Opinión

Librarse do cárcere polos pelos...

ESTABA EU ollando as distintas noticias de última hora nas axencias de información cando a miña atención detívose de súpeto, como si estivera diante dun sinal de stop, ante un titular que rezaba algo así como que un xulgado de Vigo obrigaba a un mozo a manter o pelo longo si non quería ingresar no cárcere.

A priori, pareceume unha desas noticias tendenciosas que están moi de moda nas redes sociais. Relendo de novo o titular pareceume un pouco esaxerada a medida imposta polo maxistrado, pero logo pensei que igual obedecía a unha sentenza apoiada na doctrina do xuiz Calatayud, aquel maxistrado cordobés que impón unha serie de penitencias aos mozos e mozas que infrinxen a lei, como aprender a ler ou traballos sociais, que son moi exemplarizantes e impiden non so que o condenado acabe en prisión senón que ten un valor pedagóxico que non esquecen e teñen sempre presente polo resto da súa vida.

Neste caso a sentenza fora dictada pola Sala Quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, e facía referencia a unha condea de tres anos a un mozo por tráfico de estupefacientes, cunha eximente incompreta por adición á cocaína e á heroína que lle xerou unha anomalía psíquica importante ao individuo obxecto do procesamento xudicial.

O acusado, que aceptou a sentenza, asegurou que xa non consumía drogas, aínda que tamén asegurou que tras pasar por un momento persoal malo tivera unha lixeira recaída da que estaba xa reposto e facía a promesa pública de non volver probar estupefaciente algún, orixe dos líos nos que se metera e motivo da condea á que foi sentenzado polo tribunal provincial.

A mellor solución foi prescribirlle ao mozo que se deixara medrar o pelo, polo menos tres centímetros, co fin de que os seus cabelos puderan servir de testemuña fiable para realiza-las probas pertinentes e demostrar que non volva a recaer

O condeado presentouse no xulgado co pelo cortado ao "cero" e levantando certa desconfianza entre os membros do tribunal acerca da sinceridade do seu compromiso e da forza de vontade coa que tiña que asumir a decisión de non volver probar droga algunha como contrapartida a non ingresar en prisión polo que fixo que os maxistrados tiveran un momento de reflexión antes de dictar sentenza definitiva.

Non é que os membros do tribunal foran discípulos de Concepción Arenal pero a ninguén se lle escapa que a capacidade de reinserción dos cárceres españois é de moi baixo nivel o que fai pouco recomendable moitas veces buscar a redención na pena cando esta non é excesiva e pode ser conmutable por outro tipo de actuacións como a que era obxecto do que se estaba a substanciar no tribunal vigués.

Estando así as cousas, os maxistrados optaron por atopar unha saída solomónica ao problema de aplicarlle un sistema de control axeitado para que o condeado cumprira coa súa parte do trato e non volvera a consumir estupefacientes mentras estaba en proceso de proba e control. Así que a mellor solución foi prescribirlle ao mozo que se deixara medrar o pelo, polo menos tres centímetros, co fin de que os seus cabelos puderan servir de testemuña fiable para realiza-las probas pertinentes e demostrar que non volva a recaer, por un mal momento, no proceloso mundo das drogas das que agora ten unha ocasión para se alonxar aínda que so sexa por intereses propios e evitar acabar cos seus osos nalgún dos cárceres existentes no noso sistema penitenciario.

Deste xeito, o liberto, non terá que esperar a intercesión do Cristo do Perdón en Semana Santa e deberá estar máis pendente de non caer en mans dun perruqueiro insensato que acabe sucumbindo ás tentacións de hincarlle as tesoiras a fondo e transgredi-los tres centímetros de pelambrera "impostos" polo alto tribunal. Mellor será tamén non ter un "momento malo" que acabe levando polo mal camiño a un mozo que ten agora nesta sentenza unha segunda oportunidade da que non todo o mundo pode dispoñer, ou non?

Comentarios