Opinión

As festas, coartada encuberta para os macrobotellóns...

A CHEGADA do verán trae consigo moitos elementos a ter en conta: O bo tempo (ás veces), a afluencia de turistas, as festas patronais, as gastronómicas, as enolóxicas, as de interese turístico galego, nacional e ata internacional... O que está claro é que o que nos gusta é a festa e somos un país festeiro por natureza. E ese modo de festexar e de divertirnos vai mudando en función do paso dos anos e dos relevos xeracionais.

A ninguén se lle escapa que a mocidade é o elemento máis activo e dinámico da nosa sociedade e a vangarda festiva de canta celebración se leve a cabo no noso país, polo que é normal que o foco se centralice dun xeito máis claro sobre o papel que xogan os xóvenes nas distintas actividades festeiras que teñan lugar ao noso arredor, sobre todo en procesos máis ou menos masificados nos que se están a converter, desde hai anos, festas como as da Peregrina, que comezan agora, ou a do Albariño ou o Desembarco Vikingo de Catoira, que acaban de rematar, ou a da Festa da Auga de Vilagarcía que se celebra a vindeira semana, polo San Roque, entre outras…

Aquí o problema de base non é a masificación senón como se comporta esa masa de xente para disfrutar dun evento festivo. A irrupción, hai algo máis de dúas décadas, do fenómeno do botellón e a inxesta indiscriminada e compulsiva de alcol por parte da mocidade coa intención de rozalo coma etílico como xeito de se divertir evidencia que hai algo que non funciona ben na nosa sociedade porque non é nin san nin natural…

Con esto non estou condenando a quen no fragor da diversión acabe abusando máis do debido dalgunha que outra bebida espiritosa e pase do estado de “contento” á embriaguez, senón que me refiro a aqueles que entenden que o xeito de divertirse é chegar pola vía rápida e urxente a unha situación de semiinconsciencia etílica como xeito de formar parte dun grupo e dunha “moda” de compartamento para seren aceptados nun determinado colectivo social formado polos “in” fronte aos “outros” que se sitúan fóra desta especie de ritual irresponsable.

Unha vez acadado ese nivel de inxesta de alcol comeza a facer efecto o inxerido e o individuo en cuestión non so se acaba desinhibindo de calquera eiva de timidez na procura da euforia senón que acaba por entrar nunha situación de irresponsabilidade que trae como consecuencia o desapego polo patrimonio e o mobiliario público, a falla de respecto polos demais e incluso por incurrir en situación de auténtico risco para a súa propia seguridade persoal bordeando todo tipo de imprudencias.

Como resultado inmediato se produce unha desnaturalización clara do obxectivo da festa e da reivindicación do evento como momento de disfrute colectivo para pasar a outro máis intolerante onde a convivencia entre a diversidade deixa paso a unha incomprensión polo diferente ante o seu modo de divertirse. Así, zonas de dominio público que eran lugar de tránsito para todo o mundo acaban convertíndose en auténticos “guettos” pechados de uso exclusivo dos amantes deste tipo de celebracións alonxando na práctica a residentes, viandantes e turistas gustantes doutro tipo de diversión deste tipo de espazos, sobre os que tamén teñen dereito de uso, faltaría máis...

Algo así está comenzando a suceder en festas tan importantes como as do Albariño, a Vikinga, a Auga ou mesmo as da Peregrina, sobre todo polo impacto das Peñas, que de celebración taurina van tendo máis ben pouco, e que converten esa circunstancia nunha escusa para beber sen control ante a mirada tolerante do conxunto da sociedade sen darse conta dos problemas que este tipo de divertimento sen control representa si mesmos (en primeiro lugar), para o resto dos cidadáns e para a imaxe das súas respectivas vilas e cidades ante os visitantes.

Desde logo que borracheiras sempre as houbo e, supoño, que as haberá, pero non podemos dar visos de normalidade a comportamentos que en esencia non deben ser nin tolerados nin comprendidos pola sociedade porque se así fora imos camiño de embrutecernos como pobo á hora de nos divertir e ese sería un legado moi decepcionante para as novas xeracións encargadas de construir o novo futuro, ou non?

Comentarios