Opinión

Feijóo ponse as pinturas de guerra

O NOVO goberno de Pedro Sánchez xa empeza a rodar e a dar boa mostra do que a súa xestión suporá para os intereses dos galegos e galegas que ven como as súas decisións van influír moi directamente no futuro a curto e medio prazo. Si había certa desconfianza do que poderían supor para os compromisos orzamentarios os acordos subscritos cos soberanistas cataláns e vascos, así como o cambio de preferencias nos investimentos ferroviarios para o AVE galego, agora vemos que os negros nubarróns que se cernían sobre as empresas electrointensivas e a central térmica de Meirama, van collendo forma con moi negativos presaxios.

Pero o máis sorprendente foi ver como a ministra de Facenda e voceira do Goberno, María Jesús Montero, lle botaba a culpa do impago de 370 millóns (200 millóns do IVE e 170 do cumprimento do déficit) á Xunta a Mariano Rajoy e ao seu Gabinete que levan desde o 2018 fóra da Moncloa. Ese foi a derradeira gota que acaba de facer derramar o vaso da paciencia franciscana que ata o momento tiña o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, co Executivo de Pedro Sánchez e a confianza no respecto institucional que facía que a administración autonómica non recurrira á vía xudicial, como fixeron os cataláns, para reclamar a importante débeda que manten o Estado coas autonomías en xeral e con Galicia en particular.

Ata aquí chegou a paciencia de Núñez Feijóo quen decidiu activar públicamente os tambores de guerra e escenificar ante a Prensa que acaba de ordenar poñerse pinturas de guerra a tódolos seus conselleiros, especialmente aos económicos, para reclamar o que considera que lle pertence a tódolos galegos e galegas.

Miren vostedes o grave que resulta o asunto que ata o BNG, facilitador co seu voto no Congreso dos Deputados da investidura de Pedro Sánchez, considera esta decisión de reclamar por tódolos medios posibles, incluído o xudicial, o pagamento desta débeda como unha cuestión que xa se ten demorado excesivamente no tempo.

Non creo que este cabreo dos nacionalistas galegos teña como consecuencia unha repensada do apoio explícito que fixeron de Pedro Sánchez como presidente do Goberno toda vez que na Axenda Galicia ía de todo menos este asunto "de menor importancia" (370 millóns de euros de nada) polo que, ata o momento non se incumpriu (tampouco se realizou) nada do pactado xa que aínda estamos en tempo de ver si o AVE a Galicia se retrasa ou non, como parece que se lle comunicou á Unión Europea, e o resto dos acordos se van materializando...

Din os que a mañá deste mércores estiveron en A Pobra do Caramiñal acompañando ao presidente Feijóo na visita a unha escola infantil que os teléfonos do séquito do titular da Xunta fumegaban incesantemente con claros intercambios de instruccións e informacións sobre o cariz que estaban collendo os acontecementos.

Unha vez consultado ao estado maior, o gran xefe da reserva popular de occidente prendeu lume de carozo para que os sinais de fume foran inequívocos e o gran xefe branco non tivera dúbidas das súas intencións.

Tambores de guerra atronadores poboaron por completo o ceo azul do ciberespazo, encheron as pantallas dos informativos e puxeron negro sobre branco nos xornais galegos o berro de Feijóo: "Ata aquí chegamos!" .

Lonxe quedan as palabras amables do home branco vido de Madrid con abalarios e vendedor de auga de fogo e agora é o turno de tocar arrebato, zafarrancho de combate e presentar batalla ao estido de Little Bighorn... Aquí o que está por ver é que ante as eleccións autonómicas que se albiscan no ambiente, quen vai facer o papel de Sitting Bull (Touro Sentado) e o do Xeneral Custer, ou non?

Comentarios