o CIS de Tezanos en lugar de se converter nun instrumento demoscópico de prestixio para o estudo sociolóxico e ferramenta de referencia para calquera politólogo nun auténtico desideratum socialista na procura dun estado de euforia e manipulación da conciencia política da opinión pública de escaso valor ético e moral, ou non?

Comentarios