Opinión

O cura de Vilanova co 'Rockin' Vila 2015

QUIZÁS NA cidade do Lérez o protagonismo eclesiástico vaia decaendo a medida que van desaparecendo figuras míticas do sacerdocio, unhas por causa natural (lémbrome de Don Peregrino) eu outras por mor dos designios da “Santa Madre Iglesia” (por exemplo Don Luis Alcántara “Sito”, ex coadxutor de Santa María, ex capellán do Pontevedra, ex párroco de Salcedo e cotitular da parroquia pontevedres do Burgo , entre outras moitas misións evanxelizadoras…) ou o mediático Don Crisanto Rial, cura de Lérez que saltou á palestra por cuestións mundanas relacionadas con diferencias sobre a aplicación daquel vello dito bíblico de “''a Deus o que é de Deus e a Montoro o que é de Montoro…...''

En Arousa tamén se distinguen por ter un clero moi activo. En Vilagarcía, Don José, amigo e confesor do finado Xosé Cuiña (que en paz descanse e Deus o teña na súa Gloria); en Cambados, Don José Aldao, quen tivo os seus máis e os seus menos por mor do seu enfrontamento con Sito Miñanco; o intrépido e dinámico párroco da Nosa Señora da Xunqueira, Don Manuel Couceiro Cachaldora, presidente da Fundación Galega contra o Narcotráfico e dinamizador da fe católica entre a xuventude arousá coas súas orixinais e participativas páscoas xudeas…...

Pero si alguén merece a nosa atención ese é Don Tucho, o cura párroco da igrexa de San Cibrán de Cálogo, en Vilanova de Arousa quen saltou ao estrelato mediático cun “cameo” feito para a promoción do festival de rock, que se celebra hoxe en Vilanova de Arousa, no parque do Cabo, dentro das Festas do Mexillón e o Berberecho e que pretende promocionar as novas bandas de rock galegas.

A súa presenza neste anuncio que se pode ver en Youtube non deixa indiferente a ninguén. Tanto é así que desde o sector máis conservador da súa feligresía xa están a criticar ao pobre párroco por servir de escaparate para unha música que parece vir directamente do mismo inferno.

Outros aplauden a iniciativa e defenden o carácter aberto do cura e a súa aproximación ás novas xeracións coa intención de redimir a aqueles xóvenes que esta noite teñan a tentación de ser posuidos pola música de Nao, Biribirlocke, Aspergillvs de Coira, Doen e Terbutalina, quenes coa súa canción “Ben Peinados” do seu álbume “A Muerte” poñen música ao controverquido vídeo promocional.

A apertura das portas da igrexa de San Cibrán de Cálogo para que se poidera grabar este vídeo vaille dar algunha que outra dor de cabeza non só desde a dirección comarcal do Arciprestazgo do Salnés, senón tamén do propio Arcebispado de Santiago de Compostela. Ademais da procesión de beatas que nos últimos días se lle están a arremolinar diante da sancristía pedindo confesión para, nas distancias curtas, axustar co cóengo calquera viso de libertinaxe.

Hai quen di tamén que os organizadores buscaron a intermediación de Don Tucho con Santa Clara para que, tras deixarlle unha ducia de ovos, no día de hoxe non caian gotas de auga (e se é así que sexa bendita) sobre o concerto, con entrada de balde, que comezará ás 21:30 h. dentro dos actos de celebración da Festa do Mexillón e o Berberecho de Vilanova de Arousa.

Desde a chegada do Papa Francisco ao Vaticano desde logo, senón a letra, parece que a música algo sí que mudou. E, aínda que non se trate de cambiar o Te Deum por un tema de Terbutalina, desde logo que con estes xestos parece que calquera homilía entra mellor e, senon, xa se sabe “a Deus rogando e co rock dando…”, ou non?

Comentarios