Opinión

Pedro negou a verdade tres veces antes de canta-lo galo

CHEGOU O día D e a hora H e ao final de todo o procedemento confirmouse o que para uns era unha verdade a berros e para outros un xeito de seguir especulando para ir prolongando ao máximo o paso do tempo para ver si a política do avestruz facía o seu efecto e, metendo a cabeza no buraco, se solucionaban por si mesmos os problemas nos que algún que outro gobernante se tiña metido facendo bo aquel refrán machista e trasnoitado que dicía "prometer ata meter e unha vez metido esquecido o prometido".

A tenacidade dos soberanistas á hora de negociar e condicionalo seu apoio ao goberno de Pedro Sánchez non daba para moito máis e a prórroga da que viña disfrutando o dirixente socialista, ata que se celebraron as eleccións autonómicas madrileñas, finiquitou polo que tiña prontos aos independentistas cataláns coas cartas de pago subscritas para facelas efectiva: Os indultos para os políticos presos do procés. A paciencia ten un límite, incluso para os independentistas...

Non había posibilidade de máis aprazamentos e Pedro Sánchez tiña que facer fronte aos compromisos que asumiu desde o primeiro día e que pasaban inequívocamente pola liberación do cárcere de Oriol Junqueras e compañía. Ninguén pode ver no acto de asinado dos indultos unha sorpresa senón que se trata dunha consecuencia lóxica (crónica dun indulto anunciado, que titulabamos hai semanas) dos compromisos adquiridos polo presidente socialista para facilita-la súa toma de posesión como inquilino da Moncloa.

Ao igual que outro Pedro, Sánchez negou a verdade tres veces antes de que cantara o galo, pero sabía que dun xeito ineludible tiña que acceder á posta en liberdade de Oriol Junqueras e os demais condenados polo procés.

Desde o meu punto de vista, os independentistas non teñen tacha ningunha. Foron consecuentes desde o principio ata o final e non enganaron a ninguén. De quen non teño a mesma opinión é do presidente Sánchez que, si botamos unha vista á hemeroteca, vemos como rebasou todas e cada unha das liñas vermellas que dixo que nunca traspasaría durante a campaña electoral e con cuxos compromisos logrou gañarse a confianza maioritaria da xente para acceder á presidencia do Goberno.

Primeiro falou de que non pactaría con Unidas Podemos porque era unha posibilidade que lle quitaría o sono a el e a tódolos españois. Logo dixo que nunca aceptaría acceder á Moncloa co apoio de independentistas e batasunos e, finalmente, e por terceira vez, que nunca faría como político aquelo de otorgarlle un indulto a outro político. Tres de tres...

Os independentistas nin amosaron mostras de arrepentimento nin se comprometeron a non iniciar un novo procés como o que os levou á cadea, máis ben todo o contrario, como no seu caso resulta ata natural. Cuestión que sigo dicindo que non entra en contradición algunha co que levan anunciando e defendendo os soberanistas que, ao máximo que chegan é a falar de amnistía e o dereito de autodeterminación para Cataluña ou, cando menos, da celebración dun referendo que vaia, eso si, moito máis alá do que voces autorizadas do socialismo, como o catalán Miquel Iceta, van insinuando de que se estaría polo labor de facer unha consulta popular disfrazada de novo Estatut que rescate pola porta de atrás aquel documento que aventara Zapatero e que o Tribunal Constitucional tumbou en varios dos seus artigos máis controvertidos.

Volvemos a situarnos, por tanto, ante un modelo político baseado nas falsedades, no descrédito da cidadanía e na tomadura de pelo aos votantes debilitando deste xeito a democracia representativa e aumentando así a desconfianza sobre a clase política que en lugar de tomarse o seu programa electoral como un contrato, un compromiso firme co electorado o ve como un simple formulismo, un papel mollado, meramente orientativo, co que, na práctica, un político nunca se verá concitado e polo tanto nunca o chegará a materializar cando alcanza o poder (todo o contrario do seu cometido).

Este tipo de comportamentos animan, tristemente, a aqueles movementos radicais extremos, de esquerda, pero sobre todo tamén os de dereita, que se sitúan fóra do sistema e que lonxe de crear fórmulas de rexeración e renovación da participación política da cidadanía o que provocan é a apatía, o pasotismo, cando non a adopción de xeito pasivo ou mesmo, descaradamente activo, de modelos autoritarios en todas e cada unha das súas vertentes e facetas.

Pedro, Sánchez, negou tres veces a verdade e non será derradeira vez que o faga. Que teña coidado cos plans de rescate da Unión Europea porque os homes de negro, ao igual que os das estreladas, non se andan con caralladas. O problema é que ao final de todo quen paga as consecuencias, de uns e de outros, somos os comúns dos mortais, ou non?

Comentarios