Opinión

Pontevedra débelle un premio a Juan Juega Puig

ESTES DÍAS un grupo de historiadores e persoas relacionadas co mundo da cultura e a sociedade civil de Pontevedra pedían públicamente ao Concello da Cidade do Lérez a creación dun premio e a celebración dunhas xornadas anuais de historia sobre a nosa cidade que leven o nome do profesor Juan Juega Puig, falecido hai algo máis dun ano, e responsable de divulgar as luces e sombras do noso pasado e a intrahistoria de Pontevedra e as súas xentes.

Como alumno que fun del paréceme que sería un xeito máis que indicado para recoñecer o traballo e o sacrificio a un investigador abnegado que contribuiu co seu esforzo a un mellor coñecemento da historia real, non daquela baseada nos mitos e nas lendas, da cidade de Pontevedra e os seus protagonistas.

Este recoñecemento público tería un dobre sentido, por unha banda, honra-la figura dun abnegado historiador que consagrou gran parte da súa vida e das súas horas de “ocio” a mergullarse en vellos papeis, ás veces case que indescifrables, en antigos legaxos de letra ilexible para ir desgranando con cifras e documentos os cimentos da Historia, con maiúsculas, da capital da provincia.

E, por outra, a celebración destas xornadas anuais de historia permitirían divulgar, como era o seu desexo, as miserias e grandezas do noso devir histórico para que podamos coñecer mellor a razón de onde estamos e nos permita trazar dun xeito máis racional un camiño de futuro con garantías de non repeti-los nosos erros.

Grazas a Juan Juega Puig hoxe coñecemos máis daquela Pontevedra do século XV que liderou o desenrolo económico de Galicia a través das artes da pesca e a salazón que fixeron grandes ao Gremio de Mareantes, costeadores da gran Basílica de Santa María A Maior, e auténtico catalizador da sociedade pontevedresa do momento.

Os esforzos de Juan Juega permitiron coñecer a verdadeira historia do comercio marítimo de Galicia dos séculos XV, XVI e XVII, o papel dos xudeos no desenvolvemento da cidade de Pontevedra, as murallas da nosa cidade, o sefardismo en Galicia ou o negocio do sal e o papel dos alfolíes existentes preto da Ponte do Burgo.

Tamén foi quen lle deu forma e sentido á historia construtiva do cárcere vello de Pontevedra a través dun traballo que foi percorrendo cronolóxicamente o papel deste vello edificio do cal teño unha anécdota especial que gardo con cariño da miña relación como alumno becario do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, institución á que fun parar por mediación de Juan Juega.

Nesa época, estando “baleirando” legaxos para inventaria-lo seu contido atopei uns planos que me chamaron moito a atención. Tratábanse duns papeis do século XVIII, máis concretamente do ano 1750. Era o contrato de construción da nova prisión, formalizada nese ano entre o reximento, o apoderado arzobispal e o maestre de obras Pedro Antonio Ferreira. Para min atopar estes documento foi como dar co tesouro de Benito Soto, o pirata da Moureira. Foi un momento de subidón de adrenalina que non esquecerei nunca na miña vida pola carreira que botei ata a mesa do meu profesor, Juan Juega, para expoñerllo sen tardanza, cuestión que agradeceu sempre públicamente recoñecendo en todos e cada un dos seus escritos ou referencias a ditos planos a miña autoría como “descubridor”, incluso nun artigo que publicou, e me adicou, no Faro de Vigo no ano 2012, do cal me sinto profundamente agradecido e orgulloso por ter contribuído, minúscula e modestamente, a sacar á luz parte da nosa historia.

Juan Juega foi sempre un home cercano, modesto e de agradable conversa, accesible a todo o mundo e un inspirador contaxioso do amor pola historia entre os seus alumnos e tamén un profundo namorado da súa Pontevedra natal á que honrou sempre que pudo desde a sensatez, a ciencia metodolóxica e a comprobación empírica documental das súas teorías sobre as causas e consecuencias dos distintos acontecementos polos que pasou a cidade nas súas distinta épocas.

Hoxe máis que nunca é tempo de ser xustos e xenerosos con aquelas persoas que desde un posicionamento discreto son os auténticos artesáns do coñecemento da nosa intrahistoria e da nosa razón de ser como pobo. Saber porque Pontevedra é unha cidade de interese capital é un dos méritos, entre outras moitos investigadores e historiadores, de persoas como Juan Juega Puig.

Creo que Pontevedra débelle un premio e unhas xornadas de historia á memoria do profesor, investigador e historiador Juan Juega Puig e o noso deber como cidadáns é reclamar dos poderes públicos ese xusto recoñecemento, ou non?