Opinión

A maternidade subrogada...

A CUESTIÓN da maternidade sempre me pareceu unha decisión moi persoal e que obedece á liberdade individual do ser humano independentemente de si vive soa, en parella, polo civil, pola Igrexa ou "mediopensionista"... é unha cuestión tamén que ten moito que ver coas emocións e sempre mediatizada polas circunstancias e a responsabilidade que conleva.

Noutra cara da moeda están aquelas persoas que querendo ter fillos, a natureza e os métodos de fertilidade asistida non dan os resultados agardados producindo unha importante situación de frustración persoal e, nalgúns casos, ata de depresión crónica. Moitas destas persoas atopaban na adopción, nacional ou internacional, unha saída satisfactoria a unha cuestión para a que, poñendo todo da súa parte, non se atopaba unha solución axeitada.

Co método da adopción, en teoría, satisfacíanse dúas realidades importantes: a das persoas que querían formar unha familia e a daqueles nenos ou nenas que se atopaban nunha situación grave de orfandade que podían atopar un futuro esperanzador desde o punto de vista afectivo e tamén persoal.

Lémbrome do "boom" de adpocións no estranxeiro que tivo lugar hai uns poucos nos e que fixo que a sociedade galega sufrira unha importante transformación sobre todo a través da presenza de nenos e nenas doutras etnias que "inundaron" coa súa presenza parques e xardíns, garderías e colexios de infantil por toda a nosa xeografía dando lugar a comentarios tan simpáticos como o que escoitei eu, hai anos, no colexio do meu pequeno cando un grupo de cativos recibían a noticia dun deles que lles comunicaba que acababa de ter un irmanciño. Ante semellante noticia, motivo de ledicia de todos eles, un lle preguntou sin ningún tipo de malicia: "E de que cor é o teu irmanciño?" O que puña de manifesto, con toda naturalidade, a realidade que viven eses nenos e nenas convivindo con rapaces ou rapazas de orixe africana ou asiática...

Despois de moitos escándalos e problemas de todo tipo relacionados con adopcións no estranxeiro, ábrese agora unha nova xanela ás persoas que queren ter familia e non poden acceder a elo por cuestión de índole natural ou polo peche de fronteiras á adopción exterior e pensan nas nais de alugueiro como solución.

Cidadáns, de Albert Rivera, está disposto a levar ao Parlamento unha lei que regule esta práctica dándolle forma a un sistema utilizado fundamentalmente por persoas con grandes posibilidades económicas que recurren ao estranxeiro para conseguir un bebé a través dos ventres de alugueiro.

E aquí lanzou eu a miña pequena reflexión: Se a práctica totalidade das nais con ventres de alugueiro son mulleres con escasos recursos económicos que ven na maternidade subrogada un xeito de conseguir ingresos para poder subsistir elas e mailas súas familias non estaremos tentando legalizar un mercadeo de seres humanos ao alcance dos máis ricos? Cando se fala de regularizar a maternidade subrogada e se argumenta que debe ser dun xeito altruísta, agás unha pequena compensación para cubrir mínimos gastos, provocará que se sometan a esta práctica mulleres con poder adquisitivo medio alto ou seguirán sendo aquelas que estean nunha situación de desamparo económico as que se presten a pasar nove meses de embarazo e privacións (sin contar o parto)? Para que todo o mundo teña acceso a esas nais xestantes farase por rigurosa lista de espera na Seguridade Social para evitar privilexios por cuestións económicas, tal e como sucede co Sistema Nacional de Transplantes?

Persoalmente penso que non. Que detrás da proposta do señor Rivera non está a búsqueda dunha solución para aquelas persoas que queren constituir unha familia e non poden por medios naturais ou a adopción atopar unha saída satisfactoria e o que se pretende é legalizar unha práctica mercantilista que só busca satisfacer a demanda dos poderosos, dos acaudalados, dos famosos, en fin dos de sempre (antes sucedían aqueles estranos casos de bebés que nacían mortos, fillos de solteira ou de xente sin recursos que aquelas "monxas" se encargaban de apartar do mal, do pecado e darlles unha vida mellor con outras familias ligadas ao franquismo ou aos poderes fácticos) aos que todo lles vale con tal de cumprir cos seus desexos independentemente dos demais para o que buscan facer legal moitas veces desgarradoras historias que hai tras as nais de alugueiro en países subdesenrolados ou persoas en situación de grave emerxencia social, ou non?

Comentarios