Opinión

Facer fronte aos impostos reais...

NA CONCIENCIA colectiva dos que imos peiteando canas pervive, como parte do noso acervo xenético, toda unha serie de slogans e frases célebres que nos foron acompañando ao longo da nosa vida. Sirva como exemplo do que digo toda unha retahila de sentenzas do tipo: "Aunque usted pueda, España no puede..." en referencia ao consumo responsable da enerxía e que pese ao paso dos anos segue de máxima actualidade. Tamén lembramos a modo de soniquete aquel "puedo prometer y prometo...", de Adolfo Suárez... ou tamén outros máis irreverentes como o "toma moreno!" de Rokefeler, o boneco do ventrílocuo José Luis Moreno.

Tampouco non esquecemos de moitas das frases do anterior xefe do Estado, Juan Carlos de Borbón y Borbón, cando dicía aquilo de "La Reina y yo..." ou "Me llena de orgullo y satisfacción..." ata que chegaron as dúas últimas coñecidas: "Lo siento mucho. Me he equivocado, no volverá a ocurrir..." que puxo punto e final ao seu reinado efectivo, cando regresaba dunha pouco afortunada cacería en Bostwana; sin deixar de nomear aquela recurrida sentenza, emitida no seu discurso de Nadal do 24 de decembro do ano 2011, na que dixo aquilo de que "la Justicia es igual para todos", frase que acuñou para desmarcarse do seu xenro Iñaki Urdangarín no momento no que o caso Noos alcanzaba unha proxección mediática especial por culpa da ambición desmedida do ex xogador de balonmán (non sei si sería tamén por emular aquela frase que di: "Allí donde fueres haz lo que vieres...").

Agora volve o Rei Emérito a formar parte do panorama mediático a través da filtración dunhas escoitas realizadas á súa amiga Corinna e facilitadas aos medios de comunicación nun momento procesal no que o ex comisario Villarejo da por finiquitado o seu pacto de silencio por culpa do seu ingreso en prisión sin que a súa saída se vislumbre nun horizonte próximo.

Nas escoitas das que se están a facer eco varios medios de comunicación social, especialmente os chamados electrónicos ou en internet, con difusión en toda España, pódese ver como Corinna revela a relación especial que mantén co monarca emérito e o papel protagonista que presuntamente xogaría nunha trama urdida para facilitar a acumulación de cartos procedentes de xestións e mediacións internacionais do Rei Juan Carlos I que lle reportaría pingües beneficios.

Nesas xestións (que parecen non ser altruístas e sin ánimo de lucro pola fortuna que, presuntamente, se lle adxudica ao monarca no extranxeiro) o que non está tan claro é si se deben a unha iniciativa mediadora do ex xefe do Estado Español aproveitándose do peso internacional do noso país ou polo seu carácter campechano e comunicador que puideran facer do seu encanto persoal unha vantaxe inigualable para adicarse ao mundo dos negocios en beneficio propio cando en realidade debería empeñarse, en exclusiva, en realizar o seu cometido, polo que cobra e polo que goza de inviolabilidade (e, polo tanto, é inimputable), segundo recolle convintemente a Constitución Española.

Agora ben, unha vez que xa non é o xefe do Estado, e que tamén se cre que puidera estar incurso no proceso de amnistía fiscal de Montoro (quen nos di que non fora a razón fundamental da súa promulgación?) e que se teñen sospeitas máis que fundadas de que mantén un importante capital no exterior agrandado por presuntos cobros de comisións pola súa mediación, sobre todo, con xeques árabes e monarcas do lonxano Oriente; habería que lembrarlle tamén aquela frase de "Hacienda somos todos" e facerlle colaborar co erario público como todo fillo de veciño, ou non?

En fin, cando falamos de impulsar unha rexeración democrática ten que pasar por tódolos niveis de representación das estruturas do Estado, sin excepción, porque se non estaremos sempre suxeitos a arbitrariedades e a que nos quede a cara de tonto cada vez que temos que encher un impreso da Axencia Tributaria para cumprir co noso deber como cidadáns, ou non?

Comentarios