viernes. 22.01.2021 |
El tiempo
viernes. 22.01.2021
El tiempo

Outra pandemia a combatir no 25-N

A XORNADA deste mércores, tradicionalmente reivindicativa en torno á defensa da igualdade e contra a violencia de xénero, estivo moi mediatizada polas limitacións derivadas da pandemia pola Covid-19 pasando a ser anecdóticas as concentracións cidadáns para deixar paso ás actividades telemáticas ou ás redes sociais como campo onde expresar a repulsa a esta lacra que asola a nosa sociedade desde tempos inmemoriables.

Nun día como o de onte, ninguñen quere ser alleo a facer proclamacións máis ou menos rimbombantes e a realizar todo tipo de declaracións institucionais que non pasan de encher un expediente de cara á galería, pero que non acaba de ter unha plena aplicación práctica a xulgar polo número de mulleres asasinadas no que vai de ano en España, que supera xa a cifra das 40 vítimas, e polo índice de denuncias que sobre este particular seguen en aumento, especialmente a raíz do pasado confinamento.

Desde logo algo falla estrepitosamente cando vemos casos sangrantes como o que está a padecer esa muller do Grove, vítima dun intento de asasinato por parte do seu ex marido que, cando estaba na súa casa intentou matala a tiros e que, incluso, tivo que ser rescatada dese calvario, evacuada por unha fiestra polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Pois esa mesma muller tivo que se enterar por dous operarios que viñan a instalar un sistema de alarma que o seu agresor acaba de quedar en liberdade porque o noso sistema xudicial é tan lento que, ao non celebrarse o seu xuizo, tiveron que deixalo "de patitas en la calle". Eso si, parece que lle colocaron unha pulseira para telo localizado e controla-los seus movementos...

Como lle sentará a esa muller toda esa demostración de conciencia farisea dos administradores da Xustiza que incluso, moitos deles, son capaces de se concentrar e gardar un minuto de silencio polas vítimas da violencia de xénero?

Como diría un amigo meu, "se non é... parece". Como se pode sentir unha persoa, que é vitima inequívoca de intento de asasinato a cargo do seu ex marido, cando lle contan que lle veñen a colocar un aparello na súa casa porque quedou en liberdade o seu agresor por retrasos inxustificables no noso sistema xudicial?

Vale, imos a poñer outro exemplo que tamén saltaba estes días á palestra e á actualidade dos medios de comunicación local e comarcal. Como é posible que esteamos animando ás vítimas a denunciar ao seu agresor cando, unha vez que o fan e teñen que abandoar o seu domicilio conxugal para irse a un fogar de acollida teñen que estar de peregrinaxe de hostal en hostal unha media de dez ou doce días ata que lle solucionan a papeleta?

Pero que está pasando? Con que cara as persoas que desde os CIM ou mesmo desde os grupos especializados da Garda Civil e da Policía Nacional animan a esas persoas a que dean o paso e denuncien deixando atrás un auténtico calvario para caír na incomprensión e na falla de empatía do sistema burocrático do noso país que en lugar de estar feito para axudar parecera que está pensado para que a xente desista dos seus dereitos e reivindicacións?

Que se lles pasa pola cabeza a esas mulleres que son obrigadas a entregar aos seus fillos e fillas a un maltratador familiar porque unha senteza xudicial así o estipula sen poder facer nada para impedilo? Que martirio pasará esa nai contando as horas, os minutos e os segundos ata que volven eses nenos e nenas sans e salvos de novo ao seu carón?

Pero imos a ver, estámonos volvendo tolos ou que? E despois dicímoslle ás vítimas que non están soas, que denuncien, que dean o paso adiante que a sociedade en pleno está á súa disposición para darlle acubillo e protexela fronte ao seu agresor? E quen a protexe fronte á administración indolente e burocratizada que non é quen de ver persoas detrás de dramas humanos e é capaz de mirar cara outro lado envolta en grandes pronunciamentos e frases solemnes sen concreción práctica?

Mentra non sexamos capaces de darlle unha resposta satisfactoria a esas mulleres estaremos moi lonxe de resolver un problema que dura xa demasiado e que a base de pronunciamentos solemnes, frases máis ou menos oportunas e mercantilizadas non é quen de poñer o dedo na chaga e dar resposta clara e racional a unha necesidade que a ninguén se lle pode escapar como é manter no cárcere a un agresor, a un asasino, ou dar cobertura a unha muller que ten que saír da súa casa, moitas veces cos seus fillos pequenos, para salva-la súa vida.

Mentras non se resolva esto, que son cuestións de sentido común, de lóxica aplastante non haberá nada que facer. Falar para a feira ou cuspir cara ao vento. Todo queda nun xesto de cara á galería sen plasmación práctica. Todas son monsergas e pataqueiradas, ou non?

Outra pandemia a combatir no 25-N
Comentarios