Opinión

No PSOE botan unha de piratas...

DESDE BEN pequeno que me gustaron sempre as películas de piratas. Lémbrome que na casa, cando tivemos televisión (primeiro en branco e negro e moito despois en cor) sentabámonos os sábados pola tarde a ver a sesión de cine que a Primeira tiña a ben programar. A min as que me encantaban eran as de Errol Flynn e tamén as de Burt Lancaster.

Naqueles tempos, sin tantos efectos especiais nin imaxes sobrenaturais como as que agora acompañan a Jack Sparrow e aos seus Piratas do Caribe, con Johnny Deep, asistíamos a unha trepidante aventura onde o principal argumento, similar ao que hoxe podemos atopar en Xogo de Tronos, actuaba como fío condutor das peripecias dos corsarios dos sete mares. Envexas, traizóns, botíns, rebelións, motíns, loitas contra os poderosos e o poder establecido eran moeda común daquelas tramas cinematográficas hollywoodienses.

Agora a realidade é outra. Lonxe quedan no tempo aquelas producións do cine baseadas nas mentes quenturentas dos guionistas que dun xeito esaxerado falaban das vidas e miseras daqueles proscritos, daqueles auténticos "fóra da lei". Tamén resoan na miña memoria as andanzas de Benito Soto Aboal, o pirata da Moureira, que foi executado no ano 1830 nada máis e nada menos que en Xibraltar. Todo aquelo envolto en fantasías e esaxeracións, seguro?

A verdade é que si analizamos os últimos acontecementos políticos vividos no Partido Socialista puderamos estar ben ante un guión dunha gran superprodución de televisión ou cine que nos axudaría a explicar e, sobre todo, comprender todo o seu recente proceso.

Sin querer establecer quen sería "Barbanegra" (ou "Barbavermella" para o caso) ou o Pirata Morgan, "Anne Bonny" ou mesmo "Sadie Farrell" si que poderiamos definir moitos dos acontecementos como actitudes propias dos piratas na loita por un botín que, neste caso, ben podería ser un barco centenario que transita, ao albur do vaivén das mareas, entre a socialdemocracia e o centro esquerda eso si, procurando non encaiar nos areais do populismo nin colisionar coas rompentes da dereita...

Ao igual que soe suceder cando a tripulación esta cansa e non se ve nin unha soa vela no horizonte que dea o ánimo suficiente para esquecerse das escasas provisións de abordo, os piratas refunfuñan entre si deambulando pola cuberta. Neste estado de esquizofrenia coletiva vale calquera pequeno roce para que entre eles rexurda a agresividade que levan dentro e rápidamente diriman, coitelo en man, calquera das súas desavinzas. Xa saben vostedes, "cando non hai fariña todo é riña", como di o refrán e "coas cousas de comer non se xoga".

E algo así deberon pensar os baróns do PSOE cando comprobaron como por dúas veces consecutivas o barco socialista dirixido por Pedro Sánchez tomaba un rumbo "pouco recomendable" baixando cada vez máis o botín traducido en número de votos nas adegas do galeón pirata transformado en urnas, pasando así o seu buque insignia de ser coñecido como "El Temido" a ser unha mera "Burla Negra" (máis ven vermella) dos seus tradicionais inimigos irreconciliables, ou quizais non tanto...

Estando así as cousas, contramestres, mariñeiros con experiencia e responsables de cuadrilla decidiron dar un paso adiante e facer saltar pola borda ao capitán, responsabilizándoo da mala sorte e de ser un gafe que en lugar de conseguir achegar o botín dos votos só funciona de pararraios que atrae sobre el ventos e tempestades coa conseguinte ameaza de zozobra e a histeria coletiva.

Así, o capitán foi obrigado a desembarcar nunha illa deserta, desde o punto de vista mediático, e ao amparo do seu propio destino mentras os novos responsables do barco socialista preferiron ir a remolque da seguridade que lle ofrecía o pouco poder das instituciones para ver si conseguían manter a flote o cascallo no que se acababa de converter o vello baixel pirata.

O barco, baixo o goberno dun timón firme de vellas mans expertas no arte do flirteo coas olas e os azarosos embates da vida, ía poñendo rumbo cara porto seco, co medo que eso lle dá aos piratas, o que fixo que a rebelión volvera a coller folgos e un motín popular en forma de primarias acabara cos designios da Raíña dos Mares do Sur.

Agora, de novo, está a bordo o vello capitán Pedro Sánchez aupado pola muchedumbre, rescatado contra prognóstico do ostracismo baixo a promesa da vinganza total. Haberá que ver nun futuro próximo si os contramestres, mariñeiros experimentados e responsables de cuadrilla optan por saltar pola borda ou afacerse de novo a navegar polos incertos derroteiros que lles marque o antigo capitán agardando a oír o ansiado berro de: "A abordaxe!", ou non?

Comentarios