Opinión

As présas non son boas conselleiras…

A corentena está máis que cumprida e os 40 días de confinamento van quedando atrás sen que, de momento, se vexa un punto e final definitivo ao problema da pandemia que obrigou a paralizala economía de todo un país que, aínda que non está na Champions League da economía como presumían algúns, desde logo é unha das que teñen un peso específico dentro do que é a Unión Europea. 

Deixando atrás o estado anímico da poboación e as ganas que cada quen ten por saír con normalidade das súas casas para reincorporarse aos seus hábitos sociais, postos de traballo (no caso de que teña a posibilidade de conservalos) ou facer vida social, temos que deternos na análise económica e os efectos que está a provocar esta pandemia, que ameaza con botar por terra toda a recuperación realizada nos últimos tempos para remonta-la crise do ano 2008 que tan duros axustes e privacións supuxeron para os de sempre. 

A medida que van pasando os días de confinamento e continúa paralizada a actividade produtiva do noso país, os responsables económicos danse de conta de que a soñada solución europea vai camiño de ser unha quimera inalcanzable, cando menos no que se refire a "socializa-la débeda" entre os compoñentes da Unión Europea a través dos chamados "coronabonos". 

Como cada vez esta solución está máis lonxe, e parece que os socios europeos non están polo labor de participar dos gastos que o coronavirus está a causar nas economías dos países máis afectados (España e Italia, fundamentalmente), fai que os que gobernan empecen a darse conta de que hai tensións de tesourería que van ter que resolver a curto e medio prazo coa diferencia de que non poderán acudir a políticas monetaristas e a tirar da “máquina de facer cartos” como se recurría na época da peseta aínda que iso supuxera unha evidente devaluación da moeda. 

A medida que van pasando os días de confinamento e continúa paralizada a actividade produtiva do noso país, os responsables económicos danse de conta de que a soñada solución europea vai camiño de ser unha quimera inalcanzable

Agora, ese cometido está delegado no Banco Central Europeo e os socios do norte, nomeadamente Alemaña, non están polo labor de resolve-los problemas que sufran os seus socios xa que eles son máis da idea e da tradición de que "cada pau aguante á súa vela", método que soen empregar para resolve-los seus propios problemas internos onde hai un concepto calvinista da solidariedade que choca moito coa calidez empática do sur Mediterránea. 

Ante isto, o Goberno de Pedro Sánchez está empezando a verlle as "orellas ao lobo" e a ver que as contas públicas se teñen que facer cargo do pagamento de subsidios para 19 millóns de persoas entre pensionistas, desempregados e beneficiarios das axudas polos Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE), aínda que o seu pagamento se estea realizando con certo retraso, o que provocou xa que a Xunta, entre outros gobernos autonómicos, tivera que tomar cartas no asunto e chegar a acordos coas entidades financeiras para adiantar anticipos de 750 euros mensuais para que os afectados tiveran liquidez para sobrevivir no confinamento. 

Toda esta "pesada lousa" resulta demasiado incómoda para un Estado, como o noso, que xa ten, de xeito ordinario, tensións de tesourería para garantir o pagamento das pensións de xubilación e de subsistencia e que ve como a prima de risco vai medrando a un ritmo que comeza a ser preocupante. 

Fronte a isto, e cun estado de parálise case total da economía, a recesión prevese que pode superar os dous díxitos e o déficit público acadar o 120 % do PIB, unha débeda que aínda que moitos pensen que é inasumible e impagable, vaise ter que aboar dalgún modo aínda que sexa hipotecando o noso futuro durante décadas. 

Sumado a todo este problema está a falla de poder recadatorio do Estado xa que ao aumentar o desemprego, baixar os salarios do personal ata os niveis das axudas de subsistencia fan que a capacidade de contribuir ás contas públicas merme mentras as obrigas van medrando, sobre todo se se establece ese salario social de supervivencia que se prevía que ía entrar en funcionamento no mes de maio, pero que en realidade vemos como de momento… nones. Gáñase menos, recádase pouco e non se poden subir impostos indirectos pola falla de capacidade de aforro e de consumo dos cidadáns… O diagnóstico é malo ou peor. 

Con este panorama sobre a mesa, a desescalada faise, máis que un desexo, unha necesidade imperiosa e os riscos dun rebrote van sendo menos considerados ante a premura de saír do atolladeiro no que as circunstancias e a improvisación das medidas van metendo ao Goberno. 

En fin, que como aseguran os montañeiros, é máis difícil e perigoso o descenso e a desescalada que coronar unha cúspide. Así que, como din os nosos maiores, hai que ir con calma e boa letra porque as presas son sempre malas conselleiras, ou non?

Comentarios