domingo. 17.01.2021 |
El tiempo
domingo. 17.01.2021
El tiempo

Pablo, só pode quedar un...

Parece que vai sendo verdade aquelo de que Pablo Iglesias é un forofo indomable de Xogo de Tronos, a famosa serie de HBO que revolucionou o panorama televisivo internacional, neste caso inspirado nunha especie de rivalidade medieval levada ao máximo extremo político onde o único obxectivo a curto e medio prazo é acadar o poder máximo ao prezo que sexa.

É ben sabido que o líder de Podemos sempre se amosou como admirador desta serie de televisión de drama e fantasía medieval creada por David Benioff e D. B. Weiss e producida pola cadea HBO. O seu argumento está inspirado na serie de novelas Canción de xeo e lume, escrita polo estadounidense George R. R. Martin, e relata as vivencias dun grupo de personaxes de distintas casas nobiliarias no continente ficticio de Poñente para ter o control do Trono de Ferro e gobernar os sete reinos que conforman o territorio, a calquera prezo e sen o máis mínimo escrúpulo.

Creo lembrar que a primeira vez que Pablo Iglesias se entrevistou con Felipe VI, cando o monarca realizada as consultas para investir a Rajoy como presidente do Goberno, regaloulle ao Rei de España un dos extensos tomos desta novela que parece inspira-lo seu comportamento político dos últimos tempos e que marque dun xeito inconsciente o seu proceder máis oscuro.

O último dos episodios coñecidos da saga Podemos sáldase coa defenestración do derradeiro dos seus fundadores e colaboradores máis cercanos a Pablo Iglesias. Trátase do secretario de Organización, Pablo Echenique, o único que quedaba dos pais (e nais) fundadores deste proxecto xurdido do descontento dos indignados do 15-M coa caste política e que agora, despois de varios anos de funcionamento, vese engulido polos erros propios dos partidos tradicionais aos que criticaban con virulencia.

Atrás queda aquel congreso fundacional de Vista Alegre e tamén os nomes de Luis Alegre, Carolina Bescansa, Juan Carlos Monedero, Tania González e Íñigo Errejón, entre outros, e agora tamén o de Pablo Echenique, a última vítima polo momento do egolatrismo e o egocentrismo de Pablo Iglesias e Irene Montero, un tándem digno de representar a calquera dos reinos de Poñente, dispostos a cortarlle a cabeza a todo aquel que poña en tela de xuizo a súa imaxe e liderato ou ameacen con tan siquera poñelo en entredito.

Para seguir en clave Xogo de Tronos, agora o novo man do rei será o deputado canario Alberto Rodríguez, El Rastas, que atesoura unha importante man esquerda e capacidade de integración entre as distintas faccións de Podemos en permanente proceso de distanciamento e separación do proxecto común no que pretendía converterse este partido instrumental dos desencantados e indignados do Movemento 15-M.

Coa implosión de Podemos desde Madrid, con Íñigo Errejón e Manuela Carmena; en Galicia, co lío protagonizado por Luís Villares e As Mareas e o frente aberto en Andalucía, cos anticapitalistas Kichi e Teresa Rodríguez, a verdade é que a historia desta formación política parécese máis a un guion de Xogo de Tronos que a un comportamento axeitado para incidir políticamente no panorama nacional ás portas da investidura de Pedro Sánchez, recuncando como presidente do Goberno, tentado polos cantos de serea independentista catalán, por unha banda, e pola posibilidade de seguir adiante cun gabinete monocolor que desbote por completo os ofrecementos e os anceios de poder de Pablo Iglesias e os seus.

Visto o visto, Pablo Iglesias vai camiño de alonxarse de ser un valeroso e virtuoso John Neve para se converter nun auténtico Danerys Targaryen obsesionado co poder ata tal punto que chega a desconfiar da súa propia sombra e a sacrificar a todos e cada uno dos seus dragóns sabendo que despois de todo ao Trono de Ferro so pode acceder un, ou non?

Pablo, só pode quedar un...
Comentarios