Opinión

O salto para atrás...

TEÑO QUE dicirlles que eu son namorado confeso da sabedoría popular, esa experiencia vital que atesouran os nosos maiores froito da universidade da vida a través de aprender a base do ensaio e o erro, moitas veces con consecuencias moi duras e desagradables, pero antes non había outro modo.

O outro día, grazas a Enrique Vaqueiro, Manuel Boullosa e Xulio Castro e ao programa Traballos, que fan os tres para Radio Nova, unha emisora local para os concellos que conforman a comarca do Verdugo-Oitavén, tiven a oportunidade de coñecer a Manuel Nogueira, o ferreiro de Moscoso (Pazos de Borbén) quen ademais de pasar toda a súa vida martelando no iunque tamén exerceu de concelleiro no Antigo Réxime e como xuiz de paz.

Aínda que o seu obradoiro teno pechado desde hai xa moitos anos, de vez en cando gústalle descorrer as súas férreas pechaduras "a proba de roubo", como lle gusta dicir con orgullo, e percorrer as súas pequenas e modestas dependencias onde naceu para deter a súa mirada nas vellas máquinas e trebellos que alí repousan despois de anos de incondicional servizo a este vello oficio que "vai morrendo por culpa do aluminio", como non ten disimulo en confesar o sabio Nogueira.

Das mil e unha anécdotas que me contou, e que seguro que recollerán próximamente con maior detalle Enrique Vaqueiro, Manuel Boullosa e Xulio Castro, vou desvelar unha que venme ao pelo para explicar a situación que se está a crear en Francia entre Enmanuel Macron e Manuel Valls a raíz da decisión do segundo de abandonar o Partido Socialista galo e subirse ao tren de En Marcha!, que é como se chama o invento político do presidente electo da República Francesa.

Contoume Manuel Nogueira, o ferreiro de Moscoso, que cando tiña o seu traballo a pleno rendemento gustáballe ter sempre aprendices que lles gustara o oficio aos que non tiña reparo en aprenderlles todo o que sabía, ou eso cría eu.

Conocedor da idiosincrasia do noso pobo, e asegúrolles que o vello Nogueira é un galego de pura cepa, pregunteille cun pouco de malicia: "Don Manuel, e non tiña medo de aprender a demasiada xente e que nun futuro se montaran pola súa conta e lle fixeran a competencia?".

El, como si conocera de antemán a miña intención de facerlle a pregunta díxome con voz calmada e pedagóxica: "Vouche contar un conto que seguro que non sabes. Din que é verídico. Non o sei, pero pode ser. Hai moitos anos, cando os animais tiñan fala, estaban un día o lobo e a raposa falando de que había moita fame e poucos recursos para comer. Tanto era así que o lobo sincerouse coa raposa e díxolle que, sentíndoo moito ía ter que comela porque el precisaba alimentarse e estaba ante unha situación de emerxencia e tiña que sobrevivir…"

Segundo contou o vello ferreiro, a raposa sentiuse ameazada e sabedora de que nun lance co lobo perdería a vida díxolle ao cánido: "A min vesme máis gordiña porque uso as miñas mañas para cazar as miñas presas. Si quixeras aprender poderíache ensinar a cazar un paxariño, unha toupeira, un coello, unha perdiz…".

O lobo accedeu e foi aprendendo tódalas mañas que a raposa lle ensinou, pero chegou un momento en que o seu instinto pesaba máis que a amizade que tiña coa raposa e nun momento de despiste, "zas!" lanzoulle unha zarpa á raposa que cunha axilidade única deu un salto para atrás e zafouse das malas intencións do lobo.

"Carallo para ti! -exclamou o lobo-. Ensináchesme moitas mañas pero ese salto para atrás non". E contestoulle a raposa: "Si che chego a aprender tódalas miñas mañas non estaría agora viva…".

Así que o ferreiro díxome: "Fillo, hai que lles aprender todo o posible, todo, menos o salto para atrás". E algo así debe estar pensando Macrón sobre Valls e os seus desexos de aprender todo o posible dese novo líder europeísta francés que en menos dun ano foi quen de montar unha alternativa política e gañar as eleccións á presidencia de Francia. Así que Macrón debe estar dubidando si lle aprender todo a Valls ou reservarse o seu paso para atrás, ou non?

Comentarios