Opinión

O exemplo dos nosos maiores...

QUE AS cousas van mudando e que ningún tempo pasado foi mellor é unha realidade que ninguén discute, pero que sin embargo cando imos cumprindo anos e botamos unha ollada cara atrás, vemos que hai certos temas que evidencian aínda máis esa afirmación ou pola contra, acentúan no posible a contradición do propio termo.

Cando novos, na década dos oitenta, co nacemento da chamada Movida, os conflitos relacionados co referendo da OTAN, a reconversión industrial, a introdución do contrato-lixo para a mocidade, a enésima reforma educativa, etc., etc. facía que as rúas se encheran dun xeito casi habitual de manifestacións protagonizadas por mozos e mozas que bordeaban a maioría de idade e que se xuntaban con aqueles veteranos cuarentóns que se veían abocados a levar ata a rúa calquera das súas reivindicacións como xeito de rebeldía colectiva.

Lémbrome tamén que no medio daquelas manifestacións, a mocidade rebelde cohabitaba cun colectivo de vellos militantes da esquerda (normalmente vencellados ao Partido Comunista) que acompañaban o cortexo da protesta. En Pontevedra lémbrome con especial cariño dun vello camarada comunista do PC punto (os marxistas-leninistas prosoviéticos que das múltiples excisións quedaran do lado de Ignacio Gallego) que sempre acudía ás manifestacións cunha pequena bandeira vermella na que lucía esplendorosa en cor dourado unha fouce, un martelo e unha estrela, e vestido punta en branco. Tiña un bigote prominente e uns ollos pequenos, como de rato intelixente, e unha voz moi característica que a ninguén lle pasaba inadvertida polo seu acento doce, mesturado na emigración latinoamericana, cun galego seseante e amable, case canturreiro.

Aquel home, coñecido como o Camarada Buceta, vivía en Poio (creo que na estrada xeral cara Sanxenxo, pero na parroquia de Combarro) e estivera moitos anos emigrado no Uruguai. Acudía sempre puntual ás manifestacións portando baixo o seu brazo un feixe de xornais (Nuevo Rumbo) que voceaba sin parar durante toda a manifestación: "Compre Nuevo Rumbo, a voz dos traballadores, os mozos e os xubilados…". Sempre utilizaba ese eslogan a modo de presentación ante o público presente.

En Pontevedra lémbrome con especial cariño dun vello camarada comunista do PC que sempre acudía ás manifestacións cunha pequena bandeira vermella na que lucía esplendorosa en cor dourado unha fouce, un martelo e unha estrela, e vestido 'punta en branco'

Non sei que raios tiña aquel vello comunista, pero na metade da manifestación xa tiña vendidos tódolos seus xornais e preguntaba, burlonamente aínda que con respecto aos seus camaradas, como era que un vello coma el fora capaz de ventilar tódolos seus exemplares nun abrir e pechar de ollos mentras eles non se estrenaran siquera.

O camarada Buceta, xa dixen antes, vestía sempre punta en branco, con traxe e garabata co no ben axeitado, e lucía a pesar da súa idade (rondando os 80 anos) unha vitalidade extraordinaria e unha ilusión que ningún dos que estabamos alí tiñamos. Incansable ao desalento.

Un bo día atrevinme a interpelalo. Tíñalle moitísimo respecto pois daquela eu era un mocoso de 16 anos, pero armeime de valor e pregunteille: "Camarada Buceta, co seu permiso, por que vai vostede sempre con traxe e garabata a unha manifestación?".

El, moi rotundo, contestoume: "Porque estamos facendo un traballo moi serio e temos que dar exemplo. Os comunistas temos que festexar que conquistamos para o noso pobo o dereito a nos manifestar, polo que debemos facer da nosa reivindicación unha festa cívica á que temos que honrar coas nosas mellores galas".

Así, tal cual. O Camarada Buceta era un sabio que tiña resposta orixinais para todo e non che deixaba nunca indiferente aportando a súa experiencia e entrega leal á súa causa e á dos seus camaradas.

Así que cando vexo aos yayoflautas, como lle chaman algúns aos xubilados que se están a manifestar en defensa dunha suba digna das pensións, lémbrome sempre do Camarada Buceta que ata o derradeiro segundo da súa vida desprendeu un halo de dignidade como o que agora están a ofrecer os homes e mulleres que co seu esforzo levantaron a economía dun país, foron quen de auxiliar ás súas familias cos cartos das súas paupérrimas pensións nos momentos máis duros da crise e que agora ven a suba do 0,25% nas súas nóminas, como si dunha burla se tratara ante a perda continua do poder adquisitivo por mor do incremento do IPC.

Cando se fala de reformar o Pacto de Toledo a todo o mundo lle ven aos miolos a necesidade de aumentar a idade de xubilación, reducir as posibilidades de cálculo para que despois de toda unha vida de esforzo non sexa posible disfrutar dunha xubilación cuns recursos que garantan mínimamente a súa subsistencia, etc.

Cando vai quedando atrás, no esquecemento, o rastro do rescate dos grandes bancos e financeiras, que todo o mundo asumiu como normal pese a investir inxentes cantidades dos cartos de todos, agora deberíalle tocar o turno ás persoas pola vía dunhas pensións dignas, públicas e de calidade porque cando os vellos teñen que saír á rúa a protestar por algo que é tan evidente resulta claro de que están exteriorizando un síntoma de que a nosa sociedade padece algún tipo de enfermidade grave, ou non?

Comentarios