Opinión

As présas de Feijóo por acabar co Estado de Alarma

DEIXANDO ATRÁS odios e querencias políticas, o que comunmente está establecido é que Galicia sufriu dun xeito distinto a loita contra o Covid-19 non só pola situación especial do desenvolvento epidemiolóxico da pandemia na nosa comunidade como polas medidas adoptadas desde o primeiro momento polo goberno autonómico que fixeron que esta crise sanitaria tivera unhas características propias diferenciadas.

Con isto non quero entrar en teorías supremacistas sobre se a idiosincrasia galega se parece máis á portuguesa que á castelán e que xenéticamente hai máis ou menos similitudes e inmunizacións cos nosos veciños do sur que co resto da Meseta, pero o que si é certo é que os tempos e o xeito de se desenvolver a enfermidade foi radicalmente diferente a outros lugares do Estado Español.

Dito isto, e dentro da filosofía de Pedro Sánchez de eludir responsabilidades a través do que deu en chamar "gobernanza" do Estado de Alarma para poder mante-lo seu complicado xogo de equilibrios e maiorías no Congreso dos Deputados, o certo e verdade é que estamos en Galicia na Fase 3 co dilema de se seguir baixo medidas de estrito control ou pasar a unha desescalada definitiva e incluso pedir, como parece que está adiantando Feijóo, a supresión do Estado de Alarma na nosa Comunidade Autónoma a partir do vindeiro luns.

É certo que cada vez temos máis présa por chegar á "nova normalidade" e que esta sexa o máis libre e sen ataduras posibles. Atrás quedan as restriccións de movemento, o maldito confinamento e os horarios de saídas á rúa que tan mal levamos todos.

Pese a todo isto, a ninguén se lle escapa que á volta de setembro e outubro entraremos de cheo nun máis que probable risco de rebrote, que moitos prognostican máis duro que o orixinal e que nos condeará a un novo confinamento para pasar o Nadal.

Temos todos moita présa en acadar a máxima normalidade posible por moitas razóns. Uns, para volver traballar e saír do ERTE no que están onde ven reducidos considerablemente os seus ingresos e se ven obrigados a ter que tirar de aforros para chegar a fin de mes. Outros, para que os seus negocios reaperturados comecen a capta-lo consumo paralizado polo Covid-19 e que precisa do dinamismo externo que aporta o turismo no noso país para "salva-los mobles" de cara a rematar este ano contable coas menores perdas posibles.

E todos, porque agardamos que o que queda atrás fora un pesadelo, un mal soño que debe quedar no esquecemento e que a forza de tirar cara adiante e apreta-lo acelerador pase máis cedo que tarde a formar parte desas curvas decrecentes cíclicas do noso sistema económico para esquecemento pola vía da urxencia dos comúns dos mortais.

Nesta voráxine de sentimentos e nestas ganas colectivas nas que todos nos atopamos hai que en caixa-lo anuncio/desexo do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de propor ao goberno de Pedro Sánchez que lle "conmute" a Galicia "a pena" á que está sometida polo Estado de Alarma e poida ao fin deixar todos estes nubarróns atrás e afrontar con garantías o lanzamento cara o 2021, Ano Santo Xacobeo que, segundo tódolos indicios, tentarase prolongar no tempo o máximo posible para que incluso, nesta ocasión, sexa bianual invadindo temporalmente o 2022.

Tamén é certo que Feijóo ten como horizonte inmediato unhas novas eleccións autonómicas onde espera consegui-la súa cuarta maioría absoluta, igualando a de Fraga, e todo o mundo coincide en que é mellor afrontar un pase polas urnas desde un optimismo curtopracista que inmersos nun Estado de Alarma que nos siga a recordar que o perigo do Covid-19 segue presente...

O dilema é complicado, porque con Estado de Alarma ou sen el temos a obriga de vivir dependendo da evolución dun virus que ten ganas de quedarse modificando desde a nosa estética (presenza permanente de mascarillas) ata o noso modo de comportarnos (distanciamento social) ou de desfrutar da nosa cultura e do noso xeito de vida.

Polo tanto, Sr. Feijóo lembrarlle que as présas nunca foron boas e que, como di o refrán, "a gata coas présas pariu aos fillos cegos". Así que aplíquese o conto e non vaia ser que con isto de querer correr demasiado nos últimos metros da carreira acabe liándose nos cordóns do Covid-19 e acabe de fociños, sobre a pista a escasos metros de cruza-la meta, ou non?

Comentarios