Opinión

Os pecados dos fillos que os paguen os pais...

 

NO NOSO país pasamos dunha etapa na que había moitos lagoas legais e baleiros normativos a un proceso frenético de querer regularizar calquera tipo de actuación persoal tentando axustar a unha lei todo tipo de comportamentos e situacións que acaban por producir que, ao final, non sexa a lei para o home senón o home para a lei...

Así, parece ser que agora lle toca o turno á venda e consumo de alcohol onde un dos capítulos importantes refírese ao fenómeno do botellón e, por suposto, ao consumo de bebidas espirituosas por parte dos menores e que está pasando de ser unha moda desafortunada a convertirse nun mal costume social.

Ante o fenómeno, os responsables políticos pasaron de obvia-lo problema a querer convivir arrinconándoo, como mal menor, naqueles famosos botellódromos que acababan convertindo eses recintos habilitados para tal uso nun auténtico estercoleiro onde se acumulaban botellas baleiras, papeis, vasos de plástico e todo tipo de desperdicio.

En Pontevedra lembrámonos dos esforzos por evitar unha imaxe penosa polas rúas do casco histórico, ante a proximidade das fins de semana, con mozos e mozas tirados polo chan con problemas evidentes de intoxicación etílica. Optouse naquel momento por afastar do centro da vila esa instantánea incómoda e indecorosa apostando polo Recinto Feiral como un lugar idóneo para esa práctica extendida por todo o país e que acabou converténdose nunha realidade incontestable e ineludible.

Sin querer ser alarmistas, moitos son os estudios que corroboran un mal presaxio daqueles que advertían dos perigos desta moda para os nosos mozos e mozas facendo bo aquel dito que reza: "Destes polvos chegaron estes lodos..." en clara referencia a que o aumento do fenómeno do alcoholismo temperá e as altas cifras de comportamento incívico dun sector importante da mocidade vai parello a este fenómeno que propicia situacións antisociais graves para o desenvolvemento das persoas e do seu entorno.

Non digo que non haxa que tomar medidas, moi ao contrario, pero non creo que a vía sexa a través da sanción aos pais polo comportamento dos fillos

Agora parece que os políticos non son quen de atopar unha solución e na nova normativa lexisladora que están impulsando as súas señorías vai parexa a unha serie de medidas coercitivas que teñen como finalidade concienciar, por vía pecuniaria e sancionadora, a aqueles pais e nais que abandonan o seu deber educativo e acaban sendo uns consentidores co comportamento incívico dos seus fillos.

Non digo que non haxa que tomar medidas, moi ao contrario, pero non creo que a vía sexa a través da sanción aos pais polo comportamento dos fillos sobre todo cando vemos casos, cando menos curiosos, relacionados con sentenzas xudiciais onde os proxenitores acaban sufrindo condenas por tomar medidas correctoras por comportamentos inadecuados da súa proxenie (non me refiro a graves agresións ou comportamentos violentos, de todo punto condeables, senón a outros máis racionais e que acaban sendo postos en evidencia por sentenzas xudiciais).

Este problema de falla de respecto á pater/mater autoritas ocurre noutra medida en materia relacionada coa protección ao docente, ao profesor, onde a súa autoridade moral e académica non está pasando precisamente por un dos seus mellores momentos afondando aínda máis no comportamento despótico de moitos menores que se cren impunes a calquera medida disciplinaria ou correctora do seu comportamento.

Evidentemente de que a excepción moitas veces confirma a regra, hai que sinalar que algún caso de pai ou nai precisa, por parte das autoridades, dalgún elemento corrector ou indicador das súas responsabilidades de corrección para lembrarlle a súa obriga como proxenitor de vixiancia e tutela da súa prole para evitar que moitos dos mozos e mozas se críen "á ganancia", como din no meu pobo. Pero nin tanto aquí nin tanto alá. Nin tanto nin tan calvo... Pagar unha multa non é unha solución. Aprender a ser pais e nais é fundamental porque ninguén naceu aprendido e menos coa solución máxica aos problemas educativos dun fillo ou unha filla. Tamén é certo que si non se exerce esa patria potestade con respecto e responsabilidade estáselle facendo un flaco favor aos nosos fillos e fillas así como á propia sociedade á que pertencen.

Correxir o problema do consumo de alcohol entre a mocidade (tamén das drogas) ten un so camiño e pasa por programas específicos que informen sobre os seus prexuizos, impulsar iniciativas de ocio alternativo en positivo e a través dun modelo educativo onde os pais/nais e as institucións fundamentais como son a escola, entidades deportivas, asociacións culturais e sociais, etc. vaian da man nunha loita que se me antoxa difícil e prolongada no tempo, pero que sin dúbida ante a que non debemos aplicar unha política do avestruz, de soterra-la cabeza ou de mirar cara outro lado, senón máis ben de colle-lo touro polos cornos e facer fronte á situación porque o que hoxe é un inconvinte mañá pode ser un problema serio ao que cheguemos tarde, ou non?

Comentarios