Opinión

O Noroeste e o tren do futuro

Esta semana Santiago de Compostela acolleu un deses actos de trascendencia histórica que escenifican e poñen de manifesto toda unha declaración de intencións como foi a sinatura dos presidentes de Asturias, Castela e León e Galicia dun manifesto en defensa do coñecido como “Corredor Atlántico Noroeste” e que xurde non como un posicionamento fronte a nada e a ninguén senón unha reafirmación da necesidade de reivindicar o que en xustiza lle corresponde a estas tres comunidades autónomas para evitar que se queden esquecidas e no ostracismo das novas redes de transportes de persoas e mercadorías por rede ferroviaria.

Este acto supuxo unha aposta común de persoas e institucións con intereses e mesmo posicionamentos políticos antagónicos, pero que teñen en común a defensa a ultranza dos seus respectivos territorios ante un reto de futuro que pasa por comunicarse con Europa ou manterse novamente illado e alonxado das redes principais do transporte global.

Nese acto evidenciouse e tratouse con esquisita atención o peso específico que supón nesta iniciativa reivindicativa Portugal, país veciño que comparte con nós moitas cuestións, entre elas os intereses por engancharse desde un primeiro momento co Corredor Atlántico Noroeste como vía principal de saída dos seus produtos e de recepción de visitantes.

Neste sentido, o país luso mantén unha decisión estratéxica de conectar Lisboa e Oporto con Vigo e Coruña como parte importante da súa conectividade ferroviaria con Europa, a un ritmo incluso superior ao que está a imprimir o Goberno español liderado por Pedro Sánchez que con Galicia e co Noroeste da Península parece ter un problema importante á hora de destinar as súas preferencia investidoras.

Outro dos elementos destacados que se pudo observar con claridade no acto de Santiago de Compostela foi o protagonizado polo presidente do Principado de Asturias, Adrián Barbón Rodríguez, quen deu unha auténtica lección de defensa dos intereses da súa terra por enriba de calquera posicionamento político de comenencia ou mesmo partidista.

Barbón, presidente socialista, foi un home de palabra e pese ás presións recibidas (que non deberon ser poucas a xulgar como as gastan en Moncloa) deixouse non so retratar con dous pesos pesados do Partido Popular, como Alfonso Fernández Mañueco e Alfonso Rueda Valenzuela, senón que na súa oratoria foi un dos máis ferventes defensores do Corredor Atlántico Noroeste, e recalcou o do noroeste, como plan estratéxico de futuro para Asturias e tamén para os seus veciños.

Alí estiveron tamén os empresarios e os presidentes das principais autoridades portuarias de Galicia e Asturias que coincidiron na necesidade de impulsar infraestruturas que permitan que o Noroeste da Península Ibérica se convirta nunha especie de macroestación modal de interconexión mundial a través do océano Atlántico e Europa e nunha auténtica ponte de comunicación entre a inmensidade de América, África e o continente europeo.

Os portos galegos e asturianos teñen unha dilatada experiencia como portas de entrada e saída con destino e partida ao continente europeo e, pese ás deficiencias de infraestruturas ferroviarias, van capeando o temporal a base de esforzo loxístico a través do transporte terrestre que, nos tempos que corren de necesidades de aforro enerxético e de redución da contaminación, precisa de alternativas ferroviairias como determinan as directivas europeas. Todos os alí presentes tiñan un coidado esquisito e un medo atroz a que calquera poidera aproveitar esta proclamación de intencións para convertila nunha auténtica declaración de guerra contra o Corredor Mediterráneo ou outras zonas do Estado Español.

Desde logo motivos non faltan e provocacións tampouco porque non son poucas as voces que se alzan desde Cataluña e desde o Levante español reclamando prioridade no investimento cara esa zona e relegar, novamente, ao Noroeste ao ostracismo como pasou, e pasa, coa chegada do AVE e moitas cousas máis que fan que a débeda histórica con estes territorios vaia en aumento.

Desde logo que cada un conta da feira segundo lle vai nela, pero está claro que Asturias, Castela e León e Galicia se xogan moito do seu futuro nun mundo globalizado si se perde o tren do Corredor Atlántico Noroeste ou queda relegado nesta carreira por contar con este tipo de infraestruturas canto antes. Estamos a falar de milleiros e milleiros de millóns de euros. Son infraestruturas de alto nivel investidor, pero ou se fan ou quedaremos condenados a sufrir unha nova marxinación e a conta que a historia e os distintos gobernos teñen con estas tres comunidades autónomas ben merecen un esforzo para non ser máis que ninguén, pero desde logo para non ser menos, ou non?

Comentarios