Opinión

Un Nadal entre a lotaría e as vacinas

Ata o de agora o Nadal convertíase nunha realidade contrastable a partir do encendido lumínico de prazas e rúas (a excepción do acontecemento interplanetario de Caballero, que é cousa aparte) e o sorteo da Lotaría Nacional do día 22 onde, por certo este ano Galicia saiu mellor parada que noutras ocasións onde os principais premios pasaban de longo, pese a ser a nosa Comunidade unha das máis activas naquelo de depositar as súas esperanzas na "boliña" e ver si acabamos de saír de pobres algunha vez, aínda que sexa de chiripa. 

Pero sen dúbida este ano o elemento fundamental que marcará a celebración do Nadal serán as normas e recomendacións aprobadas polas autoridades sanitarias que van impedir que os galegos e galegas disfrutemos como de costume destas datas tan entrañable e, seguro, van a ser a "comidilla" da velada e da sobremesa. Así, aínda que está medio establecida unha moratoria ou "salvoconducto" autorresponsable para que entre o 23 e o 25 poidamos facer unha escapadiña para «facer unha visita de médico a un familiar», as opíparas ceas e xantares van estar este ano desdebuxados pola observancia, non tanto da ordenanza franciscana á hora de comer, pero seguro que vostedes xa me entenden por onde vou... 

Así recoméndannos que fagamos as celebracións de Nadal cinguíndonos a unha única unidade familiar de conviventes ou, se é preciso incorporar algunha persoa adicional, pero sen exceder das dúas unidades familiares. 

Se se supera o límite de dúas unidades familiares, un máximo de 6 persoas sen contar nenas e nenos de 10 ou menos anos de idade, que non poden ser máis de catro, indica a Consellería. Esta, di Sanidade, sería a "terceira opción" e está concebida, por exemplo, para poder incorporar ás reunións a persoas maiores que vivan soas. 

O que xa vai ser máis complicado é o de realizar os encontros preferentemente ao aire libre, manter as xanelas abertas e facelas durante un tempo limitado. Home, as dúas primeiras son máis complicadas en función do tempo atmosférico reinante, no caso do terceiro aínda se pode ver. 

Falan tamén de sentarse en torno a unha mesa grande, que permita unha distancia interpersoal de 1,5 metros. Aquí xa lle diría ao conselleiro que non sei que mesa ten na súa casa para xantar, pero ou está recomendación sacada ou inspirada nunha película deses matrimonios ingleses isabelinos ou vai ser que non… 

Logo, e como compañeira de fatigas, está a máscara que teremos que usar sempre que sexa posible, agás para comer e beber, como indica a lóxica. Despois está o de poñer a mesa, que di a recomendación que o faga unha única persoa, é dicir, tocaralle de novo ao pequeno da casa e poderemos, neste caso, argumentar fronte ao consabido "sempre me toca a min", aquello de que a autoridade competente, neste caso o conselleiro, que é o que manda nestas cousas é o responsable do mandado. Así que, non hai mal que por ben non veña… 

Finalmente, as recomendacións van da orde de absterse de saudar con contacto físico, non compartir bebidas e alimentos e, se unha persoa se ergue da mesa, deberá levar a cabo unha desinfección mediante lavado de mans antes de volver a ocupar o seu lugar (queda totalmente descartado usar o típico soniquete destas celebracións de que "o que foi a Castilla perdeu a silla...)". Tamén nos debemos esquecer daquelo de "hoxe ceamos con teus pais e mañá xantamos cos meus" xa que débense facer "reunións estables", sen variar as persoas que se xuntan en cada unha das datas festivas. 

Estas normas, que deben de estar moi ben pensadas (para xentes doutras latitudes e nivel educacional…) veremos como se levan á práctica despois do momento de soprar o matasogras e darlle duro á zambomba tras tomar algunha que outra bebida espirituosa e deixarse levar polo momento. Pero non está mal que no-lo digan por aquelo de que nos poida servir tamén de coartada para evitar coincidir na mesma mesa cun cuñado ou curmán insoportable deses que, antes da Covid-19, sabías que tiñas que aguantar si ou si porque sempre acababa sentándose ao teu carón (agora polo menos haberá un metro e medio ou dous metros de separación). Neste caso, a lotaría da que falamos ao principio pode facer que resultes este ano exento de confraternizar coa familia. 

Pois como estamos en época de Nadal e temos todos tendencia a ter bos pensamentos e ser optimistas, aproveito a ocasión para felicitarvos as festas, desexarvos un Feliz Aninovo 2021 e que non pase como cando empezamos con esta pandemia e se decidiu centralizar polo Goberno español a compra de máscaras e elementos de protección fronte á Covid-19 e esas vacinas que están asignadas a Galicia cheguen de xeito harmónico, fluído e equitativo, ou non?

Comentarios