Opinión

Os dereitos das vítimas...

A atención informativa desta fin de ano non estivo marcada nin polos erros no conteo das badaladas nin na vestimenta dalgunha que outra presentadora mentras estaba anunciando o remate do 2017 e o nacemento do 2018 senón que foi, sin lugar a dúbidas, a detención do presunto asasino de Diana Quer, aquela moza que desaparecera hai casi ano e medio na Pobra do Caramiñal mentras estaba veraneando.

Atrás quedan os interminables e deleznables culebróns mediáticos sobre si o seu comportamento persoal era máis ou menos aloucado, cales eran as súas amizades, gustos e predilecións ou que tipo de relacións imperaban no seo da súa familia e que nivel de enfrontamento supuxo a rotura sentimental entre os seus pais e o trato que recibía a súa irmá. Elementos totalmente superfluos e innecesarios para o coñecemento do común dos mortais e sin trascendencia informativa algunha nada máis que servían para alimentar con carnaza ás alimañas do cotilleo e aos amantes dos contos de pasacamiños na súa versión máis horrenda e cruel.

Afortunadamente, as forzas e corpos de seguridade do Estado, coa axuda impagable da colaboración cidadá e sobre todo da última vítima do Chicle, permitiron poñer fin a estes interminables meses que facían presaxiar que o de Diana Quer sería outro caso irresolto relacionado coa desaparición de persoas no Estado Español que, en democracia, debe de ser un dos que máis alta porcentaxe ten entre os países avanzados e iso que xa non está en antena aquel programa de Paco Lobatón, ¿Quien sabe dónde? que supuxera un fito no panorama mediático español, pero que tamén era unha manifestación clara da existencia dun grave problema de seguridade cidadá no noso país.

Parece que por fin o responsable está, presuntamente, entre reixas e será cuestión de relativamente pouco tempo ver como se substancia ante a Xustiza o seu crime e recibe a condea que a sociedade demanda para este tipo de accións monstrosas ante a que ninguén pode ficar impasible.

Nembargantes, sacuden a nosa conciencia noticias que pareceren inverosímiles nun país desenrolado como o noso e onde a seguridade cidadá e a xustiza deberían ser moedas de uso corrente. Refírome a novas que falan de denuncias de quebranto de condeas de alonxamento por ducias protagonizadas por un mesmo agresor contra unha vítima sin que as medidas cautelares teñan consecuencias prácticas para protexer á muller agredida ou casos nos que a impunidade campa tanto as súas anchas que dá ata vergoña ver como as auténticas vitimas sufren dobremente ante os seus verdugos.

Pero vou aínda máis lonxe. Hai casos de violacións onde as agredidas teñen que convencer, por activa e por pasiva, a todo un aparato burocrático da xustiza da súa situación para que a súa demanda poda avanzar no labirinto xudicial no que moitos xulgados se converten para elas parecendo, esta situación, un castigo terrible en pleno século XXI polo seu atrevemento en dar o paso e denunciar un delicto execrable do que todos nos sentimos arrepiados pero onde seguen a fallar os mecanismos habilitados colectivamente desde as institucións que rixen a nosa sociedade para arroupar ás vitimas e facer xustiza.

Certo é que hai que defendela presunción de inocencia, pero tamén haberá que dar garantías de seguridade á presunta (xa digo presunta para que ninguén se escandalice sobre todo porque hai tamén graves casos de perxurios e falsas acusacións, as mínimas) vítima para que sexa consciente de que non está soa, de que pode contar con toda a sociedade para protexela a ela e á súa familia porque non se vai tolerar ningún tipo de comportamento intimidatorio nin criminal.

Non pode haber condeas insuficientes redimibles por bo comportamento que co seu rápido cumprimento acaban por se converter nun auténtico pesadelo, nun tic-tac insufrible, o paso dos días ata que un agresor queda libre e volve a estar na rúa con plenitude de oportunidades para seguir amedrentando á súa vítima por terse atrevido a denunciar. Non podemos ter un comportamento hipócrita ante un delicto tan grave e si se gastaron millóns de euros en protexer aos nosos políticos ameazados polo terrorismo (ben gastados por certo) tamén haberá que adicar recursos á protexer ás vítimas 24 horas ao día se é necesario e habilitar os mecanismos que sexan oportunos para que os verdugos respecten as ordes xudiciais de alonxamento e desterro.

Non pode ser que unha vítima teña que almorzar tódolos días co sorriso cínico do seu agresor asomando pola súa xanela por moita condea que teña cumprida. Hoxe hai tecnoloxía suficiente para que esto non suceda, presuntamente, e si é así para que se actúe coa inmediatez necesaria para protexer a agredida porque por moitos dereitos que poda ter un criminal, sempre estará por enriba o dereito á vida, a seguridade e á liberdade das vítimas, ou non?

Comentarios