Opinión

O porco celta como arma de destrución masiva

LEMBRARÁN VOSTEDES aquel programa, que facía na TVG o admirado actor arousán Carlos Blanco, que se titulaba «Somos unha potencia...» onde entre bromas e esqueches sempre acababa falando de cousas nos que os galegos eramos punteiros, pero que casi ninguén tomaba en serio porque viña da boca dun humorista, entre elas a cría do porco celta...

Nestes días desvelouse que un dos elementos de maior eficiencia frente aos comandos terroritas do ISIS son os xabariles que dun xeito organizados foron quen de desartellar en menos do que canta un galo a toda unha célula activista xihadista que pretendía levar a cabo un atentado en Iraque.

Non se sabe si foron duramente adestrados froito dalgún proxecto militar segredo deses que periódicamente levan ao cine os norteamericanos e se convirte nun éxito de taquilla, pero o que non hai a menor dúbida é de que do porco aprovéitase todo e resultan bonitos ata os seus andares.

Agora, acaban de descobrir no parente salvaxe unha cualidade que o convirte nunha excelente arma de destrución selectiva para acabar con elementos subversivos que podan supor unha ameaza para a seguridade internacional. Calquera día nos enteramos que Westpoint ou incluso os Marines son substituidos por unidades de choque formada por porcos adestrados na loita antiterrorista.

Que pensaría Bin Laden si en lugar  dun  comando  dos  Navy Seals foran a dar co seu paradoiro unha unidade de intervención rápida formada por porcos bravos especialmente adestrados na arte da guerra?

En fin, que de confirmarse esta noticia transmitida por terra, mar e aire polos principais medios de comunicación e as propias redes sociais, os extremistas relixiosos islámicos terían no porco bravo a horma do seu zapato.

Así, pasou unha cousa curiosa nunha desas tabernas de pobo da Galicia interior onde todavía quedan abertas e que rezuman morriña enxebre polos catro costados, onde estaba o grupo habitual de vellos vendo a televisión para porse ao día do que está a suceder no mundo mentras saboreban unha chiquita. Así puderon ver como Donald Trump anda á gresca co «líder supremo» de Corea do Norte e varias liadas máis, entre elas a do ataque sin cuartel dos xabariles ao comando xihadista.

En tódolos pobos hai un inxenioso, un experto en ocurrencias que o mesmo fala de criar capóns en liberdade para pintarlles os espolóns de negro e vendelos como que son de «pata negra» como que leva a cabo a transformación dun vello galiñeiro, de cando o de Coren supuxo unha auténtica febre do ovo en Galicia e xurdiron como fungos galpóns como criadeiros intensivos de aves en cautividade, en granxa nos que pretende criar porcos celtas.

Así, este ocurrente concernido pola noticia decidiu, abandoar co máximo disimulo o bar e cando estaba a piques de xirar o picaporte da porta recibiu o alto dun dos contertulios habituais da taberna que lle dixo: «A onde vas Domitilo? Ti co asunto dos porcos vaste meter nun lío gordo. Calquera día non é que saias nos papeis e que vas saír na televisión...», sentenciou o compadre con voz seria e penetrante.

Non contento coa advertencia, ergueuse da banqueta na que estaba sentado apurando un chato e inquiriulle a Domitilo: «Que estás argallando ti na vella granxa de pitos de Lolita? Non mercarías a parella de cochos celtas, eses dos que falabas? Mira que eso está moi vixiado. Hoxe os americanos teñen uns satélites que miran todo o que fas, mesmo cando vas ao retrete; así que ándate con ollo».

Domitilo encolleuse de ombreiros e non dixo nada e marchou do bar de xeito apresurado e marmurando palabras que resultaron inintelixibles, pero desde logo nada amigables para a honra do seu interlocutor.

Quedáronse sos os vellos na taberna e seguiron abondando nos seus comentarios sobre o debandito Domitilo. «Este aínda nos vai traer un problema á aldea. Mira que sempre está a argallar cousas raras. Agora parecía que amaninara un pouco, pero sempre estivo no punto de mira. Cando mozo deixouse unhas greñas e barba como Fidel e non quería saber nada cuns primos que tiña en Bahía aos que chamaba Cochinos e agora vaise meter co porco celta...»

«Pois non está o forno para bolos», dixo outro vello dos habituais da taberna. «Mira que eu xa lle escoitei a Domitilo dicir que ademais dos porcos celtas pensaba mercar outros dous vietnamitas. A ver si vai resultar que o Domitilo, que sempre foi algo comunista, se adica á produción en serie de armas de destrución masiva...»

«Deus santo! —berrou outro vello desde o fondo da taberna— Porcos vietnamitas? Desta non libramos, como se entere Donald Trump vainos mandar un pepinazo, aquí non se libra ninguén, ou non?»

Comentarios