Opinión

Pedro Sánchez ante o Verdugo...

A NOTICIA correu rauda e veloz, como a pólvora da antiga Festa da Batalla, por Ponte Caldelas: Pedro Sánchez, o ex secretario xeral e precandidato a liderar de novo o Partido Socialista, ven a visitar a vila da Troita. Esta viaxe foi catalogada como "de carácter persoal", sin declaracións aos medios (así rezaba na nota de prensa enviada polo PSdeG local) e como un alto no camiño cara Ourense desde o aeroporto de Vigo onde foi recollido, nun coche particular, polo alcalde de Ponte Caldelas, o audaz Andrés Díaz.

Desde logo a espectación foi máxima nas horas previas á chegada do alto comisionado do "non é non". Calquera saúdo na rúa servía de escusa para meter a anécdota no diálogo entre vellos coñecidos: "Que, onde vas? A reservar sitio para xantar mañá con Pedro Sánchez? Vaite antes a trasquilar que pareces unha ovella con ese pelo…" e así sucesivamente.

Chegou o día e a espectación non foi suficiente para impedir que a xente fora xantar ás súas casas á hora acostumada. O interese era grande, pero coas cousas de comer non se xoga e, en Ponte Caldelas, o momento de sentarse na mesa é sagrado. Así que ante a tardanza na chegada só quedaron agardando polo precandidato "xente de mal vivir e peor comer", é dicir a "prensa canallesca", como soía definila un vello director co que tiven a honra de servir baixo ao seu mando.

"Que, onde vas? A reservar sitio para xantar mañá con Pedro Sánchez? Vaite antes a trasquilar que pareces unha ovella con ese pelo…"

Aínda así, houbo bastante xente que resistiron e se atreveron a rachar a barreira psicolóxica formada por unha enorme nube de fotoxornalistas e cámaras de televisión que non chegaban a eclipsar en ningún momento a visión, a media altura, de tan espigado personaxe. Entre abrazos e estreitamento de mans, algún que outro bico tamén se levou, a comitiva foi avanzando polo centro da vila ata chegar ao restaurante El Puente, ao pé do inicio do Sendeiro Azul que percorre a beira do río Verdugo desde o Balneario, pasando pola vila, cara a primeira praia fluvial con Bandeira Azul de España.

Pedro Sánchez, arroupado polo responsable socialista en Pontevedra, Tino Fernández, e varios dirixentes comarcais e da AVP que o acompañaban, glosou a figura do mozo alcalde Andrés Díaz, de quen salientou a súa xuventude, valentía e gabou a súa acción de goberno despois de perder a alcaldía o Partido Popular. O precandidato á Secretaría Xeral non reparou en eloxiar aos galegos e ás galegas e en augurarlle un longo futuro político ao rexedor pontecaldelán.

No encontro non estaban tódolos que son, pero si aqueles que se atreveron a desafiar as palabras pronunciadas por Carmela Silva; sobre o presunto uso partidario das institucións a prol da imaxe dun precandidato, en clara referencia a Andrés Díaz e a súa invitación a Pedro Sánchez para visitar o Consistorio; que resoaban máis como ameaza que como advertencia a navegantes...

Desde logo este acto resulta a ollos de calquera como moi valente e incluso alguén podería pensar que desafiante contra todo o aparato do partido provincial que desde Vigo ve con certo recelo esta visita, aínda que fora "vendida" a modo de escala ou de paradiña técnica para xantar, camiño de Ourense, pero que na práctica mete o dedo no ollo dun tándem formado por Abel Caballero e Carmela Silva que apostan abertamente por Susana Díaz e que non se caracterizan, precisamente, por esquecer o que eles puderan considerar como unha clara afrenta.

Hai quen di que, momentos antes de coller o coche para seguir o seu periplo cara Ourense, Pedro Sánchez detívose pensativo ante o Verdugo e vendo reflexada a súa esbelta figura xunto á de Andrés Díaz, esbozou aquela vella frase de: "Este pode ser o comezo dunha grande amizade" pensando quizais nun futuro para ambos en Madrid. Non sei si "é vero" o que si me consta é que "foi travato". Mentras, nos vellos despachos do Pazo Provincial, na Avenida de Montero Ríos, escoitábase desde os pasillos un ulular que dicía "dime con quen vas e direiche quen eres" e, estando en terras de Caldelas non nos estrañaría que alguén lles dixera: "Arrieros somos e no camiño nos atoparemos", ou non?

Comentarios