Opinión

O vaivén da marea...

OS GALEGOS, pola nosa idiosincrasia, temos moitas servidumes que pagamos de bo agrado. Así, os que somos de costa, si os da capital nos podemos autodefinir así, temos un instinto que nos obriga a relacionarnos periódicamente co mar, cunha atracción especial como a que os antigos tiñan polos cantos de sereas que, segundo a tradición e as lendas do país, facían perde-la cabeza dos homes, auténticos lobos de mar, feitos e dereitos.

Non sei si será por unha desas atraccións telúricas, pero a verdade é que eu de cando en vez, sobre todo cando levo moito tempo terra adentro, teño o desexo irrefrenable de ir cara unha das praias da ría de Pontevedra, Aguete ou Lapamán, descalzarme, sentir a fina area nos pés e dirixirme irrefrenable cara a beira do mar e deixarme levar polo vaivén da marea.

Dun xeito automático e natural comezan a fluir forzas do meu interior que me mergullan nunha paz reparadora imprescindible para recargar de novo as pilas para continuar coa miña rutina vital.

As mareas, que maxia pode haber detrás delas? Movidas dun xeito misterioso polo capricho da lúa que, co seu influxo, ata din que actúa sobre a vontade dos homes (as estatísticas de non sei que universidade norteamericana, seguro que das máis prestixiosas, falaba de que se cometían máis crimes na noites de lúa chea...).

As mareas, que maxia pode haber detrás delas? Movidas dun xeito misterioso polo capricho da lúa que, co seu influxo, ata din que actúa sobre a vontade dos homes

Móvense as mareas por vontade propia, por unha forza motriz intrínseca ou obedecen os seus actos a influxos externos que a condicionan? Boa pregunta diría algún politólogo ao observar os últimos movementos políticos en Galicia que teñen como principais protagonistas aos gobernos municipais de Santiago de Compostela e de Pontevedra.

Alguén xa se apresurou a dicir que no tocante aos orzamentos se produciría un intercambio de cromos, como sucedeu, e agora estase avanzando nun proceso de achegamento que, durante a campaña electoral, antollábase imposible a tenor dos argumentos exteriorizados nos mitins.

Xa saiu á palestra rápidamente o socialista Tino Fernández a poñer o sinal do maligno sobre os discípulos de Luís Rei que, a medida que vai avanzando a lexislatura van mudando a súa postura do "non é non", ao estilo Pedro Sánchez, por un "si tú me dices ven..." de Los Panchos que, por certo, dicían aquelo de "no detengas el momento por las indecisiones, para unir alma con alma, corazón con corazón", pero tamén aquelo de "mis momentos más ocultos también te los daré, mis secretos que son pocos serán tuyos también, si tu me dices ven, todo cambiará, si tu me dices ven habrá felicidad...".

En fin, que coa chegada do tempo primaveral na capital da provincia o sangue se altera e vai resultar certo aquelo de que "do roce sae o cariño" e nesta lexislatura os momentos de tensión entre Lores e Rei so son superados polos que protagoniza o alcalde co líder dos socialistas pontevedreses.

Non sei si tamén haberá que ver este achegamento en clave interna do BNG, en pleno proceso congresual (XVI Asemblea Nacional) empeñado en recuperar a vitola de casa común do nacionalismo agora que na coalición na que cohabitan Podemos, Esquerda Unida e Anova hai cada vez menos cohesión interna e máis coexistencia pacífica de cara a galería, con tambores de guerra de fondo, preámbulo de tempos revoltos... 

En fin, que poderemos acabar deixando de escoitar no Principal a un tenor sobre o escenario da política local que lle cantaba a Lores aquelo de "Yo sé bien que estoy afuera, pero el día que yo me muera sé que tendrás que llorar..." ou lindezas como "con dinero y sin dinero yo hago siempre lo que quiero y mi palabra es la Ley" por un estribillo autoreivindicativo, eso sí cada vez en voz máis baixa, que diga: "pero sigo siendo el Rei...", ou non?

Comentarios