Opinión

De feitizos e castigos divinos...

O MÉRCORES pola mañá ben temprano a veciñanza de Ponte Caldelas ergueuse sobresaltada pola aparición dun achádego inusitado: Nunha rúa do pleno centro da vila atopouse un bote de lata estratéxicamente colocado ao carón dun portal que contiña no seu interior unha rosa vermella, unha botella de sidra achampanada dunha coñecida marca asturiana, varias moedas, froitas e unha relocente mazá roxa, como a da bruxa da Brancaneves...

Rápidamente a noticia percorreu como un lóstrego o municipio de arriba abaixo, desde Forzáns á Reigosa... Quen sería a persoa que deixou estratéxicamente colocado ese artefacto enfeitizante? Con que intencións?

Moitos foron os expertos que se sumaron aos habituais opinadores da vila para dar a súa particular versión sobre o achádego, pero a maioría coincidía en supor que se trataba dun extraordinario feitizo feito para engaiolar o corazón dunha moza lozana do edificio que está en idade de merecer. Tamén teño que recoñecer que corría outra versión contraria sinalando como autora do sortilexio a unha muller prendida dun mozo que pouco ou ningún caso lle facía.

En definitiva, os expertos a pé de rúa non deixaban de comentar o particular achádego sendo comentario habitual en redes sociais e nas tradicionais (tendas, supermercados, froiterías, etc.) coincindo todos na necesidade imperiosa de coñecer ao autor ou autora de semellante catafalco, presuntamente amoroso.

Hai quen dixo que as moedas pouco duraron á porta do pretendido enfeitizado ou enfeitizada xa que desapareceron antes de que o reloxio do antigo cárcere (hoxe Centro Cultural) tivera tempo de accionar as doce badaladas que puntualmente sonan ás doce do mediodía, tal e como lle ordea tódolos días e dun xeito infalible o reloxeiro Enrique Lafuente, de Xoiería Reme.

O que sí parece certo é que o vil metal, o parné, foi parar a calquera caixa das distinguidas cafeterías das que goza a vila posto que unha cousa son os feitizos e outra moi distinta o uso normal e corrente que se lle dá á moeda de curso legal da Unión Europea.

As apostas sobre a autoría, por certo moi similares aos encantamentos atopados no pasado verán en Pazos e en Santa Ana e Buchabade, están todavía en fase de pesquisa popular, aínda que xa hai alguén que está (como non pode ser doutro xeito nun pobo das características de Ponte Caldelas) acusado, xulgado e condeado de antemán. Está claro que este é un caso para o Detective León, un dos protagonistas da popular serie de Telecinco La que se avecina.

Falando do achádego estaban uns cantos clientes habituais na Cervexaría Alameda tomando un viño cando un vello que estaba atento á conversa deixou por un momento de degustar un dos magníficos pinchos dos que obsequia Rita á súa distinguida clientela, apurou o seu chiquito e díxolles: "Esto vai a acabar en castigo divino"... Así de rotundo o dixo ante a sorpresa de todos.

"E logo por que?", preguntáronlle ao vello. "Por que si, digocho eu", resposta típica do lugar. Fíxose un momento de silencio e suspense e dixo o anciá paseniñamente: "Esto vai ser como o conto daquel cura, moi amigo do bo xantar e de atentar contra o pecado da gula, que colgou os hábitos porque se namorou ata perde-la cabeza dunha feligresa á que non quixo acoller como sobriña, como era costume no lugar, e preferiu abandonar todo aquelo do que disfrutaba por se casar".

A historia prometía e levaba aínda máis o suspense e a atención dos congregados que xa para aquel momento ateigaban o local. Segundo contou o vello, o ex cura era hipertenso e pese a ter a oportunidade quixo cumprir coa súa palabra e os seus votos de castidade ata chegar ao altar pola vía seglar. Por cuestións de saúde, despois de se casar, o médico deulle un tratamento para correxirlle a hipertensión, pero tivo como efecto secundario un baixón súpeto da líbido e unha impotencia funcional do seu órgano reproductor que, polo paso do tempo e unha vocación evanxelizadora temprana, tiña de por si afeito á abstinencia voluntaria aínda que agora tería que seguila por causa obrigada.

Foi tanto a desesperación do pobre ex párroco que chegou a poñerse en mans dun nutricionista por ver si pola vía dunha dieta severa correxía o seu problema e podía, por fin, consumar o seu matrimonio véndose ante unha terrible disiuntiva: Atentaba contra o sexto mandamento da Lei de Deus ou contra o quinto dos Sete Pecados Capitais. Terrible elección! Ese si que foi para el un castigo divino, ou non?

Comentarios