Opinión

O peso político...

SE HAI algunha persoa que no día de hoxe se sinta especialmente feliz é o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, que viu como o Congreso dos Deputados deu o visto e prace aos Orzamentos Xerais do Estado nun Pleno marcado polas anécdotas, a confusión e o humor ao estilo de Mr. Bean.

Aquelo parecía o camarote dos irmáns Marx: Ante unha mesma emenda orzamentaria aparecían deputados do PSOE votando a favor, outros en contra e tamén quen se abstiña... Nada de estranar despois do guirigai polo que estes días está a pasar a bancada socialista coa elección en primarias de secretario xeral, o resucitado contra todo prognóstico, Pedro Sánchez.

Era tanto o lío que tiñan as nosas señorías que incluso o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, votou en contra do seu compañeiro de viaxe momentáneo, Nova Canarias, a unha das súas pretensións orzamentarias previamente pactadas co Partido Popular. Que follón! Da confusión e dos erros dixitais ao premer o botonciño non se librou nin o propio Pablo Iglesias que, aturdido polo ovo que lle arroxaron os taxistas que se manifestaban hai escasos días contra Uber e Cabify, diante do hemiciclo, deixou visibilizar inconscentemente e involuntariamente por un instante as súas simpatías polas teses do PP, algo inaudito que arrancou algún que outro chascarrillo nas ringleiras socialistas...

Pero o que realmente foi de especial interese para os que seguían o debate dos Orzamentos Xerais do Estado, o elemento fundamental que permite a un país e a un goberno estar operativo no exercizo en curso, foi como de sú- peto dous deputados (un do PP e outro de Cidadáns) caían desplomados ao chan despois de rachar casi de xeito simultáneo sendos escanos sobre os que tiñan sentadas as súas dignas e respectivas posadeiras...

Do estruendo do primeiro momento pasouse ao susto nas bancadas socialistas onde aos máis veteranos se lles palideceu o rostro de repente ao lembrar a entrada triunfal do 23-F daqueles gardas civís liderados por Antonio Tejero Molina que a berros dicía aquelo de: "Quieto todo el mundo! Al suelo!" e, desde logo, así foi. Dous representantes da vontade popular estaban polo chan en posición pouco digna.

Os protagonistas da historia foron Toni Roldán, de Cidadáns, e Juan José Santiago, do Partido Popular que, a priori, non sonaban como representantes con especial peso político no Congreso dos Deputados, pero a verdade tamén é que si fixeramos unha enquisa, dentro da propia demarcación electoral de cada un dos nosos congresistas, sobre o nivel de coñecemento que o cidadán ten con respecto a quen o está a representar nas Cortes chegariamos a unha desagradable conclusión: "Non os coñece nin Deus". 

Polo tanto nesa explicación non poderemos amparar o noso argumento para xustificar esas caídas estrepitosas. Quizais o tema pudera ir polo apego que ámbolos dous deputados lle terían ao escano, cuestión típica e tópica habitual do que se lle acusa ao político de turno. E quen sabe si realmente non serían congresistas visoños que ante a súa falta de experiencia e baseando o seu comportamento nas faladurías baratas de pasacamiños quizás estiveran facendo maniobras antirregulamentarias co fin de poder levarse o escano á casa unha vez rematada a sesión por medo a que ninguén, na súa ausencia, lle quitara a silla e se atoparan que á volta de nada alguén lles birlara o posto...

Tamén haberá quen argumente que o pacto PP-Cidadáns esté en situación permanente de inestabilidade sobre todo pola proliferación de noticias que fan que permanecer leal aos populares sexa unha auténtica tarefa titá- nica para soportar ante afiliados e electorado sorpresas continuas de casos de corrupción XXXL (o último o de Ignacio González) ou o descubrimento de que o fiscal anticorrupción ten participación nunha empresa afincada no paraíso fical panameño (vale, que si, que proviña da herdanza do seu pai... pero alguén o considera irrelevante?). Aínda que sexa políticamente incorrecto direino: A muller do César non só debe ser decente senon parecelo, ou que?

En fin que onte foron aprobados os Orzamentos Xerais do Estado a primeira pedra de toque importante da nova era Rajoy que utilizando os vellos métodos da política convencional e a golpe de talonario soubo gañarse a complicidade dos nacionalistas bascos e canarios. En política a dignidade sempre ten un prezo, ou non?

Comentarios