Opinión

O mannum, volo e osculo de Puigdemont

CANDO ESTUDIABA no instituto da Xunqueira, lémbrome que unha das asignaturas que sempre me gustaron e que non se me daban francamente nada mal era a de Historia, sobre todo a relacionada co periodo da Idade Media. Como naqueles plans educativos procuraban que o curriculo educativo tivera un nexo común para que a nosa aprendizaxe fora a máis completa e global posible, en Literatura Galega estudiabamos aos trovadores con aquelas cantigas de amigo, amor e de escarnio e maldicer a Alfonso X o Sabio e, avanzando no tempo, en Literatura Española aquelas novelas de Cabaleiría que acabaron por volver tolo ao mesmo Don Quixote.

Gustábame seguir as aventuras de Amadís de Gaula ou Lancelote que combinaba na miña imaxinación con aquelas películas de Hollywood que comezaban a chegar, en branco e negro a Televisión Española, e que tiñan como protagonistas a Robert e Elizabeth Taylor en Ivanhoe, ou El Halcón y la Flecha, con Burt Lancaster ou ao mítico Robin Hood, con Errol Flynn.

Naquelas películas de homes de honra, que loitaban polos seus ideais e contra a tiranía establecida, idealizábanse as causas xustas fronte á tiranía dos máis fortes e, si por algún raro motivo os heroes desas historias da ficción hollywoodiense fuxían facíanno porque non lles quedaba máis remedio. Aínda que o cariz dos acontecementos así os obrigaran, sempre acababan voltando aos seus dominios, xunto aos seus, aínda que foran sabedores de que lles agardaba algunha que outra trampa do Sheriff de Nottingham, que debían superar para liberar aos seus amigos e proclamar a xusteza das súas reivindicacións populares.

Cando es un rapaz vense as cousas desde unha perspectiva pouco crítica e moi idealizada e aqueles contos eran campo aboado para a imaxinación con aqueles cabaleiros andantes vestidos con brilantes es deslumbrantes armaduras a lomos de esplendorosos corceis desfacendo entortos e sometendo aos seus inimigos recordando aquela vella fórmula que nos aprendeu nunha clase o meu mestre, sempre admirado, Xosé Fortes, que nos dicía: "Mannum, volo e osculo…". Tres latinaxos que nos aprendimos naqueles tempos a ferro e lume para sempre como sagrado xuramento de vasallaxe.

Bromeabamos entre nós na hora do recreo (creo que algo frikis debimos ser algúns) repetindo rodilla en terra entre nós aquel vello xuramento tendendo a nosa man mentras un compañeiro, cun pao recollía o noso ceremonioso compromiso ao tempos que nos tendía as súa man mentras repetiamos como cacatúas "mannum", "volo" (quero) e aplicábamos o "osculo" (bico) de maneira furtiva e como si a extremidade superior do noso amigo fora ponzoñosa.

Algo parecido debe querer facerlle Montoro a Carles Puigdemont si o fuxitivo quere cobrar os 116.000 euros anuais que lle corresponden como ex President da Generalitat (ademais dun xefe de gabinete, unha secretaria e un axudante máis). Para facer efectivo o seu dereito a cobro dese dereito adquirido o Molt Honorable terá que adxurar das súas conviccións, acata-la Constitución e a manida aplicación do artigo 155.

Non creo que Montoro busque a vasallaxe de Puigdemont a estas altura do belén, pero dame a impresión que quere forzar a máquina para que o President non poda ingresar os 9.000 euros mensuais que lle tocarían por ter a sorte de ostenta-la máxima representar autoridade do Estado en Cataluña aínda que fora dun xeito interino e por pouco tempo.

Tendo en conta que torres, non direi eu máis altas, pero si soberbias, caíron xa despois duns días á sombra en diversas cárceres-hoteis do Estado e teñen xa adxurado dos seus compromisos co proceso independentista buscando a indulxencia da Xustiza non sería de estranar que Puigdemont acabara por atopa-la cuadratura do círculo para avirse a razóns…

A todo esto Montoro, que disfruta en privado da situación, azuza os ánimos dos seus admiradores recordando que Puigdemont é súbdito do Estado Español e que para cobrar das arcas públicas ten que acollerse á tradicional cerimonia do "mannum, volo e osculo" que non é outra que acatar e cumprir os preceptos constitucionais se quere cobrar.

Na miña terra hai un vello que sempre que escoita falar de Puigdemont e todo o relativo co seu soldo bótase a rir e di: "Deixa, deixa, deixa que xa. Pouco vai tardar en voltar. Xa veredes… porque polo pan baila o can, ou non?".

Comentarios