Opinión

A maioría natural contra a República Dixital Catalá...

A NOVA lexislatura conformada despois da vontade cidadá dimanada das eleccións do pasado 10-N vai camiño de se converter na máis atropelada e vertixinosa da historia reciente da democracia española. Atrévome a prognosticar que vai a ver máis reviravoltas, peripecias e saltos mortais que nunha competición de ximnasia artística de alto nivel, por non falar dun circo de tres pistas, con paiasos e todo…

Un bo exemplo do que falo é o trámite seguido na Comisión Permanente para convalida-lo chamado Decreto Dixital aprobado polo Goberno en funcións e que permite actuar sobre as páxinas da Generalitat e do independentismo catalán grazas ao voto favorable do Partido Socialista e o apoio explícito do Partido Popular e Cidadáns, mentres os potenciais socios para facilita-la investidura de Pedro Sánchez desmarcáronse, a modo de estampida, da chamada Lei Mordaza Dixital cualificada de auténtica Lei Corcuera da patada no servidor sen autorización dixital, como a definiu a deputada Laura Borrás, de Junts per Cataluña.

Esta nova lexislatura estará caracterizada polos distintos xiros e habilidades que terán os representantes do Goberno, e aqueles que os apoian, para explica-la cuadratura do círculo deixando en simples aprendices aos ministros de Zapatero cando falaban daquelo da desaceleración ou o crecemento inverso da economía española ao referirse ao batacazo que se nos viña enriba coa crise e que ninguén, ao parecer, mirou vir…

Agora asistiremos a un novo estilo da política no que os recursos gongorianos van ser unha simple broma á hora de explicar como se sentan a dialogar sobre o conflicto político en Cataluña ou no País Basco entre gobernos en pé de igualdade sin que eso pareza o que realmente é… ou polo menos van tentar instaurar a versión 3.0 da tomadura de pelo ao común dos mortais.

Polo de pronto a defensa deste Real Decreto Lei, recaeu sobre a ministra de Economía e Empresa, Nadia Calviño, quen pediu o apoio á convalidación das súas señorías saltando de charco en charco para non ter que ofender a ninguén e sin mencionar en ningún momento que a nova normativa aprobada polo Goberno en funcións viña motivada pola República Dixital Catalá cando combatir o independentismo era unha das liñas mestras do programa electoral de Pedro Sánchez, ese que dicía que nunca pactaría nin compartiría o goberno con Unidas Podemos e Pablo Iglesias porque prefería saír da Moncloa a entregarlle competencias a estes antisistema que lle quitarían o sono a media España… Tal cual.

Aínda non escomezamos e Pedro Sánchez e o Partido Socialista xa teñen serios problemas coa súa nova política de alianzas que, aínda que pareza mentira, ten o respaldo abrumador da militancia de ámbolas dúas formacións políticas pero que, na práctica séguense comportando como o aceite e a auga e son imposibles de misturar se axeitadamente para emulsionar a máis mínima medida política agás acadar e repartirse o poder e os ministerios.

Mentras tanto, e pola vía dos feitos, os acordos vanse producindo claramente a través do chamado bloque constitucionalista e esta votación na Comisión Permanente do Parlamento vislumbra ás claras que é máis doado atopar un etendemento entre PSOE-PP-Cs (a maioría natural) que entre o PSOE-UP e o resto de formacións do panorama soberanista do Estado Español.

Estamos pois ante unha disonancia cognoscitiva ou máis ben política que non ten visos de se poder solucionar dun xeito razoable e lóxico xa que o único fío conductor que pode impulsar a investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno é aquel marcado polas aspiracións e os desexos persoais e as comenencias políticas dos independentistas que esperan vender ben caro o seu voto (desde o punto de vista das súas aspiracións soberanistas) para que Sánchez e o seus gurús mediático-políticos sigan ocupando a ala oeste da Moncloa. A diferencia de calquera democracia occidental avanzada, priman aquí os intereses persoais por enriba da conveniencia xeral e política do país. Tipical spanish!.

Ao paso que vamos non sería de estranar que foramos, máis cedo que tarde, a unha nova consulta cidadá nas urnas porque está claro que á terceira vai a vencida. O que non está moi certo neste momento é si teríamos que acudir a unha nova cita electoral para decidir sobre a proclamación dunha Terceira República ou elixir un novo Congreso e Senado, ou non?

Comentarios