Opinión

A importancia de poñerlle o cascabel ao gato...

FALTAN POUCOS días para que se cumpra o prazo dado pola Xunta de Galicia aos propietarios de fincas con especies pirófitas situadas a menos de 50 metros dos 30.000 núcleos de poboación para que erradiquen eucaliptos, piñeiros e acacias para previr calquera situación de perigo en caso de incendio forestal.

Esta franxa de seguridade forestal está a traer de cabeza a milleiros de veciños que residen no rural e que se atopan cunha realidade moi complicada e que ven derivada dunha política forestal imposta desde hai décadas onde as especies de crecemento rápido fóronse apropiando dos terreos de cultivo, preto das casas, que pasaron a estar a monte ou a albergar eucaliptos como mal menor.

A ninguén lle resulta extrano no rural ter unha finca a piñeiros ou eucaliptos como unha especie de imposición a prazo fixo por se tivera que afrontar algún tipo de imprevisto, como unha enfermidade ou un revés económico para ter de onde botar man en caso de necesidade. Esta situación coa nova normativa que fixa o prazo do 31 de maio para erradicar estas especies a menos de 50 metros das vivendas está a causar unha preocupación enorme por moitos motivos.

Así, aquelas persoas maiores que están nesta situación de irregularidade vense imposibilitadas físicamente de realizar elas mesmas eses traballos de corte e extracción das especies pirófitas e, asemade, tamén se atopan nunha situación económica preocupante con pensións moi baixas (lembren vostedes que Galicia ten a media de pensións máis baixas de España) que dificultan en grao sumo pagar a unha empresa ou persoa para que realice estas funcións.

Antes compensaba e resultaba habitual que o madeireiro pagara por cortar ou que compensara o seu traballo coas árbores que extraía, pero hoxendía no resulta rendible para moitos profesionais do sector forestal facer eses servizos polo baixo prezo da madeira e tamén polo ineficiente que lle resulta ocuparse de intervencións en fincas pequenas sin maquinaria e a man e cun número reducido de exemplares para comercializar.

Ante esta situación moitas persoas maiores atópanse con que, aínda querendo, non atopan quen faga ese traballo aínda que elas queiran cumprir coa normativa, pero con imposibilidade práctica de executala polas razóns anteriormente expresadas.

Noutro orde de cousas está tamén a normativa aplicable ás estradas onde tamén se establece unha franxa de seguridade forestal, en función do tipo de vía, pero que tamén podemos comprobar como se está a incumprir de xeito sistemático e onde, en moitos casos, teñen responsabilidades as propias administracións propietarias das zonas afectadas polos propios viais e onde parece que ninguén di nada e veremos agora que aplicación terá unha vez concluído o prazo do 31 de maio se non hai moratoria.

Por outra banda, atopámonos con outro paradoxo como é que os encargados de velar polo cumprimento desta normativa emanada da Xunta de Galicia serán os concellos, que terán potestade para realizar os traballos de corta que non sexan feitos polos propietarios e cargarlles a eles as costas da súa execución. Nalgún caso, e sin querer ser demagogo, a unha vella viuva cunha pensión de 400 euros.

A ninguén lle resulta extrano no rural ter unha finca a piñeiros ou eucaliptos como unha especie de "imposición a prazo fixo" por se tivera que afrontar algún tipo de imprevisto, como unha enfermidade ou un revés económico para ter de onde botar man en caso de necesidade

Pero esto tamén é un problema pola falla de persoal, xa non só competente nesta materia, senón porque moitas realidades puras e duras de gran número de pequenos e medianos concellos do rural galego non contan con operarios suficientes para engadir aos seus quefaceres habituais o de leñador, polo que resulta moi doado para a administración superior, neste caso a Xunta de Galicia, dicir o que hai que facer sin poñer os medios axeitados para a súa execución práctica.

En definitiva, estamos ante un problema evidente como é a necesidade de planificar o futuro do noso monte para previr desastres como o do pasado 15 de outubro e tamén para obter un rendemento máis axeitado para os milleiros de hectáreas de arborado que existen no noso país e que carecen dunha mínima ordenación que garanta unha maior produtividade e protección fronte ao lume.

A realidade do noso país é que moitas veces lexíslase coa boa intención de dar resposta a un problema, pero non se poñen os medios necesarios para a súa correcta aplicación e concreción facendo descansar sobre o cidadán a responsabilidade de resolver unha cuestión que ven herdada, como neste caso, dunha cultura forestal baseada nos intereses de empresas madeireiras e pasteiras que favoreceron o monocultivo de especies pirófitas, é dicir, que somos moito de falar de que hai que lle poñer o cascabel ao gato, pero pouco comprometidos á hora de ter que asumir a responsabilidade de dar o paso un mesmo, ou non?

Comentarios