domingo. 16.05.2021 |
El tiempo
domingo. 16.05.2021
El tiempo

Ganancias e miserias en tempos de pandemia…

Desde que o mundo é mundo estamos acostumados a asumir como algo normal que en tempos difíciles uns poucos saquen tallada da mala situación que moitos padecen. A este efecto chámanlle "saber aproveita-las oportunidades", "atopar novos nichos de mercado" ou "reinventarse" para logra-lo máximo beneficio sen ter en conta outros factores máis que o interese persoal ou individual. 

Na historia da humanidade hai infinidade de momentos nos que se pode exemplarizar o que expoño. Nos procesos bélicos vividos sempre houbo alguén que soubo sacar rendemento económico da destrución masiva dun país, das calamidades producidas polos enfrontamentos do xénero humano, as crises económicas que cíclicamente sacuden o devir dos tempos… 

Pero desde logo si hai un motivo que me produce gran xenreira é o que está relacionado co fenómeno do aproveitamento insolidario das miserias humanas, como por exemplo as situación de fame ou mesmo as pandemias como as que estamos a padecer nestes días onde vemos como todos preferimos mirar cara nós mesmos, cara ao noso embigo que pensar en atopar unha solución global que rescate por igual ás persoas do primeiro e do terceiro mundo. Iluso... 

Alguén que estea acostumado a ler as miñas columnas de opinión sorprenderíase por estas duras palabras, pero é que non me merecen outro cualificativo os comportamentos indignantes que certas empresas que no medio desta situación mundial de incertidume e desacougo son as que realmente sacan o maior dos proveitos posibles. 

Así, con contapingas, estamos empezando a coñece-los resultados de empresas enerxéticas e mesmo entidades financeiras que, en medio desta pandemia e co panorama como está, acadan beneficios récord, extratosféricos, que non so producen rubor senón que rozarían a "vergoña toreira", si a tiveran. 

Na historia da humanidade hai infinidade de momentos nos que se pode exemplarizar o que expoño. Nos procesos bélicos vividos sempre houbo alguén que soubo sacar rendemento económico da destrución masiva dun país

Pero non só me refiro ás empresas produtoras e comercializadores de combustibles fósiles ou mesmo enerxéticas, nin tampouco ás entidades bancarias senón tamén aos laboratorios farmacéuticos que, lonxe de alinearse nesta crise mundial cun planteamento baseado nun compromiso ético e mesmo estético non teñen complexo algún en anunciar novos beneficios a conta de manter en segredo e sen liberar as patentes das súas vacinas ou dos seus tratamentos fronte a enfermidades letais contra o ser humano e que están a provocar un auténtico axuste demográfico ao estilo "malthusiano", pero non pola vía do control da natalidade senón máis ben pola eliminación do "exceso de poboación" dun xeito radical e mesmo despótico onde parecera que so aquelas persoas que teñan acceso á vacinación teñen asegurada a súa esperanza de vida. 

Así, por exemplo, a farmacéutica BioNTech, comercializadora da vacina Pfizer, está xa facendo o seu "agosto" e acaba de informar que o seu suero é probable que sexa insuficiente para garantir a inmunidade fronte ao Covid-19 con dúas doses e quizais sexa necesario administrar unha terceira. Ademais, os directivos desta empresa xa se están apresurando a prognosticar que, como sucede coa vacina da gripe, haxa que prolongar anualmente o reforzo da substancia inmunolóxica para evitar que a pandemia, no caso de que se poida controlar de xeito definitivo (so hai que botarlle un ollo ao que está pasando na India con novas mutacións que están causando grandes destragos entre a poboación…), poida ser combatida dun xeito periódico pola nosa seguridade e polos seus beneficios económicos. 

A cotización de BioNTech, empresa farmacéutica alemana cofundada por Ugur Sahin e a súa muller, está polas nubes rexistrando alzas que superan o 200% na súa cotización e aínda máis cando segue a gozar de certa posición de privilexio entre os distintos sueros inmunolóxicos que se están a inocular na poboación cunha efectividade declarada do 97% e incluso asegurando que pode ser eficaz fronte ás distintas variantes e mutacións que se están detectando, ao parecer, incluída a que se está a manifestar na India. 

Con este panorama, lonxe de rebaixar as súas pretensións económicas ou arbitrar fórmulas que vaian máis alá do lóxico beneficio empresarial, o seu proceder deixa en mal lugar a súa "irrenunciable" vocación de servizo á humanidade imposta pola ética e os principios deontolóxicos que ante os intereses económicos decaen de xeito abraiante. 

Está claro que cando os intereses económicos entran pola porta os principios humanistas e solidarios destas empresas saltan pola fiestra. Ao final de todo esto vai ser, coma sempre, que a río revolto, gañancia de pescadores e aquí o peixe máis grande devora sen contemplacións ao máis chico, ou non?

Ganancias e miserias en tempos de pandemia…
Comentarios
ç