Viernes. 15.12.2017 |
El tiempo
Viernes. 15.12.2017
El tiempo

Ponte Caldelas non é menos que Vigo...

ESTE MÉRCORES celebrábase precisamente o Día da Constitución Española, en conmemoración do 6 de decembro de 1978 cando os españois aprobaron en referendo o texto da Carta Magna, un texto legal que ademais de fixar unha serie de obrigas tamén recoñece outros moitos dereitos, entre eles o da igualdade entre tódolos españois como un dos fundamentos sagrados de calquera convivencia cidadá.

Pois precisamente deben de pensar estes días os veciños de Ponte Caldelas, e tamén os de Soutomaior, que non tódolos cidadáns deste país somos iguais, nin parecidos, a xulgar polo comportamento das institucións pú- blicas ante un problema común como é o da seca. Así, nestes días vemos estupefactos como ante a improvisación e a falla de eficacia e eficiencia dos políticos (moitos deles cansos de falar do cambio climático e incluso promotores de conferencias e actos nos que se retratan de cara á galería como os campións da defensa do medio ambiente) que non se ruborizan siquera reclamando o baleirado, casi total, dun dos ríos máis emblemáticos da provincia como é o Verdugo, condeado a perder por completo a súa fauna piscícola e a súa diversidade biolóxica.

Digo esto consciente de que estamos ante un problema grave, como saben desde hai meses os nosos representantes públicos, pero que non están dispostos a resolver dun xeito racional. Os veciños de Forzáns, Caritel (por falar da conca do Verdugo-Oitavén), A Insua, A Roca, Silvoso, etc. sabemos que este ano non é como outros e temos reducido (incluso con horarios de uso) o acceso ás traídas de auga que, a diferencia das grandes cidades como Vigo, as nosas son veciñais (feitas e mantidas polos residentes en cada zona sin axuda de ninguén) e coa incertidume no corpo de non saber si mañá o noso manancial secará ou si haberá subministro suficiente para atender a mínima demanda que precisamos posto que Augas de Galicia é moi restrictiva sobre as autorizacións de novas captacións, afondar nas prospeccións existentes ou na construción de pozos artesáns ou de barrena.

Eu non digo que esto non teña que ser así e que haxa que velar polo uso da auga como ben público e patrimonio de todos, pero seguro que si lles digo que tal aldea dispón desde antes do verán de auga durante seis horas ao día ou que tal outra pecha o uso das traídas ás 22 horas seguro que ninguén se rasgas as vestiduras. Pero, quen se atrave a aplicar esta mediciña a Vigo, a unha cidade de 300.000 habitantes gobernados por unha persoa que vai de progre, ecoloxista cando toca, tolerante cando lle cadra e transparente e participativo no seu programa de Aló alcalde, en Localia Vigo; pero que non ten problema algún en regar tódolos días os seus dinosetos (con auga abundante), apostar polos campos de golf (que eses sí que consumen auga) ou contribuir á contaminación lumínica gastándose de xeito impune máis de 600.000 euros no alumeado de Nadal (máis de 100 millóns das antigas pesetas), aquí non pasa nada. Quen se atreve a rebaixarlle o consumo de auga aos 300.000 veciños e industrias da urbe máis poboada de Galicia coa Deputación en xogo para dentro dun ano e pico e unhas eleccións municipais á volta de nada? Quen se atreve cando xa puxo o berro no ceo Abel Caballero? "Feijóo coas cousas de comer e de beber non se xoga...".

Mentras tanto hai quen sigue tentando ocultar o sol co seu polegar e orienta cara outro lado as miradas do seu pobo co fin último de que se redirixa toda a carraxe desta inxustiza cara a Xunta e, evitar no que se poida a responsabilidade compartida do inquilino do Consistorio olívico. Parece que algúns seguen con oídos xordos cando os manifestantes corean: "Caballero queremo-lo río enteiro" ou "Caballero, raposo, non leves o que é noso", "cos nosos petos, non se regan dinosetos" e tamén, claro, "Feijóo, escoita, o Verdugo está en loita".

Hai quen se apresura a pagar (non do seu peto non, do dos administrados que están afeitos a contribuir co seus impostos ás "solucións Ponte Caldelas" cun custe de 40.000 euros polas expropiacións da estrada de Laxoso) autobuses para irse concentrar diante de Cores Tourís, na Delegación da Xunta cando todo o mundo sabe que Augas de Galicia está en Vigo..., Vigo, quen dixo Vigo?

Home, algún podería pensar que, aínda que é unha cidade moi grande, de paso que se vai protestar, como corresponde, ante Augas de Galicia tamén se podería visitar ao propietario do dinoseto por aquelo de comprobar si ten falta de rego, ou non?

Ponte Caldelas non é menos que Vigo...
Comentarios