Opinión

Papá presidente...

BENQUERIDO PRESIDENTE: Benvido ao mundo da paternidade responsable. A partir de agora a vida vaille cambiar para ben, pero vaille cambiar e moito. En primeiro lugar, a súa nai vaille comer (aínda máis) o "coco" para que "sente a cabeza" e se case, da igual como sexa, polo civil, polo relixioso ou como parella de feito, pero así non pode seguir... Xa o verá.

Despois no seu pobo, en Os Peares, vai provocar un auténtico problema na comisión de festas. Si xa era difícil e complicado desenmaraña-lo dilema para encasillalo a vostede no Celta ou no Deportivo, agora con este feliz alumbramento os que organizan o partido de solteiros contra casados non van ser capaces de poñelo nunha alineación ou noutra.

Non falemos do bautizo. Que si en Santiago, que si na Coruña, que si en Ourense que..., nin nun lado nin no outro, ao Rexistro Civil e punto... En fin, benvido a outro lío máis.

Despois tocaralle lidiar con outro dilema de difícil resolución, unha cuestión que xa tivo no seu momento o vicepresidente do bipartito, o nacionalista Anxo Quintana, cando foi pai de xemelgas, que por presións mediáticas e do políticamente correcto tivo que pasar durante uns días a un segundo plano polo que dirán... Agora vostede tamén terá que valorar si debe acollerse á baixa laboral por parternidade ou seguir ao fronte do goberno galego como fan moitos outros pais que, non son funcionarios, e que non atopan no sector privado uns niveis de concienciación empresarial acorde cos tempos que corren e xa non so o digo pensando nas mulleres que deciden ser nais, senón tamén para os pais 2.0.

Eu non son ninguén para dar consello, e menos ao presidente da Xunta. Ata aí podían chegar as coñas! Pero, aínda que ninguén escarmenta en carne allea voulle contar o que me pasou a min unha vez co meu cativo, cando tiña uns tres aniños e xa comezaba a filosofar (eu creo que este rapaz é medio Tonecho e a cabeza non lle para…) e preguntoume moi serio: "Papá, ti en que casa vives? Pola mañá non estás e pola noite non te vexo…".

O importante é que veñan sani- ños, que sexan boas persoas e que aprendan todo o que podan. No caso de que o primeiro falle algún día, que teñan sanidade pública digna e competente para poder botar man dela (aínda que mellor que non faga falla), no tocante ao segundo sera un pouco labor de todos coa mira sempre posta no respecto polos demais, fomentar un espírito solidario e un amor polo país, casi devoto, facendo do dito de Rosalía de ter a Galicia como "Nai e Señora" un sentimento natural e un mantra inspirador. No referente ao terceiro, para que aprenda, que teña a posibilidade de acceder a un ensino público e de calidade.

O de menos serán as broncas que lle esperan a vostede coa avoa, por consentir ao netiño; coa muller, porque vostede, por moito que o intente e moitos propósitos de emenda que faga, non vai dar chegado nunca a tempo e sempre chegará con retraso, co pequeno, para que faga os traballos da casa e non berre nin coa nai nin coa avoa.

En fin, presidente: Parabéns! e nunca é tarde si a dita é boa. Xa verá como é máis doado sacar adiante a un país que a un fillo, ou non?

Comentarios