Opinión

Pasamos dos superheroes aos heroes do súper

A CHEGADA da pandemia do Coronavirus vainos facer cambiar a percepción que tiñamos sobre moitas cousas e conceptos. Así, os que medramos seguindo a estela dos superheroes de Marvel tiñamos depositados neses seres portentosos todo tipo de virtudes e modelos de valentía.

A medida que vai avanzando a nosa vida e nos imos facendo maiores, os conceptos van mudando e a percepción das cousas tamén. Pasamos de ver ao Capitán América como un heroe reverenciable a fixarnos máis na valentía e na coraxe das nais que se enfrontaron aos capos da droga nos anos 90. Deixamos atrás modelos de empoderamento feminino como podería ser o encarnado pola suxerente Catwoman para reivindicar a figura das primeiras mulleres que colleron un taxi, que conduciron un autobús ou que se incorporaron aos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado.

Agora pásanos o mesmo co Coronavirus. Ademais de reivindicar e agradecer a membros de Protección Civil, personal sanitario e auxiliares dos centros médicos e hospitalarios ou aos compoñentes dos sistemas de emerxencias do país, vemos con orgullo o sentir da responsabilidade e do compromiso co ser humano de humildes empregados e traballadoras dos supermercados ou dos servizos de limpeza que ocupan un lugar destacado na primeira liña de choque frontal contra a pandemia que ameaza con atacar a aquelas persoas máis vulnerables e inmunodeprimidas.

Alguén pode dicir que o fan desde a súa obriga laboral, que tamén, pero desde logo o compromiso amosado por estes profesionais vai moito máis alá. Non son os heroes de Chernobil ou da central nuclear xaponesa de Fukushima, pero desde logo o seu xesto é equiparable co compromiso cívico e solidario co ser humano. Grazas a eles a serenidade e a tranquilidade é maior que si non estiveran abertos e atendidos os supermercados e toda unha serie de servizos de primeira necesidade. Desde logo a sensación e a situación de pánico escénico non serían o mesmos.

Mudaría moito o tema si en lugar destes heroes do supermercado tiveran que repartir alimentos de primeira necesidade camións do Exército (aínda que fora a UME) con persoal militarizado ataviado con traxes como os de varias películas de Hollywood que todos coñecemos e cuxa imaxe non queremos rememorar nin por asomo.

A presenza nos seus postos de traballo de caixeiro/as, froiteiros/ as, carniceiros/as, repoñedores/as, transportistas, fontaneiros/as, electricistas, etc. como garantes da normalidade e auténticos heroes de proximidade énchenos de orgullo non só como país senón como seres humanos da capacidade que temos para antepoñer o deber e a responsabilidade ao desexo primitivo e lexítimo de velar polos intereses persoais e individuais.

Estas persoas están dando unha auténtica lección a todo un país sen que se lle teña recoñecido suficientemente nin desde os medios de comunicación nin desde as propias instancias gubernamentais do noso país, centrando (sen de mérito, por certo) os seus eloxios no persoal de emerxencias, hospitalario, etc. pero esquecéndose moitas veces daquelas persoas que están ao pé do canón garantindo o abastecemento de servizos e alimentos de primeira necesidade que, doutro xeito, contribuirían a un auténtico caos.

Están antepondo o servizo público, aínda que sexa desde unha actividade privada, a propia seguridade persoal e familiar porque, non hai que esquecer, que estas persoas teñen que regresar ás súas casas onde están os seus fillos e fillas, as súas parellas, os seus pais, avós… e teñen que seguir extremando ao máximo as medidas de seguridade para non perxudicar aos seus.

Debemos manter non so respecto por eles senón admiración e orgullo e, desde logo, tomar todo tipo de medidas precautorias para evitarlles calquer inconvinte e incluso poñer en risco a súa propia seguridade. É un deber cívico de todos nós ter por eles o maior dos respectos seguindo ao pé da letra as recomendacións que no trato con eles nos indican as autoridades sanitarias e gubernativas. Só así estaremos protexéndoos a eles e beneficiarnos a nós mesmos porque garantiremos a continuidade do servizos en perfectas condicións mentras dure esta situación excepcional caracterizada polo Estado de Alarma decretado en todo o Estado.

Cando unha sociedade sexa quen de recoñecer a importancia das pequenas cousas e dos eslavóns máis fleves da cadea será cando a auténtica igualdade e o progreso social estarán máis preto de ser unha auténtica realidade e unha cuestión de xustiza, ou non

Comentarios