Opinión

Galicia, sitio distinto para Madrid?

Pedro Sánchez foi quen de ir compoñendo o seu sudoku particular para que lle vaian saíndo as contas

A MEDIDA que se van sumando actores (que non comensais) á mesa do pacto polos Orzamentos Xerais do Estado imos coñecendo as verdadeiras intencións e predileccións investidoras do Goberno de Pedro Sánchez. Así, para garantir o voto positivo ás Contas do Estado dos soberanistas vascos e cataláns, e manter engraxada a coalición con Unidas Podemos, a subhasta de prebendas vai conformando unha nova estrutura de prioridades no Estado que, lonxe do que algúns poideran pensar, segue estando marcada polo eixo Mediterráneo e o apoio aos territorios máis desenvolvidos e insolidarios da Península Ibérica.

Seguindo o vello refrán castelán que reza: Por el interés te quiero Andrés vemos como Pedro Sánchez foi quen de ir compoñendo o seu sudoku particular para que lle vaian saíndo as contas, neste caso orzamentarias. Así, ata o último momento estivo deixándose querer por Inés Arrimadas e Ciudadanos (formación política moi descolorida e que se atopa ante un futuro incerto polo que os seus actuais dirixentes están buscando algún que outro acubillo pensando en tempos venideiros) para chantaxear aos máis díscolos, como os do PdeCat de Puigdemont que, finalmente, tamén atoparon o encaixe necesario das súas prioridades (que non son outras que o ben común, naturalmente) para acabar dándolle o si quero a estes orzamentos.

Estando así as cousas, onde xa vai por 186 deputados favorables a apoiar as que serán as novas contas do Reino en substitución das innombrables de Cristóbal Montoro que, como o Cid Campeador, seguiron vixentes pese á súa morte política durante varios anos ante a imposibilidade de poñerse de acordo, imos ter uns novos orzamentos co marchamo do novo PSOE e Unidas Podemos, máis adláteres.

Agora, cos novos tempos, as prioridades pandémicas e a necesidade de darlle forma e concreción á mentalidade do subsidiarismo social de Unidas Podemos e de Pedro Sánchez, coa intención de lograr un voto cautivo que garanta a renovación como inquilinos da Moncloa, faise que as finas liñas vermellas se vaian diluíndo cada vez máis a prol da gobernabilidade do país.

Pois, con este novo panorama xa non son necesarios nin imprescindibles os votos favorables dos 10 deputados laranxas e menos aínda o do incordio testimonial do BNG que, a modo de Pepiño Grilo, segue atacando as conciencias daqueles como Gómez-Reino e Yolanda Díaz que, cando pasan o Padornelo, desvístense das súas ropaxes galeguistas para abrazar con furor as novas modas imperantes na Real Corte y Villa esquecéndose daquel outro refrán galego que di: Fillos de quen son os netos de quen quedamos

En definitiva, o voto do deputado Néstor Rego, que foi tan determinante para conseguir que Pedro Sánchez pudera apoltronarse na Moncloa hoxe xa non o é tanto e os compromisos con Galicia, para captar aquel voto consecuente, van esmorecendo e diluíndose como un azucrillo nun vaso de auga.

Desde logo resultaría moi difícil de explicar, agora que o voto do BNG non é determinante, que unha formación nacionalista galega pasara pola humillación de ter que aceptar uns orzamentos cunha rebaixa do 11% (uns 104 millóns de euros menos que as últimas contas de Cristóbal Montoro) e cunha ausencia clara de investimentos de peso para Galicia mentras se aumentan exponencialmente as asignacións económicas para o eixo Mediterráneo cun crecemento que en moitas comunidades supera o 45%, con especial incidencia en Cataluña (a filla pródiga onde non deixa de medrar o gasto público sen control mentras os servizos aos cidadáns caen en picado) e tamén no País Vasco, os dous actores principais nesta opereta na que polo bajini, canta a presenza dun barítono que desafina con estridencia da man de Arnaldo Otegui e o seu polémico EH-Bildu.

En fin, ao final a posición pírrica do BNG, de votar en contra dos orzamentos, presentarase, por razóns obvias, como un exercizo de dignidade en contraposición a aquel outro refrán (este é xa o último ao que recurro hoxe) que dicía: Mexan por nós e temos que dicir que chove, ou non?

Comentarios