Opinión

Evita-las coincidencias electorais...

ACUCIADO POLOS acontecementos, Pedro Sánchez vai tomando conciencia de que pode pasar en breve aos libros de Historia co sobrenome, como presidente, de Pedro El Breve si se materializan as amezas do titular da Generalitat, Quim Torra, e os apoios parlamentarios secesionistas á súa xestión se van evaporando a medida que non se concreta unha saída airosa para as pretensións dos seus socios independentistas cataláns que pase pola convocatoria dun referendo vinculante e con recoñecemento internacional, algo difícil de dixerir no resto da Península Ibérica (incluído Portugal...).

Despois de toda unha serie de impactos sufridos na liña de flotación do seu goberno, con acoso e derrubo incluído dos seus ministros, co resultado coñecido de dúas dimisións no prazo de 100 días e outros dous membros do seu gabinete tocados, sin esquecernos tampouco que o vindeiro 23 de outubro será sometido a escarnio e exame pública a súa tese doutoral en sede parlamentaria, parece que os días do goberno Sánchez están máis que contados.

Non sei si Sánchez intenta emular a Santiago Nasar, personaxe da novela Crónica dunha morte anunciada, de Gabriel García Márquez, pero o certo é que todo o mundo ve, menos el, que o seu goberno cheira a defunto e parece apreta-la súa axenda internacional para coleccionar fotografías cos máximos mandatarios mundiais como si, no fondo, soubera que esta é a derradeira oportunidade de se retratar cos líderes do momento.

Desto non so son conscientes os membros do seu gabinete senón tamén os novos gurús de Ferraz que negocian arestora cos asesores de Susana Díaz, a sultana socialista de Andalucía, a necesidade de facer coincidir as eleccións xerais coas autonómicas desta comunidade co fin de salva-los mobles.

Os de Susana Díaz, nin esquecen nin perdoan, e non están dispostos a sufrir as previsibles malas consecuencias do empecinamento de Pedro Sánchez de manterse no poder o máximo tempo posible

Os de Susana Díaz, nin esquecen nin perdoan, e non están dispostos a sufrir as previsibles malas consecuencias do empecinamento de Pedro Sánchez de manterse no poder o máximo tempo posible e queren fuxir do mal fario que, supoñen, significará esa coincidencia de datas por moitas esperanzas e aires de triunfalismo que o mestre Tezanos lle dera ao CIS cun máis que dubidoso precociñado e empratado demoscópico que indicaba, a modo de espellismo, unha vantaxa clara do PSOE como forza máis votada frente non so a Cidadáns, outra forza emerxente, senón ao propio Partido Popular que parece que se vai recompoñendo a medida que se afasta de Pablo Casado o caso do seu máster e compite con Albert Rivera a ver quen fai a declaración máis españolista...

Así que estamos na antesala dun marrón de dimensións impredecibles que terá como telón de fondo o problema territorial catalán e o proceso impulsado polos CDR en Cataluña a partir do novo 1 de Outubro onde o propio Torra, antes de verse arroiado pola multitude dos separatistas, decidiu subirse á ola non so con intencións de cabalgala senón de lidera-la na súa versión máis radical e unilateral posible.

Ninguén sabe o que vai pasar despois da deixación de funcións do goberno de Pedro Sánchez neste tema, implorando diálogo cando as posicións unilaterais están máis que claras e expresadas reiteradamente e cando invocar o 155 supón para os socialistas falar do anticristo, do que renegan públicamente, pero que saben que non lles vai quedar outro remedio que aplicar aínda que sexa tarde, mal e arrastras...

En fin, estamos ante o típico sálvese quen poida e os de Susana Díaz non están por solidarizarse tanto co compañeiro Pedro como para que teñan que compartir destino de cara ás urnas e o que parecía unha victoria posible e traballosa se poda convertir nun arrastre con consecuencias impredecibles pero cun coste electoral que poda provocar a conformación de novas maiorías en Andalucía que poñan fin a catro décadas de goberno socialista ininterrumpido.

Politólogos, asesores e gurús mediáticos se atopan xa co calendario e o rotulador vermello na man buscando datas para que Susana Díaz fixe o primeiro dos comicios que se irán precipitando ao longo dos vindeiros meses ata concluír nas eleccións municipais do 26 de maio de 2019. Insisto, neste momento todo o mundo está mirándose de reollo e desde Andalucía buscarán o xeito de que a súa convocatoria sexa a primeira para coller incluso por sorpresa a Pedro Sánchez e evitar coincidencias indesexadas porque amiguiños si, pero a vaquiña polo que vale, ou non?

Comentarios